25 de xullo: Día da patria, da matria e da dignidade galega

Carme santos
Carmen Santos. Ex SX de Podemos Galicia

Hai datas que nos interpelan. Hai datas que falan de nós, non só polo que foron no pasado, senón polo que significan no presente e polo que poden chegar a representar no futuro. Para min, o 25 de
xullo, Día da Patria Galega, é unha delas.

Nesta xornada conviven moitas visións: a relixiosa, a festiva, a institucional, a política, a cultural. E iso, lonxe de ser un problema, é a maior riqueza que temos. Porque Galiza é plural, e iso non nos divide, senón que nos define. A nosa identidade non é uniforme, pero si compartida. Amamos esta terra desde distintas perspectivas, pero sentímola como nosa, como matria, como orixe, como
destino e como futuro.

Persoalmente, eu falo de matria, porque Galicia é para min unha terra-nai: rica, acolledora, afectiva, sabia e con memoria. Galiza é diversidade, é capacidade de loita, é historia milenaria, é cultura viva. Galicia é tamén acubillo: para quen nace nela e para quen vén de fóra e decide ficar para facer medrar esta terra xuntas.

Por iso, cada 25 de xullo, non celebro só un símbolo relixioso ou unha tradición institucional. Celebro o feito de pertencermos a unha nación que resiste, que non esquece, que camiña con paso firme cara ao futuro. Celebro tamén que podemos erguer a voz sen negar a ninguén, sen excluír, sen confrontar por confrontar. Non necesitamos inventar inimigos para defender o que somos.

Hai quen quere convertir esta data nunha batalla, nunha loita entre nacionalismos, nun campo de confrontación entre identidades. Pero non é iso o que precisamos nin o que somos. O orgullo de sermos galegos e galegas non se constrúe sobre a negación doutros pobos, senón sobre o respecto e a dignidade da nosa propia historia.

Galiza é un exemplo de convivencia. De como se pode defender unha identidade nacional propia sen caer no rexeitamento, sen fomentar o odio, sen alimentar a exclusión. E iso tamén é importante lembralo. A nosa loita non é contra ninguén: é pola nosa lingua, pola nosa cultura, polos nosos dereitos, pola nosa capacidade de decidir, de construír e de existir sen pedir permiso

O 25 de xullo tamén é un día simbólico pola súa dobre dimensión: a relixiosa, centrada na figura do Apóstolo Santiago, e a política, centrada na nosa identidade nacional como galegos e galegas. E, aínda que non profese ningunha fe relixiosa, non vexo contradición en recoñecer o valor simbólico e cultural que o Camiño de Santiago tivo e ten para Galiza. Porque é parte da nosa historia, do noso
recoñecemento internacional, da nosa apertura ao mundo.

Pero debemos ter claro que as relixións —todas— deben ficar fóra das decisións políticas, da moral pública, da educación común e da xestión dos recursos públicos. Só así poderemos construír unha sociedade xusta, libre e verdadeiramente diversa. O fanatismo relixioso, sexa cal sexa a súa forma ou orixe, é incompatible co respecto e coa igualdade. E tamén é incompatible coa Galicia que queremos.

Por iso, este 25 de xullo, eu non me quedo na casa. Saio á rúa, vou a Santiago, á manifestación, para dicir alto e claro que queremos unha Galiza viva, ceibe, diversa e orgullosa de si mesma. Que queremos unha Galiza-Galicia-Jalisia onde todas teñamos lugar, onde todas poidamos vivir con dignidade, onde a nosa identidade non sexa un obstáculo, senón un motor de futuro.

Convido a todas e a todos a participar. Porque esta data é nosa. De quen leva Galicia na voz, na pel, no corazón. De quen a defende desde dentro ou desde lonxe. De quen soña con un país mellor, máis xusto, máis libre.

Que ninguén nos diga como debemos sentir. Que ninguén nos faga ver que celebrar Galicia é excluír a outros. Porque reivindicar o noso é tamén abrir os brazos, é avanzar, é construír. Galiza é de todas. Galicia é de todas. Jalisia é de todas. Iso é o nacionalismo galego do século XXI. Tamén é galeguismo. É patria. É matria.