O Pleno de Nigrán, a iniciativa do BNG, aproba a creación dunha brigada de medio ambiente

Logotipo BNG

Dotarase tamén unha praza de técnico forestal para configurar unha unidade estábel que dea resposta ás necesidades estruturais nesta materia para todo o concello

A proposta nacionalista, aprobada co voto favorábel de BNG e PSOE e a abstención do PP, insta igualmente ao Goberno Municipal a vixiar o cumprimento da limpeza das faixas secundarias de protección dos núcleos.

No mesmo sentido instan á Xunta de Galicia a que revise o marco competencial para que sexa a administración galega quen asuma a execución subsidiaria da limpeza nos casos de incumprimento por parte dos titulares ou cando sexan descoñecidos

A corporación de Nigrán, co apoio a unha moción do BNG por parte do PSOE e a abstención do PP, acordou crear unha unidade estábel de medio ambiente, dotada cunha brigada e un técnico forestal que desenvolva as competencias que nesta materia ten o concello, así como o cumprimento das obrigas que a normativa lle impón a administración municipal.

Esta unidade daralle continuidade a actual brigada forestal, que responde a un programa temporal que remata este ano, prorrogábel por outro máis, ao mesmo tempo que estende o seu ámbito de actuación a todo o concello, en lugar de limitalo ao Parque forestal Os Matos – Río Táboas, que é o obxecto do programa temporal en vigor.

Pola súa banda, a proposta tamén incide na limpeza das faixas secundarias de protección dos núcleos, cuxa xestión a normativa actual impón aos concellos. Para iso insta ao Goberno Municipal a efectuar os requirimentos precisos e velar polo seu cumprimento, mesmo coa execución subsidiaria de ser o caso, para o que é necesario contar cun servizo que a poida exercer.

Precisamente esta execución subsidiaria é tamén obxecto de análise na moción, ao recoller o acordo de instar á Xunta de Galicia a que revise o marco de competencias actual en materia de prevención contra os incendios forestais, co obxecto de que sexa a Xunta quen asuma a execución subsidiaria das tarefas de limpeza nos casos de incumprimento por parte dos titulares así como nas parcelas de propiedade descoñecida.

Finalmente o Pleno de Nigrán insta á Xunta de Galiza a que aprobe unha moratoria inmediata a novas plantacións de eucalipto para reconducir a política forestal cara a un modelo de monte ordenado e multifuncional, ao mesmo tempo que lle esixe o reforzo e a profesionalización dos servizos de prevención e extinción da súa competencia.

En definitiva, a moción nacionalista aprobada, pretende incidir en cambios estruturais que eviten ou minimicen o desastre que viviu o noso país este verán e que aquí temos moi presente dende o 2017, cando nos tocou sofrelo en primeira persoa. Que o Concello de Nigrán non se vise afectado por esta vaga responde máis ao azar que a cambios reais na xestión dos montes ou a prevención dos lumes.