O Tebra F.C sementa a paixón polo fútbol en toda a parroquia

Hai pouco máis dunha década un grupo de veciños de Tebra emprenderon a titánica tarefa de resucitar o fútbol na súa parroquia, pois o equipo de Tebra por mor de distintos problemas económicos acabara por desaparecer. A base de esforzo e dunha xestión responsable conseguiron crear un equipo novo en Tebra, que hoxe compite con dignidade en segunda categoría autonómica e que ten moi serias posibilidades de ascenso á categoría superior. A afección do Tebra é unha das máis apaixonadas das que coñezo, e coñezo moitas, e todas as semanas, ben sexa no campo da Carballa ben sexa nos partidos que o equipo disputa fóra da casa, acompaña con ilusión aos seus xogadores. O seu presidente é José Lorenzo, un home que ven de facer os 40 anos, enxeñeiro natural de Tebra e pai de dous nenos pequenos. Nós falamos con el. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

José Lorenzo presidente do Tebra F.C

Estou enormemente agradecido polo vínculo tan importante que ten Tebra co seu equipo de fútbol”

Queremos coñecerte un pouco mellor?

Ben, son natural de Tebra, teño 40 anos, son enxeñeiro e teño dous nenos pequenos

Canto tempo levas na presidencia?

11 anos. Quédame un ano para rematar o meu terceiro mandato.

Estás canso?, ou aínda tes folgos para seguir?

Ben. A verdade é que me gusta moito o que fago. Pero o certo é que levo moito tempo, que teño que quitar da miña vida persoal. Seguramente seguirei, pero me gustaría que alguén se fose animando a tomar o relevo.

O Tebra chegara a desaparecer e refixéstelos vós, verdade?

Pois si. Os problemas económicos fixérano desaparecer e levabamos como media ducia de anos sen equipo de fútbol na nosa parroquia.

Non había equipo, pero a afección ao fútbol non se perdera?

Efectivamente. De feito foi montar o equipo e a repercusión que tivemos foi elevadísima. O primeiro ano chegamos a ter máis de 400 socios.

Seguides xogando os vosos partidos no campo de Tebra?

Non, mudámonos e agora xogamos na Carballa en Tomiño. O motivo é porque o campo de Tebra estaba en moi mal estado e o seu mantemento supuña un enorme esforzo moi difícil de asumir para o noso equipo.

Malia que xa non xogades na parroquia a afección so fútbol en Tebra segue a ser moi elevada?

Si, a verdade é que si. Nós movemos un volume de xente moi elevada e eu estou enormemente agradecido pola vinculación tan intensa e importante que ten a parroquia de Tebra co noso equipo. Incluso cando imos xogar fóra podemos levar 50-60 persoas a arrouparnos e isto é moi bonito e importante para os xogadores e para o club no seu conxunto.

Penso que sodes ademais de fieis, unha afección moi apaixonada?

Ha, ha, ha, ha..Si. A afección de Tebra é unha afección guerreira.

Cal é o voso uniforme?

Azul mariño cunha franxa branca no centro. É distinto ao histórico do Tebra. Nós comezamos de 0 e decidimos facelo tamén cun uniforme novo.

En que división estamos competindo agora?

Estamos en segunda autonómica.

Cal é o obxectivo deportivo para esta temporada?

O ano pasado chegamos a disputar a promoción de ascenso, promoción que perdemos co Bueu. Este ano queremos como mínimo repetir o da temporada anterior e xogar a promoción. Pero en absoluto desboto que poidamos aspirar ao ascenso directo. De feito antes de perder co Mosende estabamos no segundo posto, e os dous primeiros ascenden directamente. Os rapaces están moi motivados. Temos un moi bo equipo e teño unha ilusión enorme en que poidamos culminar un gran ano.

Pola realidade económica e demográfica que ten Tebra, cal cres que é a categoría natural na que se debe de consolidar o equipo?

Eu creo que a 1º autonómica. Debemos aspirar a subir e a consolidarnos nesa categoría. Por outra parte en primeira están moitos equipos da nosa comarca…e poderíamos disputar uns marabillosos partidos de rivalidade que sempre atraen a moita máis xente ao campo, e supoñen unha importante inxección económica coas taquillas que se fan eses días.

Só temos equipo sénior, por que?

Si, só temos equipo sénior porque no noso concello xa hai tres canteiras diferentes( Tomiño, AD, e Goián) e resultaría practicamente imposible montar outra nova.

E montar un equipo de fútbol feminino?

É que xa está o Tomiño, que o está facendo marabillosamente ben. Se nós montásemos un o que fariamos sería dividir e debilitar. Francamente non o vexo.

Como levades a cuestión económica?

Eu creo que a levamos ben. Procuramos facer unha xestión responsable dos nosos recursos para non pasar apuros. Grazas aos nosos socios e aos noso patrocinadores, aproveito a entrevista para agradecerlles desde o máis profundo de min a súa xenerosidade, vamos tirando no día a día.

Como se porta o concello con vós?

O concello pórtase ben con nós. Temos unha relación fluída e cordial con Rubén, o concelleiro de deportes, e cando temos algún problema ou necesidade eles teñen moi boa vontade para axudarnos a amañar. Estamos pendentes de que nos axuden coa cantina e agardo que o poidan facer o antes posible.

De onde son os xogadores?

Temos algún de Gondomar e de Nigrán, pero a maioría son de Tomiño.

Cantos directivos sodes?

11.

Algunha muller?

Non, somo todos homes. Pero estariamos encantados de que se incorporase algunha muller.

O Tebra é xa un proxecto consolidado ou pode haber risco de desaparición como xa lle pasou no pasado?

Imos ver: o Tebra desapareceu por problemas económicos. Nós, como che dixen antes, de momento non temos ese problema. Nunca se sabe o que pode pasar no futuro, pero penso que o noso equipo vai ter continuidade no tempo. O noso equipo ten unha media de idade moi baixa, aínda teñen moito tempo para poder seguir xogando,e a afección na parroquia é moi intensa. Agardo que non haxa problemas relevantes e que a nosa parroquia poida seguir tendo equipo de fútbol nas seguintes xeracións