Nun fútbol cada vez máis condicionado polos balances económicos, as présas polos resultados e unha profesionalización que moitas veces deixa pouco espazo para a identidade local, o CD Moaña continúa a ser un deses clubs que explican mellor ca ningún outro a relación entre un equipo e a súa vila. Un club humilde, de barrio e de afección, que leva décadas formando parte da paisaxe social e deportiva do Morrazo e que, como tantos outros, atravesou momentos difíciles nos últimos anos. Momentos nos que a continuidade da entidade chegou a estar seriamente comprometida, non tanto polos resultados deportivos como por unha xestión anterior que deixou unha herdanza pesada en forma de débedas e incerteza
Foi nese contexto cando Estela Santomé asumiu a presidencia do CD Moaña. Fíxoo sen grandes discursos nin promesas alleas á realidade, pero cun obxectivo claro: salvar o club e garantir a súa supervivencia. Hoxe, coa entidade estabilizada desde o punto de vista económico e institucional, ese primeiro reto pode considerarse superado, aínda que segue a ser, como ela mesma admite, unha prioridade permanente. Porque nun club destas dimensións nada está definitivamente gañado e cada tempada é un novo exercicio de equilibrio.
No plano deportivo, o primeiro equipo compite actualmente na Preferente Galicia, unha categoría esixente, na que cada xornada obriga a medir forzas con proxectos moi distintos. O comezo da tempada 2025/2026 non está a ser doado e a clasificación sitúa ao CD Moaña na parte baixa da táboa. Con todo, desde a presidencia evítanse lecturas alarmistas. Hai memoria recente doutras campañas nas que os resultados iniciais non reflectiron o traballo real do grupo, e nas que a constancia acabou dando os seus froitos. O obxectivo é claro e asumido con realismo e non é outro que manter a categoría.
Pero se hai un eixe que define o proxecto actual do CD Moaña é o fútbol base. Máis de cento trinta nenos e nenas forman parte da canteira, nun modelo que prioriza a formación persoal por riba da competitividade a curto prazo. Sen políticas agresivas de captación nin distincións artificiais entre equipos, o club aposta por crear un espazo seguro, inclusivo e vencellado á comunidade, no que o deporte sexa tamén unha ferramenta educativa. Iniciativas como o torneo de Nadal, con inscrición solidaria, son un bo exemplo desa filosofía.
Nesta entrevista, Estela Santomé debulla con claridade e sen adornos a realidade do club, as limitacións económicas, a autoxestión como única vía posible, o papel fundamental do voluntariado e a importancia de manter vivo o vínculo coa veciñanza. Unha conversa que permite entender que, máis alá dos resultados, o CD Moaña segue a ser un proxecto colectivo, feito desde abaixo, que resiste porque aínda hai xente disposta a defender que o fútbol tamén pode ser isto.
Cando asumiu a presidencia do CD Moaña que retos se marcou e que destacaría como obxectivos acadados desde que chegou ao cargo?
O primeiro reto que conseguimos ata o día de hoxe, era salvar a unha entidade histórica que estaba practicamente desafiuzada polas débedas contraídas por quen xestionaba o club anteriormente. A día de hoxe acadamos ese obxectivo que continúa a ser prioritario. Continuar a existir grazas ao equilibrio orzamentario e institucional.
A esta altura da tempada 2025/2026, o equipo ocupa postos baixos na clasificación da Preferente Galicia. Que explicación dá a directiva sobre o rendemento deste comezo de curso?
Quizais non se está a reflectir o esforzo do equipo nos resultados acadados. Non arrancamos ben, o ano pasado tampouco e malia ese inicio, por pouco acabamos xogando ó playoff de ascenso. Temos que manternos na categoría, ese é o obxectivo, sabemos que ese é o noso máximo. Se somos quen de manter a calma, o traballo e o esforzo que se está a facer, todo sairá ben.
Que medidas concretas se están a tomar para mellorar os resultados e evitar un posible descenso?
Na parada de Nadal sempre facemos un pouco balance xeral do estado do equipo. Normalmente non hai cambios e se os houbera, deberase máis ás circunstancias persoais de cadaquén que aos resultados do equipo.
En canto á estrutura deportiva, está previsto reforzar a plantilla no mercado de inverno? Se é así, en que posicións se priorizarán fichaxes?
Non existe esa intención.
Que valoración fai da xestión do corpo técnico e do persoal adestrador? Ten pensado facer cambios a medio prazo?
Positiva, moi positiva. Estamos traballando con xente moi laboriosa que está a facer todo o que ten na súa man para corrixir todo aquelo que ten que ser corrixido. O traballo que se fai pola semana é espectacular e eu quedo con iso. Hai moito traballo detrás deste equipo e os resultados chegarán.
Respecto da base do clube e as categorías inferiores, cal é o estado da formación de xuvenís e infantís? Hai proxectos novos para potenciar o fútbol base en Moaña?
Nós temos unha canteira composta por 136 xogadores. O que a nós nos interesa é formar persoas, persoas que o pasen ben, que traballen en equipo e que desfruten. Que se sintan motivados e con ganas e que nos lle poidamos dar todas as facilidades. Traballamos con eles moito o esforzo, a convivencia e a solidariedade. Traballamos organizando o torneo de Nadal onde xa hai 542 crianzas anotadas, onde as subscrición é simplemente a achega de alimentos.
Agora ben, nós non nos dedicamos a fichar rapaces como si fan outros clubs, porque aquí vén quen quere. Nós non miramos aos xogadores como números. Danos igual que un xogador estea no Alevín A ou B. É un xogador máis, unha persoa. De feito ás veces é mellor estar no equipo B, que no A por cuestións federativas. Facemos esa división porque é algo que nos impón a Federación ao limitar a cota de inscrición a 15 xogadores por equipo.
Falemos agora sobre as instalacións, o campo do club d’O Casal. Hai plans de mellora, mantemento ou modernización das infraestruturas?
Hai pouco o Concello de Moaña cambiou o céspede pero quizais o que si faría falta, sería outro vestiario máis de cara a eses momentos nos que se organizan torneos, así como tamén é certo que na grada comezamos a apreciar que caen algunhas pingueiras.
Desde o punto de vista financieiro, que impacto teñen os patrocinadores, institucións locais ou colaboracións institucionais no orzamento do club nesta temporada?
Nós somos un club que se auto xestiona. Que non ten un gran patrocinador. Temos pequenos anunciantes, e sobre todo moito traballo detrás nos torneos e na autoxestión de elementos como a nosa cantina, que é o que nos axuda a financiarnos.
Cal é a relación actual do CD Moaña coa afección local e como se incentiva o apoio da comunidade?
O noso principal obxectivo é crear un vínculo, cos pais e nais en especial. É desde ese punto de vista síntome apoiada totalmente.
Como valora a saúde orgánica do club en canto a directiva, voluntariado e participación de socios? Que lles pediría aos socios e simpatizantes nestes momentos difíciles?
A xente participa dunha maneira moi activa, anotase aos voluntariados para o torneo. Somos unha gran familia sen dúbida.
Cal é a súa visión a medio prazo para o CD Moaña?
Continuar na mesma liña de traballo que vimos levando nos últimos anos. Sempre digo que o importante é que a xente queira vir ao Moaña.
Por último: cal sería a mensaxe que quixeres compartir coas familias, afección e xente de Moaña que segue ao club, especialmente as novas xeracións que poderían sumarse ao proxecto?
Diríalles que somos un club pobre pero que nada ten que envexar ás outros. Aquí o importante é fomentar o deporte e formar en valores á xuventude.
Hai algo que sempre digo que me faría moita ilusión. Gustaríame ver á xente paseando por Moaña que leve a nosa camisola posta como maneira de presumir ao seu equipo.
Do resto, o importante é que o CD Moaña continúe a formar xogadores e persoas porque ás veces dáme a sensación de que estamos a converter o fútbol en todo menos no que ten que ser, fútbol.
