Máis feminismo por favor!

Silveiras Asociación feminista

En marzo conmemoramos a loita das mulleres dende principios do século XX pola xustiza e a igualdade. Daquela eramos oficialmente consideradas persoas de segunda categoría sen dereito ao voto ou ás nosas finanzas. Hoxe os avances son ben visibles, máis as desigualdades aínda son profundas:

Porque seguimos morrendo a mans das nosas parellas homes

O poder xudicial rexistrou en 2025 en Galicia unhas 20 denuncias diarias por violencia de xénero, sendo condenatorias o 87% das sentencias. No Estado Español, a finais de febreiro deste ano lévanse rexistrados xa, 12 asasinatos machistas incluídos 2 menores.

Porque seguimos gañando menos ca eles

A fenda salarial de xénero en España actualmente é do 15%, o que significa que as mulleres cobramos anualmente, miles de euros menos que os homes. A pesar de ter diminuído, a desigualdade persiste debido á segregación laboral e á maior contratación a tempo parcial das mulleres.

Porque seguimos sendo nós quen asume os coidados de crianzas e maiores

A fenda de xénero nos coidados en España é profunda e ten un custo oculto de más de 95.000 millóns de euros anuais. O 37% das mulleres asumimos o coidado habitual das crianzas fronte a un 5,6% dos homes. En 2024, o 84,4% das excedencias por coidados foron solicitadas por mulleres.

Porque seguimos sendo nós as que asumimos as tarefas do fogar

As tarefas da casa seguen principalmente nas mans de mulleres. Máis da metade afirma que sempre ou case sempre se encarga de lavar a roupa, fronte ao 13,3% dos homes que din asumir esa tarefa.

Porque seguimos ignoradas e maltratadas na atención sanitaria

Amais da violencia obstétrica ou o a deficiente atención en saúde mental, enfrontamos diagnósticos nesgados e tardíos (2.5 anos máis para cancro e 4.5 para diabetes), menor investigación e peores indicadores de saúde para as mulleres, influenciados por factores socioestruturais como usar o corpo masculino como estándar biomédico.

Porque seguimos sufrindo violencia sexual

Non hai día en que no se produza en Galicia una agresión sexual. Nos últimos 5 anos, estes delitos medraron en cantidade (25% máis) e en gravidade (violacións grupais). Só no primeiro trimestre do 2025 rexistráronse 187 delitos contra a liberdade sexual, dos que 42 foron violacións.

Porque seguimos ausentes dos centros de poder públicos e privados

A pesares das políticas de igualdade, o teito de cristal e o acaparamento masculino da toma de decisións son unha realidade: En España as mulleres temos un 65% menos de posibilidades que os homes de ascender a cargos de alta dirección (3% CEO mulleres).

Porque seguimos figurando como obxectos

Na cultura, na escola, na ciencia, nos museos, na publicidade… en fin, en todas as esferas da vida social, a muller é relegada a obxecto negándose e invisibilizando a nosa acción creadora e protagonista. Por poñer un exemplo actual, no eido do cine, en 40 edicións, só 5 mulleres gañaron o Goya á mellor dirección.

Por todo isto non podemos abandonar a loita. Non podemos deixarnos seducir polos discursos que afirman falsamente que a igualdade xa está conseguida ou, o que é moito máis grave, que o feminismo está agredindo aos homes. Os datos son contundentes, só hai que ver con honestidade que seguimos sufrindo desigualdade e violencia, só por ser as femias da especie humana. Por iso o 8 de Marzo berramos: Máis feminismo por favor!

Primer comentario

Deixa a túa opinión