O pasado domingo 8 de febreiro o actor das Neves Juan Luis Lage representou no auditorio municipal a obra “ Parece que foi Schrödinger”. Esta é unha obra de grande complexidade técnica na que un só actor ten que asumir cinco papeis diferentes, todos eles moi distintos entre si, nun moi curto espazo de tempo, pois a duración da obra é de entre 30 e 45 minutos. O éxito da función foi notable. O auditorio Jose Gil estivo practicamente ateigado de público que gozou coa grande calidade interpretativa deste mozo das Neves que con moito talento e ilusión pretende facerse un oco no difícil mundo da interpretación ata poder converter a súa paixón, interpretar, na súa forma de gañarse a vida.
Nós aproveitamos a representación para conversar con el sobre esa función en particular, e sobre os seus plans de futuro no mundo do teatro.
“A valoración da representación foi enormemente positiva. Encantaríame repetir pronto”
No mes de febreiro fixeches unha representación no auditorio de As Neves. Que obra foi ?
Representei a obra “Parece que foi Schrödinger”.Fixémola a través do circuíto “ Máis escénicas”, un programa da DEPO. Contratoume o Concello de As Neves
A valoración?
Enormemente positiva. Superou as miñas expectativas. O auditorio do Concello estaba practicamente cheo.
A representación fixéchela ti só, ou con máis actores ou actrices?
Fíxena eu só
Caramba, e canto dura a representación?
A idea é que dure arredor de 45 minutos. Ese día durou sobre 30,porque o primeiro día de representación os tempos son un pouco máis complicados.
Non é un pouco complicado para un actor representar el só?
Pode parecer que si. Pero en realidade para min é máis cómodo porque non dependo de ninguén para os ensaios.
O texto era complexo?
Si, si que o era porque tiven que facer cinco personaxes diferentes. O máis difícil foi o cambio de vestiarios e de rexistros.
Os perfís dos 5 personaxes eran semellantes?
Non, son perfís moi distintos. Son 5 detectives pero todos moi diferentes entre si.
E asumir cinco personalidades distintas en tan só media hora non resulta un tanto esquizofrénico?
Ha, ha, ha… Pode parecelo, pero a min intercambiar personaxes é o que máis me gusta do teatro. Eu paseino moi ben. Sentinme moi cómodo na escena. Por outra banda esta obra permite en gran medida a interacción co público que é algo que axuda enormemente a estar a gusto mentres representas.
Algunha vez mentres representabas sentiches medo escénico?
Por sorte non. Ás veces estiven a piques de quedarme en branco pero sempre o solucionei con improvisación
No teatro actual xa non existe a figura do apuntador, verdade?
Non, xa non existe.
Entón se no medio dunha representación quedas en branco non che queda outra que foderte?
Ha, ha, ha ha…Efectivamente, non queda outra.
Como valoras a reacción do público das Neves: Estaba integrado e interactuaba? Ou chegastes a eses momentos un tanto tensos nos que hai moita xente mirando o móbil?
Como antes che mencionei a valoración é moi positiva en todos os aspectos. No que atinxe ao público tamén, non só en canto a asistentes, senón tamén no que se refire á súa actitude pois a xente estaba moi implicada e notábase que estiveron presentes desde ao principio ata o punto.
A obra foi financiada pola DEPO. Prevés repetir representación proximamente?
Encantaríame. Agardo que me chame algún outro concello. Teño algunha cousa en carteira pero aínda está sen confirmar. Por outra parte teño tamén algo previsto para o mes de maio en colaboración co actor Giovani Peixoto pero tamén está aínda sen confirmar. Se finalmente se confirma, que espero que si, xa vos manterei puntualmente informados.
Alén destas representación tes algunha outra actividade?
Si, dou clases de teatro en Angoares. Teño un grupo máis ou menos grande e estamos a preparar un par de obras que trataremos de representar durante o verán.

Primer comentario