Lois Pérez Leira

​Sempre que recorro a peonil do Calvario asáltame o mesmo recordo, nítido e doloroso, coma se o tempo non tivese transcorrido. Lémbrome de Pucho. Foi un gran amigo, un camarada entrañable con quen compartín ideais e confidencias. Alí mesmo, no corazón deste barrio obreiro, o seu pai tiña a casa e a xastrería. Todos o coñecían como «o xastre do Calvario».

​Miguel Gómez Pardo era socialista, un home de conviccións firmes que defendía a legalidade republicana. O seu destino quedou selado pola mezquindade: foi denunciado por vermello polo médico Martín Lago, que vivía xusto enfrente da súa casa. A ironía —o esperpento tráxico da nosa historia local— é que hoxe ese médico fascista goza da honra de dar nome a unha rúa no propio Calvario, mentres que Miguel foi fusilado nos muros do Castro o 30 de outubro de 1936, canda outros militantes que entregaron a vida pola liberdade. Ao pasar hoxe ante a antiga casa paterna, aínda sobresae, desafiando o esquecemento, un escudo que segue tendo gravado na pedra as siglas J.M., o testemuño indeleble dos Gómez Millán.

​Aquel crime deixou unha infancia durísima para Pucho, os seus irmáns e a súa nai, Generosa. Para manter a familia, ela tivo que empezar vendendo produtos de porco ás aforas do mercado do Calvario. E é aquí onde as coincidencias da vida tecen as súas redes máis asombrosas, entrelazando as pegadas familiares coas do meu gran amigo. Nese mesmo mercado de abastos traballaban os meus familiares directos: a miña avoa Flora e a miña tía Áurea, que tiñan un posto de froitas na primeira planta. Estreméceme pensar no cruzamento das nosas propias liñaxes entre os corredores do mercado; aquelas mulleres compartindo o espazo diario, o esforzo por sacar adiante os seus e o peso silencioso dunha época gris, mentres despachaban a frota e a carne. As pegadas da súa resistencia cotiá levantaron o barrio tanto coma a pedra. ​Coa inauguración do novo recinto, Generosa instalouse formalmente nun dos postos. Ao cumprir a maioría de idade, o seu fillo aprendeu o oficio de panadeiro, abriu os seus primeiros negocios —os coñecidos despachos de Gran Vía e O Berbés— e converteuse no «rei das empanadas» na planta de Citroën, onde repartía máis de 1.500 porcións diarias entre os traballadores.

​Antes da súa xubilación, o magnetismo da política e o destino levárono a Cuba. Alí, baixo o amparo da revolución que tanto admiraba e a súa devoción por Fidel Castro, Pucho rexuveneceuse. Casou e fixou a súa residencia na illa durante trinta e cinco anos, transformándose no embaixador clandestino de Galicia. Todo vigués que pisaba A Habana atopaba nel un anfitrión xeneroso, disposto a cociñarlles ou a redescubrirlles a cidade. Nos seus últimos anos, logrou o soño de vivir a cabalo entre as súas dúas patrias, repartindo o corazón entre o Atlántico de Vigo e o Caribe cubano, pero sen esquecer xamais de onde viña.