O pasado día 5 de outubro, o presidente do goberno do estado anunciaba que a actual lexislatura rematou, e que ía adiantar ás eleccións xerais ao vindeiro 29 de novembro. A este respecto quixera dirixirme a ti, amiga e amigo lector, para dicirche que, se esperas atopar unha opinión diferente á que expresamos habitualmente sobre os asuntos políticos, é preferible que non pases desta ringleira, pois vou dicir o que digo sempre que falo deste tema. A Nova Peneira é un medio de comunicación moi previsible, se cadra porque sempre di o que pensa, e nunca toma partido en función do que puidera beneficiar aos seus intereses en cada momento. Si, novamente imos defender que, na nosa opinión, neste proceso electoral é necesario apostar polo nacionalismo galego, pois só é o nacionalismo galego de esquerdas quen sempre toma partido de maneira inequívoca en defensa dos intereses lexítimos das maiorías sociais do pobo galego.
Nesta lexislatura que ven de rematar, ao igual que a anterior, o BNG tivo un só deputado no parlamento español, Néstor Rego Candamil. Agardo que algún día se recoñeza e premie o seu inmenso traballo como merece, pois son case 800 as iniciativas que presentou nas dúas lexislaturas nas que fixo oír a voz do nacionalismo galego en Madrid. O PP de Galicia ten 13 deputadas e deputados no congreso español. E se un se toma a molestia de procurar no buscador do congreso, o número de iniciativas sobre Galicia que presentaron na actual lexislatura a cifra que aparece é 0.Quero supoñer que presentarían algunha, quero imaxinar que non as encontro porque irán diluídas no medio dalgunha outra, pero en calquera caso as miñas suposicións non deixan de ser especulacións porque non atopo ningunha.
O número de deputados galegos do PP multiplica por 13 aos do BNG pero, e aquí xa non é supor senón que é unha realidade obxectiva, o traballo do BNG en defensa dos intereses do pobo galego multiplica por mil ao que poida facer o grupo popular. A razón é moi sinxela: O BNG serve aos intereses do pobo galego, indiscutiblemente con acertos e con erros pero é a defensa do noso interese colectivo o que guiou o traballo do deputado Néstor Rego, mentres que ao PP todo iso dálle igual, pois é o interese do seu propio partido o único motor que impulsa o seu camiño.
Que pode pasar nas eleccións de novembro?
O nacionalismo galego vai obter unha suba moi importante en votos, e máis deputados dos que agora ten, cada vez chega a máis xente e non para de ampliar a súa base de simpatizantes, iso non o discute ninguén. Eu vou votar nacionalismo, porque teño a convicción de que é a mellor opción para o ben común do meu pobo, o pobo galego. E en relación a quen pode ser o próximo inquilino da Moncloa, só dúas persoas teñen opcións realistas de ser presidente do goberno: Semella que quen o ten máis doado é Alberto Núñez Feijoo, si, ese que na lexislatura actual, non foi presidente porque non quixo. Pero non se pode descartar en absoluto que Pedro Sánchez, un home cunha extraordinaria capacidade para a resiliencia, volva repetir.
Estou case convencido de que o PSOE vai ser a forza máis votada. E é así porque nin o partido nin o candidato popular resisten unha comparación serena e obxectiva co partido e o candidato socialista. O PP non ten nada que ofrecer que poida beneficiar as maiorías sociais. O seu programa económico serve aos intereses dos especuladores e dos rendistas, e as súas políticas sociais son o de sempre: recortes e represión. E si, hai que dicilo unha e mil veces: recortes e represión. Asemade este é probablemente o peor PP de toda a súa historia. Mergullouse con todas as letras, cos ollos pechados e sen bombona de osíxeno, na onda extremista trumpista que percorre o mundo, por medo a que Vox lle roube importantes segmentos do electorado, e non fixeron outra cousa que o idiota, pois cando alguén ten que elixir entre o orixinal e a copia quédase sempre co orixinal.
Feijoo parécese cada vez máis a Von Papen, aquel líder da dereita alemá tradicional, na época inmediatamente anterior á chegada de Hitler ao poder, que no momento no que os nazis comezaban a gañar espazos fixo o mesmo que está a facer agora Feijoo, asumir como propio o discurso extremista para evitar perder espazo, e o que acadou foi exactamente o contrario: ser fagocitado polos ultras.
Pero malia que o PSOE supere en votos ao PP, é moi probable que a suma dos deputados populares máis os de Vox supere a cantidade de 175 e xa que logo poidan formar goberno. En calquera caso non está todo perdido nin moito menos. A situación vai estar moi equilibrada e pode ser o teu voto, amigo ou amiga progresista que estás desilusionado e non tes claro se ir votar ou non, o que termine por decidir o resultado final.
Pode repetir á esquerda?
Si, si que pode. Vai depender de dúas variables:- Que consiga mobilizar a todas as persoas progresistas, que indiscutiblemente son máis que as reaccionarias. -Que a esquerda estatal á esquerda do PSOE deixe de facer o parvo dunha vez, e presente unha candidatura única con referentes claros, ilusionantes e completamente afastados de estúpidos sectarismos cainitas.
Escribo este artigo o 6 de outubro. No momento actual Podemos e Sumar, e todas as marcas e submarcas do que non deixa de ser o mesmo espazo político aínda non chegaron a un acordo. Vaia irresponsabilidade¡¡¡¡.Cando estas páxinas vexan a luz xa terá rematado o prazo para presentar as coalicións electorais. Non penso mudar unha coma de aquí a alá. Só agardo que, no momento que esteas a ler estas palabras, esta parte do artigo careza de sentido porque o problema estea xa solucionado. No caso contrario, moito me temo que a presidencia de Feijoo e a vicepresidencia de Abascal van ser inevitables.
E que pode acontecer se houbese un goberno da dereita?
Recortes, represión, dificultades cada vez maiores para vida diaria e unha polarización terrible na sociedade. E o que sempre, sempre sen excepción, aconteceu cando gobernou a dereita en calquera época histórica. Non se trata de asustar a ninguén con que vén o lobo. É que desta volta o lobo vén de verdade. Non o consintas. Vota o que queiras, pero vota e non votes á dereita. O futuro non está escrito. Depende de ti.

Dirección A Nova Peneira

