Cando un xornal local alcanza unha cifra redonda, o dato vai máis alá do número; é a constatación dun compromiso vivo cunha terra e coa súa xente. A publicación do número 200 de A Nova Peneira marca un fito fundamental na historia do xornalismo do sur da provincia de Pontevedra e de toda a área de influencia.
Nun tempo no que a información parece discorrer a toda velocidade polas redes sociais —a miúdo de xeito efémero, descontextualizado e impersoal—, A Nova Peneira demostrou o valor insubstituíble do xornalismo de proximidade. Un xornal que ten a vocación de ser a peneira do pobo: un espazo onde filtrar o ruído exterior para darlle luz ás historias que realmente importan na vida cotiá das nosas vilas e parroquias…
….e dese xeito comezaría o artigo que lle pedin á IA, co cortexo consabido de loubanzas, lugares comúns, recopilacións eruditas, desexos de 200 números máis… en fin, de todo o que é preciso e necesario. E aburrido. Porque non sei eu se alguén puido chegar ata aquí despois de ler os dous primeiros parágrafos. Pasoume pola cabeza desordear as derradeiras liñas do segundo e poñelas a modo dun caligrama (e si, pregunteille á IA como é que se chama esa maneira de debuxar figuras xeométricas co texto, que non me lembraba desa palabra, caligrama), pero logo dixen que sempre é boa idea desbotar os manierismos, que non está o mundo para parvadas e eu aspiro á concisión e…oes, a medida que escribía, unha idea foiseme abrindo camiño: a IA somos nós, non si? Non, a IA somos o que nos gustaría ser ou, alomenos, reflicte o que consideramos apropiado, estándar. E así pode chegar o día en que ela (Ela) substitúa aos oráculos, máis ca iso, o oráculo xa o temos, chámase Google; pode chegar o día en que a IA sexa A Divinidade e, como todas, acabe consumida nun laberinto incomprensible de mitos, dogmas, represión e idioteces. O que non podería ser máis coherente, agora que o penso. Nacida para multiplicar o potencial da intelixencia humana, acaba convertendo o feito mesmo de sermos, de construirnos, intelixentes nunha desventaxa evolutiva e con iso, a capacidade de adaptarnos á estupidez, é dicir, de aceptar o establecido.
Confío en que o parágrafo anterior – rematado de xeito ambiguamente esperanzador – sirva para xustificar os meus anos de estudo e formación e os cartos gastados para conformar a miña modesta biblioteca (mentras escribía tiven ao meu lado, coma un anxiño da garda, o ensaio Nuevo elogio del imbécil, de Pino Aprile, por se alguén quere afondar no tema), porque en realidade escribin este artigo para deixar por escrito un agarimo; para min o xornal significa moito: recibilo na caixa do correo, quitarlle o plástico, botarlle unha ollada, pararme aquí, alá, e deixalo na mesa á que senta a miña sogra María Elisa, dicirlle por teléfono que xa chegou A Peneira e que llo teño listo para cando suba a Pazos. Quérote moito, soghriña.
Moitas grazas por todo, A Nova Peneira, de corazón.


