O BNG presentou unha moción de urxencia no pleno deste luns para denunciar os graves problemas de mantemento neste centro de educación infantil e primaria. O Bloque faise eco dunha denuncia feita pública pola comunidade educativa. O PP bloqueou coa súa maioría que se puidese tratar no pleno e responder as preguntas da cidadanía e da oposición.
A comunidade educativa do CEIP Plurilingüe de Atios denunciou graves danos no tellado do edificio e problemas graves estruturais e de mantemento no centro. A dirección do centro comunicoulle estas problemáticas ó goberno do PP de Alejandro Lorenzo, mais esta administración non lle puxo solución. O colexio conta con máis de 160 estudantes de infantil e primaria. Como centro público, depende da Consellería de Educación e o mantemento das instalacións é prestado polo Concello do Porriño.
O tellado presenta desprazamentos parciais da cuberta pola cal hai filtracións de auga. Estas filtracións provocaron roturas de falsos teitos e cortes de electricidade. As gradas que dan á pista deportiva teñen tamén desprazamentos polos que o pavimento do corredor entre o colexio e a grada mostra fendas. En distintas partes dos paramentos verticais das fachadas hai partes descascadas do seu revestimento, xerando dúbidas sobre a estabilidade estrutural da edificación. Outras deficiencias son a falta de accesibilidade ao andar superior ou a climatización das instalacións, singularmente nos días de moita calor.
O BNG levou ó último pleno esta situación para esixirlle ó goberno municipal unha resposta que vaia máis alá da publicidade. Alén do arranxo dos danos, tamén lle solicitan a Alejandro Lorenzo a elaboración dun informe de estabilidade tanto da estrutura da edificación como das gradas que dan á pista deportiva. Mais o PP, coa súa maioría, bloqueou esta moción e non permitiu que se tratase no espazo de máxima representatividade municipal que é o pleno.
“Este mes de agosto, Alejandro Lorenzo publicou nas redes sociais propias e municipais o anuncio do remate dunhas obras que ían significar un cambio e actualización drástica do colexio de Atios. Finalmente, estas resumíronse nun pouco de cemento de recheo en fisuras que esixen un tratamento de profundidade. Alejandro Lorenzo soluciona todo do mesmo modo: publicidade e superficialidade. A gravidade e o perigo desta situación esixe unha actuación seria por parte das autoridades competentes, sexa polo PP do Porriño, sexa polo PP da Xunta. Non deixar que se fale no pleno non vai facer que o problema desapareza ou deixe de preocupara a comunidade educativa de Atios”, declara Pedro Pereira, portavoz da forza nacionalista.


