Este espazo foi clausurado polo Concello tras varias caídas de escolares na pista de atletismo construída antes do inicio do curso
Gustavo Barcia: “Mentres o goberno do PP promociona a educación privada, desatende as necesidades dos centros públicos de Mos”
Mos, 4 de novembro de 2026. O BNG de Mos solicitou por escrito acceso ao expediente completo e ao proxecto das obras realizadas no patio do CEIP Pena de Francia, despois dos problemas de seguridade detectados na pista de atletismo construída polo Concello durante o pasado verán. Ata o momento, o goberno municipal do PP non facilitou a documentación solicitada, imprescindible para coñecer as condicións nas que se contratou e executou a actuación. “Queremos saber que se fixo, como se fixo e con que garantías”, sinala o portavoz municipal do BNG, Gustavo Barcia.
A superficie da pista, executada con asfalto e con problemas no firme e na drenaxe, provocou varias caídas de escolares desde o comezo do curso. Unha alumna tivo que recibir atención médica tras un accidente e, ante os problemas de seguridade, o goberno municipal optou por clausurar o patio, limitando o espazo dispoñible para o recreo. Para Barcia, “resulta inadmisible que unha obra que debía mellorar as instalacións deportivas do colexio acabe impedindo o uso do patio. O goberno municipal ten que explicar que pasou e asumir as responsabilidades que correspondan”.
O BNG considera especialmente grave a actitude mantida polo goberno municipal durante os últimos meses. Uns días antes da clausura do patio, a concelleira de Educación, Julia Loureiro, asegurou no pleno que se atenderan todas as demandas da comunidade educativa. Unha afirmación que contrasta cun inicio de curso marcado polas protestas de docentes e familias, as carencias de persoal e os problemas de mantemento, que mesmo obrigaron ás ANPA a asumir tarefas para poñer os centros a punto. “O PP insiste en dicir que todo está solucionado, pero a realidade que viven os colexios públicos demostra xusto o contrario”, apunta Barcia.

As prioridades do PP
Desde o BNG consideran que esta situación tamén evidencia as prioridades políticas de Nidia Arévalo e do seu goberno. Mentres os centros públicos trasladan necesidades que seguen sen resposta, a alcaldesa e a concelleira de Educación participan activamente en actos de promoción dos colexios privados instalados no municipio, chegando mesmo a acudir á inauguración dunha sucursal dun deles na Coruña. “A educación pública debería ser a súa máxima prioridade, pero en Mos o goberno do PP parece ter outras preferencias”, en palabras do portavoz nacionalista.
Barcia reclama que o Concello facilite de inmediato toda a documentación solicitada, explique as circunstancias nas que se executou a obra e adopte as medidas necesarias para garantir a seguridade do alumnado. “O mínimo que se pode esperar é que teñan a humildade de recoñecer os erros e poñan solucións enriba da mesa”. Na súa opinión, “o que non se pode facer é botarlle a culpa ás ANPA, ao profesorado ou ás familias, que son precisamente quen están intentando que os centros educativos funcionen en condicións dignas e seguras».

