Os nacionalistas de Baiona veñen de escoller unha nova candidata para encabezar a súa candidatura nas municipais do 27. Iago, o seu actual portavoz, dá un paso atrás e será substituído por Yasmina, unha moza de Sabarís, loitadora e valente, que leva toda a súa vida pelexando a prol do ben común e da igualdade. Ela recibiu a confianza da asemblea de militantes do bloque nesta preciosa vila , e recóllea con ilusión e responsabilidade, convencida de que o nacionalismo ten un enorme potencial de crecemento en Baiona. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
«Baiona non pode seguir sendo un municipio pensado máis para o turismo que para a súa veciñanza»
Antes de entrar en materia política, queremos coñecerte un pouco mellor. Quen é Yasmina Moreira?
Son de Sabarís, concretamente do barrio da Ribeira e vivín alí toda a vida. Son licenciada en Belas Artes e dediqueime ao deseño gráfico, aínda que é un sector complicado, especialmente cando es nai e tes que conciliar. Hai que buscarse a vida como se pode. Actualmente traballo no Parador de Baiona e no inverno tamén noutra empresa.
Como chegaches á política?
Sempre fun unha muller moi reivindicativa. Entrei na política fundamentalmente por Iago, porque nos coñeciamos e somos veciños do mesmo barrio. Eu sempre me sentín próxima ao nacionalismo e ao BNG. Buscaba un espazo no que me sentise representada, no que puidese compartir unha maneira de entender a realidade e traballar por aquilo no que creo. Así comecei en 2017.
Formaches parte do goberno municipal durante a etapa do tripartito do ano 19 ao 23. Levabas áreas como Igualdade, Xuventude e Novas Tecnoloxías como concelleira. Como lembras aquela etapa?
Agridoce. Foi unha etapa de moitísimo traballo e tamén de moito desgaste persoal. Eu son unha persoa á que lle gusta facer as cousas o mellor que pode. Deixei bastante de lado a miña vida persoal e familiar para dedicarme ao cen por cen á política municipal. Tiña un neno pequeno e foi complicado. Cando rematou aquela etapa necesitaba parar, tomar aire e recuperar a miña vida, a miña familia e o meu espazo persoal despois de traballar catro anos pola veciñanza de Baiona.
Malia ese desgaste, que balance fas do traballo político realizado nestes catro anos?
Moi positivo. Fixemos moitas cousas, algunhas que nunca se fixeran antes. Por exemplo, conseguimos que os plenos municipais se puidesen seguir por YouTube. Pode parecer unha cuestión menor, pero era unha decisión política e unha maneira de achegar a institución á cidadanía . Tamén renovamos a páxina web municipal, que estaba completamente obsoleta desde o 2013 e resultaba moi difícil de utilizar. Páxina que volve a estar sen mantemento e desordenada de novo.
No ámbito da Igualdade, o meu obxectivo era poñer as mulleres de Baiona no centro. Baiona arrastraba unha visión moi patriarcal e consideraba necesario equilibrar esa realidade. Traballamos para dar visibilidade ás mulleres, recoñecernos e crear espazos nos que puidesen ter protagonismo. Creo que foi un traballo importante.
Por que cres que se perdeu aquel goberno?
Creo que foi como resultado dunha suma de circunstancias. As famosas multas do anterior alcalde Carlos Gómez puideron influír, pero tamén houbo outros elementos e dinámicas internas mal xestionadas.
E por que o BNG pasou de dúas actas a unha?
Fomos arrastrados pola dinámica alcista da dereita, e sufrimos o desgaste de estar nun goberno tripartito que non cumpriu parte das expectativas que xerara.
Como valoras o actual goberno municipal do Partido Popular ?
Paréceme un goberno autoritario e decepcionante. Eu teño a sensación de que Baiona segue sendo un municipio pensado para a xente de fóra, especialmente para o turismo, e non para as persoas que vivimos aquí.
Prometeron moitas cousas e, ao meu xuízo, quedaron moitas sen cumprir. Por exemplo, prometérase levar a fibra óptica a todos os barrios e iso non se fixo. Hai unha distancia importante entre os seus anuncios e a realidade que vive a veciñanza.
Como está o acceso á vivenda?
É moi difícil. A vivenda en Baiona é prohibitiva. Unha persoa nova que queira independizarse e quedar a vivir no municipio teno moi complicado, salvo que dispoña de recursos familiares. Moita xente acaba marchando a outros lugares, como Gondomar ou Tomiño, porque aquí non pode asumir os prezos.
É un problema gravísimo e non se está resolvendo. Para nós, a vivenda ten que ser unha prioridade absoluta.
Outro problema recorrente é o abastecemento de auga, especialmente durante o verán. Que solución propoñedes?
Seguimos tendo o mesmo problema. Temos unha capacidade de abastecemento para unha determinada poboación, pero no verán esa poboación multiplícase e os recursos non chegan.
Eu creo que temos que repensar o consumo. Non se trata unicamente de dicir que hai que construír outro depósito ou buscar máis auga. Primeiro debemos preguntarnos que estamos facendo cos recursos que temos. Hai que revisar determinados consumos, o enchido das piscinas, a rega de xardíns e os usos que se fan da auga. Non pode ser que se lle pida á veciñanza que aforre mentres existen consumos que tamén deberían revisarse.
E que opinas da xestión do lixo? Foi un dos asuntos que máis críticas recibiu cando estabades no goberno.
Considero que segue estando mal. E preocúpame que se estea mirando cara a unha posible privatización da recollida do lixo. Hai que abordar o problema e mellorar o servizo, pero tamén hai que explicar que modelo se quere para Baiona.
Cales serían as principais prioridades políticas do BNG no goberno?
A vivenda é unha cuestión fundamental. Queremos impulsar un proxecto de vivenda pública e de alugueiro accesible. Tamén temos abordar o problema do aparcamento e a mobilidade. Estanse humanizando rúas, algo que pode ser positivo, pero hai que pensar que facemos cos coches e onde aparca a veciñanza. En Baiona é moi complicado aparcar, especialmente no verán, e non podemos ignorar esa realidade. Hai que buscar alternativas.
E hai outra cuestión esencial: temos que redimensionar o modelo turístico de Baiona. Hai que regular esa burbulla turística. Cada vez aparecen máis proxectos de vivendas turísticas e estamos vendo como determinadas rúas se enchen deste tipo de iniciativas. O turismo é importante, pero non pode acabar condicionando o dereito da xente a vivir no seu propio municipio.
Aquel disparate de facer un campo de golf en Baredo está xa desbotado?
Ese proxecto está agora mesmo fóra do PXOM, pero unha cousa é que se borre e outra que non poida volver aparecer. Eu coincido contigo,considero que sería un disparate. Só hai que pensar na cantidade de auga que necesitaría unha instalación así. Nun municipio que xa ten problemas de abastecemento, non ten ningún sentido impulsar proxectos que incrementarían ese consumo.
E sobre os proxectos eólicos, mariños e terrestres que opina o BNG?
A min preocúpame a falta de posición clara do goberno local. Hai proxectos de parques eólicos que parecen parados, pero que non están definitivamente eliminados. Tamén existen preocupacións arredor dos proxectos eólicos mariños e doutras instalacións. Son cuestións que afectan o territorio e sobre as que hai que estar atentos. Non podemos mirar para outro lado.
A asemblea local do BNG escolleute por unanimidade como candidata á alcaldía. Que supón para ti este apoio?
Moita ilusión e moita responsabilidade. Emocióname tamén o apoio que estou recibindo, mesmo de persoas que están fóra do meu ámbito máis próximo. Está sendo moi bonito e sorprendente.
Que expectativas realistas tes para as vindeiras eleccións municipais?
Temos expectativas elevadas. Gustaríame que o BNG recuperase os dous concelleiros e mesmo temos posibilidade de chegar a tres, pero tamén queremos acabar coa maioría absoluta do Partido Popular. Creo que temos posibilidades de conseguir un bo resultado.
Estamos traballando na renovación da candidatura. Quero incorporar persoas interesantes de diferentes ámbitos da sociedade civil de Baiona, homes e mulleres que poidan achegar experiencia, ideas e ilusión. Para min é fundamental construír unha lista potente, plural e representativa da sociedade baionesa.
O obxectivo é presentar unha alternativa sólida, con capacidade para gobernar e para ofrecer outro modelo de municipio. Teño moita ilusión neste proceso e creo que podemos facer un bo traballo.

