“Unha parroquia con identidade propia e moita historia”.

Santa Cristina da Ramallosa, co núcleo de Sabarís como un lugar con personalidade propia constitúe un dos lugares con maior tradición histórica, comercial e social do territorio baionés. Estamos nunha das zonas máis vivas do Val Miñor cunha intensa relación coa vida cotiá de Baiona e dos concellos veciños.

Pero Santa Cristina e Sabarís non son simplemente un lugar de paso entre Baiona, Nigrán e Gondomar. Ten personalidade, memoria e unha identidade que se foi construíndo ao longo de moitas xeracións. O propio Concello de Baiona identifica esta parroquia como A Ramallosa (Santa Cristina-Sabarís). A súa ficha municipal recolle 3.497 habitantes, unha cifra que dá unha idea da importancia desta parroquia dentro do concello.

Sabarís, o corazón comercial da parroquia:

Se hai algo que define Sabarís é o seu mercado. A feira dos luns é unha das referencias comerciais máis coñecidas do Val Miñor e unha tradición que continúa formando parte da vida da vila.

Cada semana, comerciantes e compradores chegan de diferentes puntos da comarca. Os postos, os encontros, as conversas e ese movemento que se xera arredor do mercado forman parte dunha maneira de vivir e relacionarse que vai moito máis alá da actividade económica que conta, cada luns, cuns 170 postos onde poder mercar variedade de produtos.

Porque unha feira non é só un lugar onde se compra e se vende. É tamén un espazo de convivencia, unha oportunidade para manter relacións e unha fonte de actividade para os negocios da contorna. É desas cousas que fan que un lugar siga tendo vida propia.

O reto está en garantir que esta actividade poida continuar desenvolvéndose en boas condicións, apoiando as vendedoras e vendedores e mantendo o mercado como un elemento fundamental da vida de Sabarís. O comercio de proximidade precisa atención e políticas que o favorezan, especialmente nun contexto no que os pequenos negocios teñen que competir con grandes superficies e novas formas de consumo na rede que está facendo que estes pequenos comerciantes desaparezan, e con eles e elas, desapareza o trato persoal e próximo que ofrecen estes tradicionais negocios.

Unha historia que está nas pontes e nos camiños:

Santa Cristina da Ramallosa ten tamén un patrimonio histórico que fala da importancia que tivo esta zona nas comunicacións do territorio. Un dos testemuños máis destacados desa historia é a Ponte Vella de Sabarís, sobre o río Groba, unha construción do século XV que forma parte do patrimonio histórico local. O catálogo patrimonial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Baiona tamén recolle a Ponte Nova, sobre o río Guillade, igualmente datada no século XV.

Ambas pontes están vinculadas aos antigos camiños históricos que durante séculos, atravesaban a zona e que permitían conectar diferentes núcleos do Val Miñor permitindo o paso de persoas e mercadorías como parte esencial da economía e relacións sociais da vila.

Por esta zona discorre tamén o itinerario do Camiño Histórico Portugués pola Costa, que atravesa a zona e continúa formando parte da relación de Sabarís coas rutas de peregrinación a Santiago de Compostela na que podemos ver pasar peregrinos e peregrinas durante meirande parte do ano do ano.

Santa Cristina, o patrimonio relixioso e humano:

A igrexa parroquial de Santa Cristina da Ramallosa constitúe outro dos elementos fundamentais para comprender a historia das persoas e familias desta vila.

O templo actual foi construído entre 1917 e 1920, grazas á doazón de Julián Valverde Pérez e da súa esposa, Victoria Rodríguez Cadaval. O proxecto foi realizado polo arquitecto vigués José Franco Montes. A construción presenta unha combinación de elementos arquitectónicos de inspiración neogótica e neorrománica.

O interese histórico do edificio vai máis alá da súa arquitectura. Na súa sacristía consérvase un antigo pórtico románico procedente da igrexa anterior, un vestixio que permite conectar o templo actual cunha tradición relixiosa moito máis antiga.

A parroquia de Santa Cristina xa aparece documentada no século XIII. A súa existencia histórica está vinculada á organización eclesiástica medieval da diocese de Tui, o que demostra a antigüidade da comunidade.

A igrexa segue sendo un punto de referencia relixioso e da vida social da parroquia pero, a historia dunha parroquia non se pode contar unicamente a través dos seus edificios. Tamén está nas persoas, nos oficios e nas historias familiares que pasan dunha xeración a outra.

Un exemplo é Manuel Quintas Vergara, coñecido como O Ferreiro de Sabarís. A súa profesión era a ferraría, pero desenvolveu tamén unha importante actividade artística, especialmente na escultura en pedra. O Concello de Baiona dedicoulle un espazo público en recoñecemento á súa traxectoria e á súa vinculación coa veciñanza.

Son recoñecementos que teñen valor porque axudan a conservar a memoria de persoas que contribuíron, desde o seu traballo e a súa maneira de vivir, a construír a identidade do pobo.

A Foz do Miñor, un patrimonio natural que compre coidar:

Outro dos grandes espazos que temos que valorar e destacar de Santa Cristina é a súa relación coa Foz do Miñor. Estamos ante un espazo natural de enorme interese ambiental, no que o río e o mar se atopan formando un ecosistema de gran riqueza.

A zona forma parte da Rede Natura 2000 e alberga unha importante diversidade de fauna e flora. A proximidade deste espazo natural á vida diaria da parroquia fai especialmente importante a súa conservación.

En Sabarís está tamén a coñecida Casa Rosa, onde se atopa o Centro de Interpretación Ambiental A Foz do Miñor. Este equipamento, situado no centro Antena, foi recoñecido en 2024 co distintivo de Centro Azul pola súa función de divulgación e educación ambiental.

É unha iniciativa interesante porque permite achegar á poboación o coñecemento dun espazo natural que temos moi preto, pero que non sempre coñecemos como merece. Coidar a Foz non debería ser unha cuestión exclusivamente ambiental: tamén ten que ver coa calidade de vida, coa identidade do territorio e coa responsabilidade de deixar ás seguintes xeracións un patrimonio natural e social vivo e ben conservado.

Unha parroquia con pasado e con futuro:

Santa Cristina da Ramallosa e Sabarís teñen moitas cousas que preservar e tamén moitas posibilidades de futuro. A actividade do comercio local, o patrimonio histórico, a Foz do Miñor e a propia situación estratéxica dentro do Val Miñor son piares importantes.

Sabarís é historia, pero tamén é presente. Hai que pensar no futuro dos pequenos negocios, na atención ás persoas maiores, nas necesidades da mocidade e na conservación dos espazos naturais, e hai que facelo contando coa veciñanza.

Sabarís é o bulicio dos luns de mercado, o tránsito polos seus camiños históricos, a memoria das súas pontes e a vida que continúa arredor da igrexa e das súas rúas.

Un lugar que merece ser coñecido e recoñecido polo que é: unha parte fundamental da identidade de Baiona e do Val Miñor.