Amnistía Internacional denuncia novos casos de tortura e malos tratos por parte de militares a migrantes en Ceuta a pesar do anuncio de Defensa de investigar estas violacións de dereitos humanos
- A organización, que levou a cabo unha nova investigación en Ceuta, documenta 28 casos de malleiras, humillacións, vexacións e abusos, entre eles a 13 menores. Dezaoito destes casos tiveron lugar tras o anuncio do Ministerio de Defensa de investigar, tanto as denuncias de AI como os audios de eldiario.es
- AI tamén se dirixiu á Fiscalía de Ceuta, así como ao Ministerio de Defensa, e non ten constancia de militares concretos investigados por torturas e malos tratos, nin tampouco de que foran apartados do servizo nin de que se dera la debida protección contra represalias a vítimas ou testemuñas de violacións de dereitos humanos.
- O acoso a organizacións como No Name Kitchen que agora é acusada de ser organización criminal e sen cuxo apoio as persoas migrantes estarían aínda máis desamparadas do que están, debe cesar.
Amnistía Internacional levou a cabo unha nova investigación sobre terreo, en Ceuta, na que documenta como as torturas e os malos tratos por parte de militares contra persoas migrantes na cidade continuaron en las últimas semanas, a pesar dos anuncios do Ministerio de Defensa de abrir unha investigación sobre o sucedido, tras as informacións publicadas por AI e algúns medios de comunicación, como eldiario.es, entre outros.
A organización documentou malleiras e agresións frecuentes con puñadas, patadas, golpes con porras e mesmo uso de taser por parte de militares, xeralmente regulares, a persoas que se atopaban indefensas durmindo na rúa, ocorridas despois do 30 de setembro (cando publicou a súa primeira investigación sobre estes feitos), e que provocaron fracturas de extremidades e tamén de órbitas, contusións ou poli contusións, feridas erosivas, hematomas na zona lumbar ou brechas na cabeza compatibles con golpes de porra -en zonas moi vulnerables nas que resulta perigoso golpear-, entre outros. Estas agresións ocorren de noite, en lugares onde dormen as persoas migrantes, que son espertados a golpes.
Amnistía Internacional tamén documentou outras violacións de dereitos humanos anteriores ao 30 de setembro, entre as que se inclúen algunhas de las máis graves torturas e humillacións levadas a cabo por militares. Lamenta, ademais, descoñecer a resposta das autoridades ata o momento ante un crime de dereito internacional como a tortura pero que, en todo caso, de darse, non impediu a comisión de novos actos de violencia contra persoas migrantes en Ceuta.
Para rematar, tamén obtivo algúns testemuños sobre malos tratos por parte de membros da Policía Nacional e a Garda Civil, que tamén deben ser investigados.
“Tras o anuncio do Ministerio de Defensa da apertura dunha investigación, era de esperar que cesasen os malos tratos, pero non foi así: son persistentes, e mostran a impunidade con la que os responsables de violacións de dereitos humanos actuaron e, nalgunhas ocasións, seguen actuando”.
“O persoal militar involucrado en feitos de violencia non parece ser apartado dos seus postos, tal e como sinalan algúns testemuños solicitados por Amnistía Internacional, que recoñecen aos seus agresores e contaron como os ameazan para impedir que conten ou denuncien as torturas sufridas”, sinala Esteban Beltrán, director de Amnistía Internacional España. “Falamos con persoas migrantes que non son quen de durmir en toda a noite por medo a que os militares lles esperten con golpes de porras, puñadas e patadas”, engade.
A organización volveu documentar, gráfica e audiovisualmente, accedendo a partes médicos e testemuños, corpos mazados de migrantes con lesións que parecen compatibles con golpes de defensas ríxidas -porras regulamentarias usadas por militares-, patadas a migrantes tendidos no chan, fracturas en extremidades (sobre todo pernas) e traumatismos na cabeza que presentan feridas con puntos, que os migrantes refiren foron causadas por agresións de soldados durante o mes de outubro.
Sobre as tres da madrugada do 24 de outubro, R*. pai de tres fillos, espertou cando durmía na estrada de Sidi Embarek polo contacto directo dunha arma taser no peito. Déronlle varias descargas que o deixaron tan aparvado que, ao levantarse para escapar non se decatou de que aínda levaba mantas encima, tropezou e caeu de bruzos. Aínda con marcas do golpe en la cara, explicou a Amnistía Internacional, asustado: “Mareeime, vomitei e desvanecinme, pero ninguén me levou ao hospital. Cando volvín espertar fun andando, pero non contei o que pasara por medo a preocupar á miña familia”.
O tunisiano M., de 40 anos, atopábase a las sete da mañá durmindo en praia Benítez con outros tres mozos marroquís cando chegaron catro soldados e déronlle puñadas na cara, ata facerlle un negrón que lle quitou durante dúas semanas a visión dun ollo. Contou a Amnistía Internacional que era a segunda vez que sufría abusos por parte dos militares. “A primeira vez, cando os vin chegar, os meus compañeiros dixéronme que fuxise, pero eu pensaba que non tiña nada que ocultar, así que me quedei. Un soldado rachou a miña tenda e roubáronme o móbil, a documentación, 50 euros, o tabaco e os teléfonos”.
“Os militares leváronme a unha rúa sen saída e cando se aseguraron de que ninguén miraba empezáronme a pegar con porras, dábanme patadas, puñadas, e asperxéronme con spray pementa nos ollos e en la cara”, lembra H., de 27 anos, que foi agredido o 5 de outubro por un grupo de seis ou oito militares nos arredores do supermercado Mercadona. Recibiu varios deses golpes cando estaba xa tirado no chan, onde o deixaron os militares despois da malleira sendo atendido por membros dunha organización non gobernamental e trasladado ao hospital. “Desde entón sento temor e procuro non estar preto de eles”, asegura, con medo.
Menores golpeados: labazadas por respostas
Aínda que as cifras poderían ser maiores, estímase que aínda, máis de tres meses despois de la entrada masiva de decenas de miles de persoas desde Marrocos, seguen durmindo polo menos 500 menores migrantes non acompañados nas rúas de Ceuta. Aínda que, segundo datos do goberno da cidade de Ceuta 3.626 menores foron xa rexistrados polas autoridades e sacados da rúas, centos de menores continúan esperando un recurso de emerxencia onde ser atendidos, en total desprotección, sen acceso a unha alimentación axeitada, e expostos á violencia, tanto de membros das forzas militases e de forzas e corpos de seguridade do Estado, como de particulares.
Varios dos menores cos que se entrevistou a organización relatan abusos por parte dos militares, como golpes con porras, mentres dormen na rúa; tamén roubos e rotura de móbiles e outras pertenzas, incluída a súa propia documentación, así como ameazas de agresión, e humillacións.
Z., de 17 anos, foi agredido dúas veces por parte de persoal militar, o 18 e o 23 de outubro. Durante la primeira agresión durmía entre coches na zona das Roseiras cando apareceron os militares por detrás, e déronlle na cabeza coa porra. Saíu correndo e cando se quixo dar conta estaba cheo de sangue. Conseguiu chegar ao hospital e puxéronlle dez puntos na cabeza, que lle acababan de quitar cando o entrevistou a organización. Durante la segunda agresión recibiu golpes de porra nas pernas, mentres intentaba escapar dos militares, que lle dixeron en dariya que “marchase de aquí”. “Agora cando os militares me ven coxeando, pasan de min”, explica, aínda que se esconde para falar con AI.
Todos os menores entrevistados temen que lles rouben as súas escasas pertenzas. “O móbil é la única forma que teño de falar coa miña nai, pero cando lles preguntei por que mo rompían dixeron que calase ou rompíanme a min tamén”, lamenta M., de 15 anos, que relata que a comezos de setembro os militares déronlle un golpe co xeonllo na boca e intentáronlle partir a perna golpeándoa en sentido contrario ao movemento da articulación.
Os irmáns saharauís A. e H., de 17 e 16 anos, tamén estaban a durmir na rúa a principios de outubro, cando chegou ao lugar un grupo duns 8 soldados. A. conta como o espertaron a patadas, cegárono con lanternas e cando lles preguntou que por que lles pegaban a resposta foron varias labazadas na cara, como se mostra no vídeo publicado por eldiario.es. Tras esas labazadas, e a pesar de afastarse tal e como lle ordenaban, recibiu máis golpes de porra. A. é unha das persoas migrantes que indica recoñecer ao seu agresor e relata como este volveu visitarlle para ameazarlle: “Díxome: ‘Lémbraste de min? Vouche zoscar outra vez’. Sen saber aínda que existía faleille dun vídeo gravado sobre a súa agresión e parece que (ao militar) lle entrou algo de medo”, indica.
Torturas previas ao 30 de setembro: “Nunca poderei esquecer o que me fixeron”
Ademais de 18 casos recentes de violación de dereitos humanos a persoas migrantes por parte de militares, a organización documentou dez casos máis, catro deles a menores, de torturas e trato cruel, inhumano ou degradante, anteriores ao anuncio dunha investigación por parte do Ministerio de Defensa. De todos eles, catro son casos moi graves que seguen un patrón similar ao que a organización documentou na súa primeira visita a Ceuta, e que consiste nun secuestro e traslado en vehículo militar a zonas apartadas, a imposición de bridas para inmobilizar as súas mans e tratos inhumanos que poden constituír tortura.
M. é un mozo de 20 anos, que se gañaba a vida facendo de mimo nas rúas. Estaba pola zona das Roseiras cando uns militares o subiron nun vehículo militar e conducírono, durante aproximadamente quince minutos, a un lugar, cre, próximo á zona do CETI. Alí, despois de chamar a máis efectivos, e rodeado de entre 16 e 17 soldados que rían del, levárono detrás dun dos vehículos militases e obrigáronlle a quitar toda a roupa, incluído os calzóns. A súa cara seguía pintada de mimo cando un deles colleu un teléfono para gravalo e ordenoulle que bailase. Como estaba en pánico e non podía facelo, empezaron a pegarlle. Tras temer pola súa vida, bailou uns minutos, ata que viu que o seu corpo non respondía máis. Insistiron, batéronlle de novo e un deles sacou unha arma, cargouna e apuntándolle con ela espetoulle: “como non bailes vou enterrarte aquí mesmo”. “Desde ese día non durmo, apenas saio á rúa, e cando o fago teño a sensación de que os militares me miran. Aquí coñéceme todo o mundo por facer de mimo. Aínda que denunciei, o que me fixeron nunca o vou a poder esquecer”, relata.
A A. levárono a un bosque, despois de ser aprehendido na zona das naves. Xunto con O., o caso que Amnistía Internacional denunciou na anterior investigación, foron amordazados, atáronlles as mans e foron transportados no maleteiro dun coche militar. Ao baixar, amarráronos a unha árbore e pegáronlles unha brutal malleira con porras e puñadas. Cando os soltaron, aínda con bridas nos brazos, “non sabía se aquilo era un soño ou a realidade. Quedaba inconsciente e volvía espertar”, relata. Tivo que esperar ata que amencese para poder saber como volver ao centro e acudir ao hospital. A. é un dos poucos que se atreveu a denunciar o seu caso ante os tribunais: “Teño esperanza en que a xustiza española tome cartas no asunto”, asegura, a pesar de que teme pola súa saúde mental: “Non dou durmido ata que está a amencer e nese pequeno espazo de tempo en que logro durmir levántome sobresaltado, gritando. Teño medo de volver a Marrocos porque non sei se vou tolear”.
B. compraba tabaco cando viu aparecer a catro soldados e despois chegaron máis. Levárono a unhas escaleiras apartadas de praia Benítez, vixiadas por un soldado a cada lado e aí, coas mans atadas con bridas, empezáronlle a pegar: puñadas no ollo, patadas nas costelas, golpes na cabeza cunha carcasa de móbil metálica, picadas na caluga cunha navalla sen chegar a cortar a pel. Sacaron unha pistola, cargárona e apuntáronlle na cabeza, “vouche pegar un tiro na cabeza, vou enterrarte e ninguén vai saber onde estás”. Outro soldado ameazouno con que o ían violar. Tamén lle apagaron cigarros na pel.
N., de 22 anos, ía co seu curmán cara á zona Loma Colmenar para durmir, sobre as 22 horas do 11 de setembro, cando chegaron varios militares. Intentaron enganarlles dicíndolles que ían axudalos pero, como non o creu, intentou fuxir e, ao facelo, quedou suspendido dunha ponte duns catro metros de altura. Un militar golpeoulle os cotelos ata que caeu da ponte e rompeu un nocello. Desde arriba, os militares rían mentres lle facían fotos. Unha persoa levouno ao hospital en moto, tivo que esperar na rúa durante tres horas ata ser atendido, gritando e chorando pola dor. Tras recibir asistencia de urxencia, botárono sen darlle muletas e sen medicación para a dor; só unha enfermeira, por propia iniciativa, lle proporcionou tres analxésicos.
Malos tratos por parte de membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado
A organización tamén documentou nesta nova investigación sete casos de malos tratos por parte de forzas e corpos de seguridade do Estado, algúns no marco de operativos policiais para desaloxar a migrantes de zonas onde dormen. Desde persecucións con golpes de porras que provocan caídas desde muros de gran altura e rotura de móbiles na cabeza a, sobre todo, tratos degradantes á hora de ir denunciar ou pedir filiación para poder entrar nun centro, no caso dos menores.
Un dos exemplos é o caso de R. A organización atopouno durmindo na rúa coas dúas pernas danadas (unha vendada e outra escaiolada) e comendo algunhas viandas que algún veciño lle levara, roto de dor. Durmía nesa mesma zona o pasado 24 de outubro cando espertou ao ver a porra levantada dun policía a piques de pegarlle. Para esquivar os golpes da porra saltou dun muro que era máis alto do esperado. Ao caer sentiu que rompera algo porque a dor era insoportable. “Puxéronme contra a parede. Dicíanme que me puxese de pé, pero eu dicía que non podía, e quedei tirado durante unha hora máis ou menos”. Ao final, levárono ao hospital e alí atendérono.
Criminalización das organizacións de axuda a persoas migrantes
Amnistía Internacional investigou tamén a actuación policial baixo orde xudicial que tivo lugar o pasado 22 de outubro en la sede da organización non gobernamental No Name Kitchen (NNK) e entrevistouse con varios dos seus membros presentes na mesma e accedeu a documentación pertinente. A organización xa denunciou con anterioridade a fustrigación contra NNK, a través de detencións de activistas, a circulación de fotografías dos documentos de identidade dos seus activistas por grupos de WhatsApp e redes sociais, e a atribución falsa de proporcionar spray pementa a persoas migrantes ou o feito ocorrido o 12 de setembro, cando a súa sede en Ceuta permaneceu bloqueada por un vehículo militar, o que dificultou a repartición de comida.
Amnistía Internacional considera que o rexistro da sede de No Name Kitchen e o procedemento penal por cargos de organización criminal non contén, ata o de agora, bases sólidas de acusación e supón unha escalada no intento de acalar a quen axuda e proporcionan axuda humanitaria a persoas migrantes.
Para a organización resulta especialmente preocupante o posicionamento adoptado pola Fiscalía neste caso, solicitando prisión provisional para dous activistas e promovendo que a declaración de tres testemuñas pasase a ser proba constituída sen presenza das persoas investigadas, que foi rexeitada polo xulgado que investiga o caso. Unha actuación da Fiscalía de Ceuta que contrasta radicalmente coa falta de actividade na investigación de alegacións de torturas e malos tratos por parte de persoal militar.
“Nos últimos anos denunciamos como en Europa ameazouse, difamouse, intimidouse, fustrigouse e castigouse nos tribunais a persoas que prestaron axuda a poboación refuxiada e migrante, simplemente polo feito de axudar a quen o necesitaba. Estamos a empezar a ver, en Ceuta, unha tendencia similar, e preocúpanos. Xa mostraramos a nosa inquietude polo feito de que membros das forzas de seguridade obstaculizaban, nalgúns casos, a acción de ONG ao intentar repartir compresas e outros produtos de hixiene ás mulleres, como contou unha activista de Brigadas de Apoio Mutuo a AI. Membros doutras organizacións locais como Luna Blanca tamén foron obxecto de insultos e acoso, por particulares, polo seu labor humanitario que consistía principalmente en proporcionar comida quente ás persoas migrantes”.
“O único que fan estas organizacións en Ceuta é proporcionar alimentos, atención médica e acompañamento a persoas moi vulnerables, a maioría de las cales están a vivir na rúa. Criminalizalas é impedir que traballen e deixar aínda máis desamparados a quen xa se atopan nunha situación precaria”, declara Esteban Beltrán.
Peticións de Amnistía Internacional
Por unha banda, a organización considera que se debe ordenar ás forzas armadas e as forzas e corpos de seguridade o cesamento inmediato de todo ataque ou fustrigación contra persoas migrantes, incluíndo malleiras, humillacións e vexacións, así como as iniciativas de discriminación racial.
Ademais, en opinión de Amnistía Internacional, polas súas características e medios de execución, tanto os malos tratos físicos como a humillación ou ataques á dignidade das persoas migrantes en Ceuta por parte de membros das forzas militares españolas poden ser consideradas crimes de dereito internacional derivándose un deber directo de investigación por parte das autoridades competentes.
A organización dirixiuse por carta á Presidencia do Goberno e ao Ministerio de Defensa, pedindo ordes expresas para o cesamento da violencia contra migrantes en Ceuta, e solicitando información acerca da investigación anunciada polo Ministerio de Defensa, pero non obtivo resposta ata o momento. Tampouco coñece a organización as dilixencias de oficio levadas a cabo por parte de Fiscalía e xulgados de Ceuta sobre as violacións de dereitos humanos denunciadas por Amnistía Internacional e algúns medios de comunicación, como esixen as normas internacionais. Por iso, insiste en que é fundamental que se leve a cabo unha investigación de xeito pronto, imparcial, independente e exhaustiva sobre as alegacións de abusos contra persoas migrantes, incluíndo os que poden constituír actos de tortura ou outros tratos crueis, inhumanos ou degradantes, apartando, de forma cautelar, aos militares implicados en agresións a migrantes, e determinando, de forma imparcial, as responsabilidades penais e disciplinarias correspondentes.
Tampouco se informou á organización sobre a adopción de medidas que garantan que as vítimas poidan exercer o seu dereito de acceso á xustiza e, cando corresponda, a unha eventual reparación, tendo en conta a súa situación de extrema vulnerabilidade.
Nesta sentido Amnistía Internacional lembrou á Fiscalía de Ceuta a obrigación de cumprir coa Observación Xeral número 3 da Convención Contra a Tortura que incide especialmente na necesaria protección ás vítimas que buscan xustiza e que “debe protexelas en todo momento, así como ás súas familias e testemuñas da intimidación e as represalias antes, durante e despois das actuacións xudiciais, administrativas ou doutra índole…”.
Por iso AI, entre outras medidas, reclamou á Fiscalía instar á concesión de autorizacións temporais de residencia ás persoas que interpoñan denuncias pola violencia sufrida por parte de militares, así como a quen poidan ser presentadas ao procedemento como testemuñas e se atopen en situación administrativa irregular.
Para rematar, e á luz dos procedementos xudiciais abertos a organizacións como No Name Kitchen, AI considera que se debe pechar a investigación por organización criminal, e insiste en que se debe garantir que xornalistas, persoal de organizacións humanitarias e activistas de dereitos humanos poidan exercer o seu labor en Ceuta sen ser obxecto de agresións, ameazas nin obstáculos.
Máis información
Nestas ligazóns poderás atopar vídeos cos testemuños dos que se fala no comunicado, así como algún caso máis non mencionado no mesmo. Tamén atoparás imaxes en bruto dos golpes documentados. Esta denuncia é só unha parte das investigacións que está a levar a cabo Amnistía Internacional en Ceuta, que mantén preocupacións sobre as condicións de acollida, especialmente dos e das menores migrantes, así como os procedementos de triaxe, protección internacional, devolución e retorno de persoas estranxeiras, e sobre a falta de cumprimento das obrigacións asumidas por España en materia de dereito de asilo, tutela xudicial efectiva e principio de non devolución de persoas a un país onde corran riscos de sufrir vulneracións de dereitos humanos.
En total, desde o 30 de xullo, Amnistía Internacional documentou 50 casos de torturas, malos tratos e trato cruel, inhumano ou degradante por parte de militares, na maioría dos casos, pero tamén de membros das forzas de seguridade do Estado como Policía Nacional ou Garda Civil. Amnistía Internacional visitou dúas veces Ceuta para solicitar información sobre violacións de dereitos humanos: entre o 10 e o 15 de setembro e o 23 e 26 de outubro.
Queremos agradecer o labor de organizacións sobre terreo, como No Name Kitchen e Border Resistance e a súa colaboración con Amnistía Internacional, e os valentes testemuños de persoas migrantes maltratadas.
//FIN
*Nomes anonimizados para protexer a identidade das persoas.

