Na década dos anos 30 do século pasado Jean Paul Sartre publicaba a súa novela filosófica titulada como este humilde artigo. O filósofo francés, a través das peripecias do protagonista da novela, Antoine Roquentin, vai debullando aos poucos a súa conclusión existencial sobre a finalidade da vida humana. Esta sería algo parecido ao vacío. A existencia humana carecería de propósito na opinión de Sartre, e constatalo produciríalle unha sensación fisiolóxica como a que titula o libro, a náusea, que como todos sabemos é un sentimento de noxo é repugnancia que nos provoca algo ou alguén.
En sentido abstracto Sartre ten razón. A vida carece de propósito. Nacemos froito do puro azar, e vivimos toda a nosa existencia ao abeiro do que a casualidade nos proporcione. Agora ben, se baixamos ao terreo do concreto, nunha sociedade decente na que máis ou menos todos nos axudemos a todos, para que ao longo de todas as etapas vitais da nosa existencia, as necesidades básicas de todas as persoas estean cubertas, a vida de cada un pode estar ateigada de marabillosos propósitos particulares que fagan que pasar por este mundo pague a pena.
Esto sería nunha concepción ideal da organización social humana. Algo así como: O interese colectivo está por riba do individual, deixando os necesarios espazos para a liberdade e creatividade persoais, ata o punto de que ningún ser humano pode vivir por debaixo dos límites que separan unha vida digna dunha existencia carente de dignidade.
Pero o ideal só se dá nunha pequena parte do mundo na que nós tivemos a fortuna de nacer. Segundo datos achegados polo banco mundial este mesmo ano, arredor de 824 millóns de persoas no planeta terra viven nunha situación de pobreza extrema. Esto é, dispoñen de menos de 3 dólares ao día para subsistir.
Que farías ti amigo lector e amiga lectora, se o azar tivera situado o teu lugar de nacemento nunha desas zonas do mundo na que viviras coa condena a perpetuidade a ser pobre, pobre de solemnidade, pobre ata o punto de que non lle puideras dar de comer todos os días aos teus fillos e fillas?
Eu non teño ningunha dúbida de que arriscaría a miña vida e a das persoas que máis quero, se fora necesario, para tratar de entrar nalgún sitio no que tivera algunha opción, por pequena que fose, de escapar das terribles cadeas da pobreza e a fame.
Fuxir da pobreza para poder acadar unha vida minimamente digna é a razón que provoca calquera tipo de migración, só esa é nada máis que esa. As estúpidas teorías da gran substitución, que excretan os voceiros da extrema dereita, e que defenden o disparate dunha conspiración que busca o cambio masivo da poboación branca europea por medio de xigantescas ondas migratorias de persoas africanas e asiáticas, non son máis que delirios que tratan de xustificar o seu racismo, a súa xenofobia e a súa aporofobia.
A ninguén lle é agradable deixar a súa casa, a súa terra, o seu país e ás persoas que quere para tratar de gañar a vida nun universo completamente descoñecido e en moitas ocasións violento e hostil. E se o fai, non é por outro motivo que por pura necesidade existencial.
Se pensamos que esa violencia e hostilidade é algo que non nos atinxe estamos moi equivocados. É algo que está ao noso carón. Así pois o pasado 5 de novembro Amnistía Internacional facía público un comunicado no que denunciaba casos de presuntas torturas e malos tratos por parte de militares españois contra migrantes na cidade de Ceuta.
A organización documentou presuntamente 28 casos de malleiras, humillacións, vexacións e abusos entre eles as exercidas contra 13 menores.
Amnistía internacional fala de malleiras e agresións frecuentes con puñadas, patadas, golpes con porras e mesmo o uso de táser .
Para rematar tamén, obtiveron algúns testemuños referentes a presuntos malos tratos exercidos por membros da policía nacional e da garda civil, que piden que tamén se investiguen.
E aquí, amigos e amigas, é onde chegamos a Sartre:Cando o resultado de que persoas arrisquen a súa vida para tratar de encontrar opcións de poder ter unha vida digna ,é que reciban torturas por parte das forzas armadas do punto de destino, a sensación que me provoca a min é a dunha profunda náusea, noxo e repulsión en grao superlativo, cara quen as comete, quen as consinte, quen as celebra e quen mira a outro lado.

Dirección A Nova Peneira
