A monotonía, a rutina, o tránsito vital, fan que pasen semanas, meses e mesmo anos sen que nada extraordinario pase e, de repente, un día sucede que se aliñan os astros e acontece algo fóra do normal.

Unha fin de semana, logo de tomar unhas cañas cunha colega, fun coller un taxi. Detesto collelos tanto coma ir ao perruqueiro. Son lugares propicios para as conversas de ascensor, ámbito no que non me sinto cómodo.

Para sorpresa de ninguén, na parada só estaba a cabina do teléfono. Semella que aos taxistas tampouco lles gusta conducir de noite. Vampiros, vampiros, non che son. Só chuchan de día. Así que tocaba patear cinco quilómetros. Positiviceino pensando que camiñar, logo de comer e beber, diminúe o azucre en sangue, evitando deste xeito que a graxa abdominal vaia acochando arredor do bandullo.

Decidido, boteime a andar. Xa no extrarradio escoitei o meu nome. Era Xose, o avogado penalista, que cando me ve adoita recordarme o ben que eu lle pegaba ás bolas xogando ao guá. Avogado, penalista e bolas, a sublimación do chiste. A xénese do mesmo, con toda probabilidade.

E claro, esa noite non ía ser diferente e lembroumo. Sendo el un rapaz, regaleille todos os meus trofeos dunha tacada: arredor de 700 canicas que gardaba dentro dunha caixa aterciopelada. A famosa caixa vermella do brandy Gran Duque de Alba Gran Reserva.

Con Xose estaba Mou, campión internacional de xadrez, que conseguira facerlle táboas a Garry Kasparov nunha partida simultánea. Quedaran para tomar algo no Terra Nosa e logo continuar a noite no Centro Artístico Sportivo bebendo whisky e xogando ao xadrez. Esa noite Mou quería explicarlle a Xose o Ataque Iugoslavo. Un suicidio de estratexia na miña opinión. En fútbol sería como colocar ao porteiro de dianteiro centro.

— Onde vas a estas horas? —preguntaron, non sen certa sorpresa.

— Para casa, para onde carallo vou ir? —respondín.

— Pois nós estamos esperando por Carlos, o camioneiro. Lémbraste del?

— Como non me vou lembrar se me levou no seu camión ata París.

Durante a viaxe a Francia, Carlos contárame un sinfín de aventuras. Entre elas, a máis destacada era a de que os sábados á noite frecuentaba unha macrodiscoteca que había no Porriño, onde se mazaba a whiskis con Red Bull. Ao rematar o baile agardaba a que abrisen as cafeterías para continuar de festa porque, se marchaba para casa, era incapaz de durmir.

Non tardou moito en aparecer no seu coche. Cando aparcou a nosa altura, preguntáronlle se me podería achegar a casa. Viña con media chispa, nin me recoñeceu. Non sei se por efecto da bebida enerxética, do Johnnie Walker ou da mestura de ambos.

E aí estabamos: un avogado, un campión de xadrez, un camioneiro e un mestre de educación física. Para completar o elenco cinematográfico apareceu un xogador de fútbol profesional, Anxo, sobriño de Mou. Foi unha aparición fugaz. O rapaz pronto desapareceu da escena ante as pullas que lle mandaba o seu tío por quentar sempre o banco en Balaídos.

Montamos os tres no coche de Carlos e pouco antes de chegar a casa, a Garda Civil deunos o alto. Agora xa eramos un avogado, un camioneiro, un campión de xadrez, un mestre de educación física, un sarxento, un cabo e un garda civil en prácticas. Nin que dicir ten que os Red Bull levaban compañía. O coche inmobilizárono, xa que ninguén pasou a proba de alcolemia.

Pedinlles un cigarro e boteime a andar só cara a miña casa. Ao chegar, metinme na cama co meu can hipoalerxénico.

Esta cadea de sucesos, coa que non contaba, durou pouco máis do que dura unha estrela fugaz. Pero valeu para sacarme do tedio e do aborrecemento que me produce saber anticipadamente o que me vai acontecer durante meses, sen necesidade de ir a un vidente.