Meu amor é mariñeiro
e vive no alto mar;
son os seus brazos o vento
ninguén llos pode amarrar
En nada estaremos mergullados novamente nas festas de Nadal. Nesa época todos participaremos en xuntanzas familiares nas que o marisco e o peixe terán un papel relevante nas nosas mesas. Pero detrás de cada robaliza,de cada centola ou de cada lumbrigante hai unha historia de esforzo e sacrificio de mariñeiros e mariñeiras, que cada día gañan a vida aventurándose nos camiños do mar .Nós quixemos coñecer como é o seu día a día no seu traballo e conversamos con Nando, un experto mariñeiro do Baixo Miño.
Fernando Rodríguez Freitas, mariñeiro do Baixo Miño
“Ao traballo mariñeiro non se lle dá o valor que merece”
Fernando, antes de nada, queremos coñecerte un pouco mellor
Pois eu son da Guarda, teño 44 anos e comecei a traballar no mar con 16.
Tes antecedentes mariñeiros na familia?
Si. O meu pai era mariñeiro e andaba á pesca de altura, e o meu irmán tamén. Así que eu tamén empecei por aí. Fun directamente para a espada e a pesca de altura, e traballei aí ata os 21 anos.
Onde pescabades e canto duraban aquelas mareas?
Andabamos pola zona das Azores, máis ou menos. As mareas duraban arredor de vinte días. Pasabamos todo ese tempo no mar, sen vir a terra. Era outro tipo de traballo, con moitas horas e moita convivencia a bordo.
Cantas persoas estabades no barco?
Oito persoas convivindo xuntas durante vinte días.
Nestes anos de actividade viviches algunha situación perigosa?
Nos invernos sempre había temporais. Ás veces tocaba parar no medio do mar, poñerse á capa e agardar a que pasase o mal tempo. Había que aguantar.
Iso non dá medo?
Hai momentos que si. Naquela época tampouco tiñamos a información meteorolóxica tan precisa como a que hai agora.
Despois dos 21 que fixeches?
Estiven sete anos traballando de soldador. Pero, aínda que estaba ben, tirábame máis o mar. Ao final decidín volver. Non me acababa de adaptar á vida en terra.
E regresaches igualmente á pesca de altura?
Non, volvín á baixura e levo arredor de quince anos nisto. É un traballo distinto. Agora teño unha embarcación pequena e normalmente saio só, aínda que ás veces vou con algún compañeiro, dependendo de como estean as cousas.
Como é un día normal de traballo?
Depende do que vaiamos pescar. Cando imos ao polbo, por exemplo, saímos sobre as cinco ou as seis da mañá e regresamos cara ao mediodía ou á unha. Máis ou menos, esa é a xornada. Hai épocas nas que imos ao polbo e outras nas que traballamos con diferentes especies: robaliza, linguado, marisco… Depende da campaña e do que haxa.
Saes só ou acompañado?
O ideal sería ir sempre acompañado, pero ás veces non queda outra que ir só. Hai pouco peixe, pouco traballo e tamén falta xente que queira dedicarse ao mar. Cada vez é máis complicado atopar persoas para traballar no sector.
A burocracia é complicada para traballar na baixura?
Para ser mariñeiro hai que sacar a formación correspondente. Estás un mes en clases para aprender a facer nós e a coñecer as partes dun barco, pero para ter un barco e poñelo a traballar hai moita máis burocracia. Son papeis, trámites, gastos e problemas. Ao final, todo resulta bastante difícil.
O barco é da túa propiedade?
Si. Antes tiña unha embarcación algo máis pequena, que lle merquei a un mariñeiro que se xubilaba. Hai seis anos merquei o que teño agora .
Notas que cada vez hai menos peixe?
Si, nótase moitísimo. Cada vez hai menos e custa máis manterse. Para conseguir uns ingresos decentes tes que dedicar máis tempo e traballar máis. Non é doado.
Cando regresades a porto, que pasa co peixe, vai á lonxa?
O peixe hai que levalo á lonxa, é obrigatorio. Eu vou A Guarda. . Alí véndese mediante poxa: empeza cun prezo e vai baixando ata que alguén compra. Os prezos dependen moito do día e da cantidade de produto que haxa. Os prezos están bastante altos e iso axuda a que poidamos seguir traballando, senón sería complicado
A que cres que se debe esa escaseza de peixe?
Non o sei con certeza. Pode haber contaminación, abusos de sobrepesca de épocas anteriores ou outros motivos. Non teño unha explicación clara. O que si vexo é que cada vez hai menos barcos e menos mariñeiros. Na Guarda desapareceron moitas embarcacións desde que eu comecei. Moita xente xubílase e non hai relevo; outros barcos véndense e marchan para outras zonas.
Tamén hai escaseza de mariscos?
De momento os mariscos aguantan.
A túa parella e ti tedes unha peixería en Oia. Vendedes o que pescas directamente na vosa peixería?
A peixería foi unha maneira de complementar os ingresos do barco e tamén de poder vender peixe fresco, de primeira man. Nós levamos o produto á lonxa e despois temos que mercar o noso propio peixe que pescamos, e vendelo pola nosa conta. Hai que pasar polo procedemento burocrático establecido
Podemos dicir entón que calquera cliente da Peixería Oia vai atopar peixe ou marisco de primeira calidade no voso local?
Absolutamente si.
A que anos os xubilades os mariñeiros?
En baixura sobre os 60 anos, se sempre cotizaches. En altura poderían facelo xa aos 56 anos.
Tes ganas xa de xubilarte ou ségueche gustando traballar no mar?
A min ségueme gustando o mar, pero recoñezo que é cada vez máis difícil. A miña parella antes saía comigo ao mar. Ela é capitá da mercante pero decidimos montar a peixería para aumentar un pouco os ingresos e é ela quen a atende.
Que relación tes coa administración?
As competencias que afectan directamente á actividade pesqueira corresponden principalmente á Xunta. Hai normas que temos que cumprir e, ás veces, parécennos algo abusivas, pero non queda outra que adaptarse.
Tedes fillos?
Non.
E se tiveras un fillo ou filla aconsellaríaslle que fora traballar ao mar?
Si quixera si, sen problema. Este é un traballo digno e se che gusta, pois adiante.
Cales son os principais problemas aos que se enfronta hoxe o sector?
O principal é que hai pouca pesca e, polo tanto, poucos ingresos. E despois está o tempo. No inverno hai épocas moi malas. Podemos pasar meses practicamente sen poder traballar.
Sentes que a administración axuda o suficiente cando se producen esas paradas obrigadas polo mal tempo?
Non nos axudan nada. As obrigas e os gastos seguen aí, traballes ou non traballes. Cando tes que quedar en terra porque o mar non permite saír, quedas sen facturar, pero as facturas non desaparecen. Os gastos seguen sendo os mesmos. É moi duro.
Agora no Nadal, cambia moito o ritmo de traballo, saes máis horas a pescar?
Non demasiado. Nós sempre intentamos sacar o mellor do mar. Se hai máis vento, ás veces non podemos saír, pero cando as condicións acompañan traballamos como calquera outra época. É certo que nestas datas os prezos poden subir algo e iso pode axudar, pero tampouco hai que pensar que o Nadal nos soluciona o ano.
Para rematar, unha pregunta máis persoal: cando vas comer fóra, es máis de peixe ou de carne?
Risas… Son máis de carne. Aínda que pareza mentira, tendo peixe todos os días, ás veces apetece outra cousa. Ademais, cando vas comer marisco fóra, sabes o que custa e o pouco que nos pagan ás veces a nós por ese produto. Ao final, non sempre se lle dá ao traballo do mariñeiro o valor que merece.

Dirección A Nova Peneira


