Hai titulares que caen na evidencia da infamia xa desde a mesma redacción do título. Normalmente artigos e pequenas ou grandes intrusións na capacidade intelectiva dos lectores, cando pensan que somos parvos. Quizais un insulto, un abuso de información que de intencionalidade sibilina vén cargada de matices aparentemente invisibles pero pezoñentos. Estou afeito a velos e a detectalos xa na primeira vista. Hai especialistas en chamar a atención co custo de retorcer e retorcerse en mentiras ou ocultacións. Están, eses titulares, feitos para enganar e procurar unha urxente resposta ou, como ocorre moitas veces, conseguir a adventicia vontade de inocentes mentes entre incautos lectores e lectoras.
Sucede por exemplo cando alguén pide, poñendo en dúbida a limpeza dunhas eleccións e está poñendo dúbidas na limpeza desas mesmas eleccións e, ao mesmo tempo, pon en dúbida outras pasadas, probablemente aquelas nas que o seu grupo acadou representación e chanza para facerse notar. E, ao facelo, dan proba de ser quen son, na miseria de crear o caos e votar alburgadas ao mesmo tempo que quedan como santos visionarios, preclaros eles.
Son así, desconfían sempre de que haxa outros con máis votos. Entón non deixan gobernar e, xa na desorde, convulsionan o sistema no que menten e prometen, anque igual non gañan. Iso si, pasa en todas as eleccións, calan cando gañan e todo estivo perfecto. Fano sempre, aínda a sabenzas de todo isto que todos sabemos.
Pero o tema que me trae é outro, deixei pasar tempo para non escribir na tensión do sangue polas veas, e fixen todo este preludio a conto da Asociación “Hablamos Español” que preside aquela impulsora da plataforma noutrora Galicia Bilingüe (que xa -na súa exposición é unha imposición e mátase co contido) e que pensa que as entidades lingüísticas galegas marcaron un gol en propia porta ao non aceptar un pacto polo galego, subscrito incriblemente polo PSOE e, xa menos incriblemente, polo PP. Dúas formas de roubo e digo roubo pois rouban dereitos do idioma galego que non é un idioma calquera, coma os outros, senón que é o idioma Noso, o Propio, o Único que nos dá entidade e representa esta Casa diante do mundo. Ese é o Noso, o mesmo que lles dá sitio para que eles exerzan poder -parece ser- indebido. E que esta xente poña na mesma balanza e no mesmo proxecto cuantificador e matemático de porcentaxes, todos eses plurilingües proxectos causa anoxo diante do abuso, despois de séculos da súa ignominia e opresión.
“Hablamos Español” afía os dentes e empoleira en certo poder que os acusa a todos. Louva así o acordo pois, dos populares e pesoístas, porque poñen fin á prohibición de impartir en español determinadas materias que ata agora debían cursarse obrigatoriamente en galego. Din eles. Aquí quixera ser maleducado e proferir determinados prácemes nos que normalmente, diante de especulacións ousadas pronuncio envoltos en maldicións e pecados.
O xornal que isto publica, faino con foto da presidenta e nun apartado de folla que incita ao mal e manca os ollos. É un artigo provocador en canto a que banaliza o tema e ofende a dignidade de toda unha Nación (xa sei que lles molesta a denominación de onde eu e moita outra xente nacemos: Nación). Saben alá no fondo que non teñen razón, que están invadindo espazos e conculcando dereitos de todo pobo diante do mundo. Rabuñan e faltan ao rigor, anque ben saben que tarde ou cedo o Galego, mal que lles pese, será de novo Lingua de Galiza e volverá a razón a gobernar a Casa. Si, en propiedade.
Non vou tratar de explicar, de ningún xeito, a proclama da señora Lago. Certamente pensei que xa non andaba por aquí, este lugar infecto de fonemas cerrados. As súas palabras, a bos entendedores resolven, por si mesmas a incógnita de quen pode dicir esas incongruencias nos tempos que corren. E avaladas por dúas formacións de lonxincuas raíces, din eles tamén, e incapaces de soltarse do que lles ditan na Meseta, incapaces de pensar por si. Xentes que obedecen dogmas trasnoitados e de rancio sabor medievaloide, unto vello, moi vello. Unha pena perder espazo e tempo en parvadas que proceden do beneplácito da represalia que nunca entendeu por non querer entender. Pena de Besteiro e outra xente, tamén dalgunha xente que aínda dentro do PP e do PSOE saben que o tema non é ese, senón a dependencia que se proporciona matematicamente ás linguas e que as somete ás excentricidades de xente carente de coñecemento e sensibilidade, impunes e sen certificación algunha. A nosa Lingua, non é unha lingua máis, non é unha calquera. A Nosa Lingua é Nosa. Tempos virán, e falaremos.



