Milana Bonita
O 29 de novembro non votarei a dereita, por moitas razóns que vou intentar resumir nun decálogo.
A primeira é obvia: porque non defenden o público. A súa aposta pola privatización en sectores tan sensíbeis como o ensino, a sanidade ou o coidado das persoas maiores é evidente, tamén no noso país. A Xunta pagou 655 millóns a Povisa desde que, no 2019, o grupo Ribera mercou o hospital vigués por 24 millóns. E tamén foi receptora de parte dos tapabocas e das batas que fixeron gañar a Alberto González Amador, parella ou ex parella de Isabel Díaz Ayuso, unha comisión de dous millóns de euros. Non sei vós, pero eu dous millóns de euros non os gaño así, nun día, por facer unha xestión, así que prefiro que os cartos vaian para os hospitais públicos, eses que atenden as persoas que non temos tantos ceros na conta. E a escolas públicas. E a centros de día. E a residencias para maiores. E a pensións…
A segunda razón é porque, se ocorre unha desgraza, non quero que a xestione a dereita. Hai moitas cousas que reprochar tras dous accidentes ferroviarios tan graves, por suposto, pero de producirse unha traxedia quero que o ministro apareza axiña no centro de emerxencias, responda durante horas ás preguntas dos medios de comunicación, dea contas á cidadanía a través da nosa representación parlamentar, e logo teña a humanidade de asumir, como máximo responsábel das infraestruturas, que as vítimas e as súas familias merecen un aceno que demostre que a súa dor importa. Non quero ventorros, hilillos de plastilina, ministras que ascenden a presidentas do Congreso, nin restos de vítimas mortais colocados ao chou en ataúdes aleatorios, na falta de respecto máis grande que deu aos mortos a nosa historia desde as foxas do franquismo.
E aí chega a terceira: non teñen vergoña. Porque logo da Dana, do Prestige, de Angrois, do Yak-42, das Gurtel, dos Bárcenas, saltan á palestra, con todo o seu papo, para dar leccións de moralidade. E non é que non haxa que pedilas ao PSOE de Ábalos e Koldos: Hai que esixilas con contundencia pero é unha burla que o faga o PP dos golpes de martelo, dos secuestros a familias de ex-tesoureiros, da sede construída con financiamento irregular e quen sabe se do financiamento de avogadas a través de subvencións a panfletos propagadores de loias.
Igual o problema é que non teñen memoria e esa é a miña cuarta razón. Anunciou Miguel Tellado que o primeiro que farán será derrogar a lei de memoria democrática e veredes como aí si que teñen coherencia. Sempre puxeron paus nas rodas para evitar a aprobación dunha norma galega e foron laminando, unha a unha, así como chegaron ás distintas comunidades autónomas, as que rexían noutros territorios. Non sexa que de tanto andar a voltas coa ditadura lembremos, unha vez máis, quen son, de onde veñen, e o pouco que lles importa avivar as ascuas dun franquismo que non chegou a apagarse de vez. E aí vai a quinta: a diferenza doutros países europeos nos que a dereita democrática faille un cordón sanitario á ultradereita, aquí pactan sen rubor con ela, á fin é cuña da mesma madeira, e ata compiten a ver quen acaba anunciado a medida máis reaccionaria, mentres as enquisas dan unha subida espectacular aos de Abascal… (Oxalá Galiza siga sendo aldea gala!)
A sexta razón é que nin sequera lles fai falla pactar con VOX para retroceder en democracia. Xa en precampaña escoitamos unha das súas máximas dirixentes atacar dereitos constitucionais, como o dereito á folga, e ata ás organizacións sindicais, protexidas pola mesma Carta Magna que tanto defenden cando lles interesa, pero da que esquecen os artigos que non lles veñen ben, como o 47, que convoca aos poderes públicos a facilitar o acceso á vivenda. Pasaron tantas cousas nas últimas semanas que ninguén parece lembrar que foi unha xubilada a piques de ser desafiuzada quen provocou o adianto electoral nunha das principais economías de Europa. Mari Carmen é a miña sétima razón. Mari Carmen e o que ela simboliza. Non quero un goberno que lle dea prioridade aos intereses das grandes corporacións por riba dos da xente do común, e por iso tampouco me chega un executivo monocolor do PSOE. Agardo que haxa unha esquerda forte que lle torza o pulso coa man zurda e, de paso, que mire polo noso: unha esquerda galega que defenda os dereitos do noso pobo e non teñamos que saír a rúa a impedir a resurrección do proxecto de Altri na Ulloa, logremos de vez a gratuidade da AP-9 e, xa que estamos, botemos abaixo a irregular ampliación da concesión de ENCE na ría de Pontevedra, por poñer só un par de exemplos.
Porque a fin se trata, e aí vai a razón número oito, de defender o noso fronte aos patriotas de pulseira, aos que só sacan a bandeira para atacar os dereitos doutros, dos máis vulnerábeis, dos que teñen como principal patria a misoxinia, a lgbtifobia e a xenofobia. Só por isto merecían non ter un só voto pero é que, ademais, e xa son nove, son profundamente maleducados e levaron o debate político ao momento de máis lodo da actual democracia. E non me digan que hai crispación dos dous lados, porque o de megustalafruta chegou de onde chegou, dos da vila e corte, eses mesmos, esas mesmas, que fan amizade con dirixentes que directamente insultan ao presidente que, lles guste ou non, representa a esa patria que din querer tanto, porque tampouco teñen sentido de Estado. E con isto chegamos á décima razón que, na miña opinión, invalida á dereita a representarnos: non acepta as regras do xogo democrático e cando non gaña fala de gobernos ilexítimos, de que debe ocupar a Moncloa a lista máis votada -esquecendo, como sempre que lles convén, que eles tamén pactan, ata co demo, para acceder a alcaldías e comunidades-e mesmo verten sospeitas contra Correos e os seus dirixentes como se non fose de aí de onde procede o candidato popular. Ou quizais sexa precisamente por iso, porque saben, mellor que ninguén, que non son de fiar, e por iso non merecen un voto de confianza.



