Paulo Carlos é SX de Sumar Galicia,e candidato numero dous na lista de Senado de Progreso pola provincia de Pontevedra( candidatura conxunta do PSOE e a Fronte ampla para o senado ). Se sumamos os votos do 23 na nosa provincia, resulta que os do PSOE e naquel momento Sumar superan en arredor de 1.000 aos do PP +Vox, polo tanto Paulo ten serias posibilidades de saír das eleccións do 29N como senador. El é un home novo, de 40 anos de idade,cunha sólida formación intelectual e un cadro político de primeiro nivel. Amósase ilusionado con poder obter uns bos resultados en Galicia, e que axuden á poder repetir un goberno progresista no conxunto do estado. Asi foi a nosa conversa
“A transferencia da AP9 vai ser efectiva grazas ao traballo dos dous deputados de Sumar Galicia. E quen diga o contrario minte”
Comecemos por coñecerte mellor
Nacín en Bergondo, en 1985.De neno marchei a Betanzos e de mozo fun estudar a Santiago. Licencieime en xornalismo e en ciencias políticas. Fixen o doutoramento, e enfoquei a miña vida polos dous aspectos que máis me enchen, o activismo político e a docencia universitaria.
Gústache a docencia?
Si, moito.
Que opinas desa pulsión que tende a minusvalorar a mocidade actual como se fosen persoas que se desentenden da realidade que lles rodea?
É inxusto, e non se corresponde coa realidade. O día da folga milleiros de mozas e mozos galegos mobilizáronse para defender os seus dereitos. A mocidade actual é como a de calquera outra xeración: se ses lle escoita, respecta e se lles dá espazo para que se expresen, son capaces de comprometerse en defensa do ben común.
Ti es SX de Sumar Galicia. Que diferencia hai entre a túa organización Podemos e Esquerda Unida?
O que caracteriza a Sumar dentro de todo o espectro da esquerda transformadora é que temos unha clara vocación de goberno. O paso dos ministros de Sumar polo goberno amosou a posibilidade da existencia dunha esquerda que non só manteña posicións de combate desde a oposición senón que tamén goberna, e que goberna ben.
Nós, xunto con outros exemplos no mundo como Lula ou o alcalde de Nova York, tratamos de romper ese tópico da dereita de que o goberno é patrimonio perpetuo dos conservadores ou dos socialdemócratas.
A vocación de goberno é compatible coa ortodoxia política?
Sempre hai contradicións. Especialmente cando estás nun goberno de coalición cunha correlación de forzas negativa. Inevitablemente hai que tender un pouco á heterodoxia, e sobre todo ao pragmatismo. Por suposto que hai liñas vermellas irrenunciables. Pero é imprescindible facer ver que foi a existencia de ministros de Sumar no goberno, o que provocou que na deputación permanente do congreso se veñan de aprobar medidas revolucionarias a favor da vivenda.
Non tes medo de que ese pragmatismo ao que apelas dilúa as vosas fronteiras co PSOE?
Non, non somos o mesmo por distintas circunstancias. Primeiro a cultura política. O PSOE é un partido de estado socialdemócrata, e nós somos unha esquerda transformadora con moito arraigo no social que bebe das loitas sociais. Esto último permítenos ter sempre un pé na rúa.
Por outra parte nós non é que representemos intereses distintos, pero si distintas formas de entender a acción de goberno.
Todo ese espectro da esquerda estatal á esquerda do PSOE leva moitos anos facendo da “unidade popular” unha especie de axioma teórico. Pero dá a sensación de que é só teórico, porque se defende na teoría pero non se concreta na realidade.
A fronte ampla é un exercicio de integración de forzas políticas distintas. Dentro da fronte ampla hai organizacións moi diversas: Chunta aragonesista, Compromís, Mes, Mas Madrid, Comúns….todas elas representan loitas territorializadas que conflúen na Fronte. E iso é a unidade popular.
E Podemos?
Sempre aspiramos a que a unidade sexa máis grande.
Na lexislatura que remata, Sumar Galicia tivo dúas actas no congreso estatal, Verónica Barbero por Pontevedra, e Manuel Lago por Coruña(Antes Marta Lois).Que valoración fas da súa labor política? E que beneficios concretos para o pobo galego tivo o seu traballo?
A valoración é desde logo moi positiva. En canto á segunda pregunta, dicir que a mellor forma de defender os intereses de Galicia é mellorar as condicións materiais da cidadanía galega
Iso en que se concreta?
Subindo o salario mínimo, prorrogando os alugueiros e facendo políticas de esquerda no conxunto do estado. No terreo do concreto hai que mencionar tamén a transferencia da AP9, e esta vai ser efectiva grazas ao traballo da nosa deputada Verónica Barbero e do noso deputado Manuel Lago.
Dis que a transferencia da AP9 vaise dar grazas ao traballo dos deputados de Sumar Galicia. Iso é verdade?
Si, é verdade. E quen diga o contrario minte. Por que non se fixo nos últimos 15 anos, e si se concreta neste mandato?, pois porque nesta lexislatura estivo Sumar Galicia no parlamento.
O proceso remata na transferencia?
Non, despois ten que vir a nacionalización.
Quen lle pagaría á concesionaria?
O estado, abofé.
Algunha outra cuestión na que o traballo dos deputados de Sumar beneficiase ao pobo galego?
Hai moitas. Por exemplo:O trámite das axudas por cese de actividade no sector marisqueiro, a catalogación da Cheminea das Pontes como patrimonio nacional, o traslado do defensor do pobo a Vigo( que vai neste programa)…..
Porén as enquisas din que perdedes a representación, e que o 29N non ides quitar ningún deputad@ en Galicia
Depende da enquisa
Eu non vin ningunha que vos dera representación
Eu si. Tamén no 2023 nos daban 0 deputados e logo sacamos 2.As enquisas hai que medilas en función de se calibran ben ou non a participación. Eu confío en que o 29N sexa moi alta, e iso aínda non o miden ben as enquisas.
Máis do 70%?
Estou seguro de que si. Se todas as persoas que saíron á rúa o día da folga votan, teremos novamente un goberno progresista. Tamén existe un volume elevado de indecisos que confiamos en que acaben por apostar por un goberno progresista en lugar de por un reaccionario. A dereita está mobilizada en máximos, xa non pode facelo máis. A esquerda ten aínda campo potencial de crecemento.
Entón, cales son as túas expectativas realistas para o congreso?
Manter a representación que temos.
Se é así, cal é o motivo de que Verónica Barbero, actual deputada por Pontevedra, non se presente por esa provincia e vaia na candidatura de Madrid?
Porque é a líder de movemento Sumar a nivel de estado, xa que logo entendemos que debe de presentarse por Madrid.
Facemos esta entrevista o día que o CIS fixo pública a súa enquisa, que dá unha vitoria clara da esquerda. Que opinas do resultado desa enquisa?
Os profesionais do CIS, son moi bos, dos mellores de Europa. A enquisa ten cociña,claro. Pero tena absolutamente igual que calquera outra, de calquera empresa privada que faga enquisas. Cada enquisadora faino en base aos seus criterios e fórmulas. O 29N á noite, veremos cal delas se achega máis á realidade.
En relación á intención directa de voto, sen cociña, en anteriores procesos electorais o CIS foi a que máis acertou.
Falemos do Senado: Que é Senado de Progreso e por que se artellou esa candidatura?
En xuño deste ano mandei unha carta ao BNG e ao PSdeG indicando que malia sermos proxectos políticos diferentes era necesario chegar a un acordo para o Senado, porque é a caixa de resonancia da dereita onde bloquean absolutamente todas as iniciativas progresistas.
Que resposta recibistes?
Boas palabras por parte do PSdeG. O BNG díxonos que nin sequera ía valorar esa proposta. Besteiro, SX do PSdeG, comezou a liderar o movemento dirixido a poder concretar unha candidatura conxunta no Senado. Ferraz aceptouno e trasladou o debate a outros territorios. E partir disto comezou a aparecer unha proposta a nivel estatal que artellou unha candidatura conxunta no estado.
En Galicia é en Pontevedra onde si que tedes moitas posibilidades de que Senado de Progreso derrote ao PP e acade 3 senador@s
E en Coruña tamén
En Coruña hai 18.000 votos de diferenza a favor da dereita, eu véxoo case imposible
Se sumamos todos os votos progresistas gañamos seguro. E eu creo que os votantes progresistas que no congreso lexitimamente decidan votar a outra opción, no senado deberan apostar pola nosa candidatura,porque somos a única que obxectivamente ten posibilidades de derrotar á dereita.
Ti, é probable que saias senador. Se finalmente é así, con que expectativas asumirías a acta?
Aínda que o Senado é unha cámara nas que existen moitas limitacións, se hai gañas pódense facer moitas cousas. E eu teño todas as gañas do mundo. Pódense mellorar as leis, controlar ao goberno, levar iniciativas de carácter territorial,participar na territorialización dos orzamentos, romper os bloqueos sistemáticos da dereita…. Eu se son senador, serei un senador da Galicia progresista. Quero que todos o votantes progresistas e nacionalistas galegos se poidan sentir representados.
Normalmente o Senado é unha cámara na que os partidos colocan aos seus floreiros chineses. Supoño que ti non te sentirás así?
Ha, ha, ha..Non, claro que non. Eu teño 40 anos, unhas gañas inmensas de traballar, e unha enorme ilusión por ser útil ao pobo galego.
Rematamos Paulo. Como vai a implantación territorial de Sumar na área de influencia de A Nova Peneira?
Temos unha implantación notable. Por exemplo teremos candidaturas municipais en Baiona,Gondomar e Nigrán..e temos tamén acordos para apoiar candidaturas xa existentes en Mondariz, Ponteareas e Salceda
En Mondariz a Calis, en Ponteareas a PEC, e en Salceda a quen ides apoiar?
Á actual alcaldesa Loli Castiñeira.

Dirección A Nova Peneira


