O caralludo é que che fixeron crer que co teu salario, co que na maioría dos meses non che alcanza a cubrir moitos dos gastos, ti, se foras aforrador, tamén poderías chegar a ser rico apoiando medidas económicas que tan só benefician aos ricos.
E non se fartan de repetir que vivimos por enriba das nosas posibilidades.
Por iso, o mellor é ir deixando as saídas ca túa parella ou os teus colegas para o mes seguinte. Tamén podes adiar a revisión na clínica dental porque ben sabes que unha ortodoncia non entra dentro dos plans deste ano. Sarro con gusto, non mata.
O caralludo é que che fixeron crer que ti tamén poderías ter dúas, tres ou até cinco inmobeis co teu salario mínimo se te esforzaras aínda máis para pagares a hipoteca da túa única vivenda apoiando medidas que tan só benefician aos grandes especuladores e empresas inmobiliarias.
En certo modo, queren que xogues para eles, co seu balón, e que soñes cunha vida que poderías ter, pero, en realidade. xamais a tiveches soñado.
O caralludo é que che fixeron crer que as persoas migrantes veñen para che quitar o traballo, sobre todo, o que non estás disposto facer, apoiando medidas migratorias que exclúen, discriminan e non benefician a ninguén porque ninguén quere facer o traballo que ninguén quere facer.
O caralludo é que che fixeron crer que os servizos públicos son de balde e páganse cos billetes do monopoli.
Porén, ninguén pide a conta cando sae da consulta médica ou do quirófano logo dunha cirurxía de xeonllo por ir xogar a pachanga dos xoves coa colegada.
Tampouco escoitei a ninguén pedir a conta logo de estar ingresado pola COVID-19 e saír camiñando pola porta do hospital dando grazas ó ceo por poder contalo.
Aquí ninguén pide a conta cando deixa aos seus fillos na escola ou cando unha filla marcha a estudar belas artes, ou filosofía, ou tradución a calquera universidade do estado.
O caralludo é que ninguén pide a conta cando chega á casa e prende a luz ou tira da cadea por tirar, simplemente porque non lle gusta o silencio.
O caralludo é que che fixeron crer que tan só mereces o salario que cobras, polo teu tempo e polo teu traballo apoiando medidas que tan só benefician ao empresario pero nada che contan dos beneficios, das ganancias das empresas grazas, exclusivamente , ao teu traballo, polo teu tempo e pola túa saúde. Que mo conten a min que traballo a tres quendas.
Se cadra, por iso tampouco saíches o pasado día 11 de Novembro a protestar por salario digno que che permita vivir nunha casa digna, aínda que non teña dous baños, garaxe e faiado.
Hai veces, que nin con douscentos euros da folga arranxas o mes.
O caralludo é che fixeron crer que o fascismo mola, paspán, que sodes uns pobres paspáns fascistas!
O caralludo é que che fixeron crer que es e tes algo, que, nin es, nin tes.


