O gando volve a Feira Vella coa Feira Tradicional dos Remedios

Festa dos Remedios Ponteareas A Nova Peneira

Entre as novidades desta edición está a recuperación da Feira Vella como epicentro de exhibicións de gando e promoción de especies autóctonas

Paseos en carruaxe totalmente de balde, todo tipo de produtos artesanías, photocall e sorteo de agasallos

Entre as novidades tamén está a celebración do XXXII Festival Folclórico do Condado que este ano se enmarca no programa da Feira

Ponteareas, 29 de agosto de 2019

O concello de Ponteareas, a través das concellerías de Cultura que dirixe Fernando Groba e de Eventos que dirixe Cristina Fernández, presenta unha nova edición da feira tradicional dos Remedios que chega a súa décimo terceira edición o vindeiro sábado 7 de setembro.

Cargada de moitas novidades a Feira Tradicional dos Remedios recreará, un ano máis, os mercados que se celebraban a principios do século XX e todos, comerciantes e participantes, irán ataviados coa roupa desa época.

Entre as novidades desta edición está a recuperación da Feira Vella como epicentro de exhibicións de gando e promoción de especies autóctonas como o porco celta ou o cabalo de pura raza galega. Deste xeito, a Feira Tradicional dos Remedios amplía fronteiras, sendo igualmente a praza de Bugallal e as rúas Vidales Tomé e Morales Hidalgo os centros neurálxicos para mercar produtos de alimentación e artesanais, e a praza da Música o lugar onde degustar o tradicional polbo á feira.

Complementos, cerámicas, tecidos, xogos, produtos de coiro, cosmética natural, sementes, produtos da horta, plantas mediciñais, embutidos, marmeladas, chocolates e un longo etc de agasallos e ofertas para que a cesta da compra vaia chea de calidade e sabores da terra.

Entre as novidades tamén está a celebración do XXXII Festival Folclórico do Condado que este ano se enmarca no programa da Feira dos Remedios abrindo a xornada festiva e comercial cunha ruada dende a casa do concello e con actuacións ao longo de toda a mañá e de toda a tarde.

A partir das 10:30 horas poderase visitar o Poni Club no parque da Feira Vella, tamén ás 16:30 horas. Ás 11 horas e as 13 horas as rúas da Feira vivirán a visita do cego e dos seus cantares. Ás 11 horas coñeceremos os nosos cabalos de pura raza galega no parque da Feira Vella e ás 12 horas haberá exhibición de salto do Club Hípico Char no IES Val do Tea que tamén acollerá ás 13 horas a exhibición de andadura PURAGA.

Pola tarde de 17 a 19 horas o parque da Feira Vella ofrecerá un concurso morfolóxico de can de palleiro e tamén poderemos gozar da música dos grupos do XXXII Festival Folclórico do Condado que actuarán polas rúa ata as 19 horas que será o momento do baile final e clausura diante da casa do concello.

O concello convida a todo o mundo a vestirse de época, a tirarse unha foto no photocall ubicado na praza Bugallal coa opción de participar no sorteo de agasallos e a pasear na carruaxe de cabalos que estará dispoñible durante toda a xornada totalmente de balde para quen queira pasear entre a praza Bugallal e o parque da Feira Vella.