O Mos digno homenaxea ás vitimas do terror franquista

Memoría Histórica Mos

O pasado día 6, máis dun cento de persoas congregáronse por undécimo ano consecutivo no cemiterio de Mos, convocados pola comisión de familiares pola memoria histórica de Mos para homenaxear ás mulleres e homes da localidade, asasinados polo réxime criminal e asasino de Francisco Franco. E un ano máis o goberno municipal deste Concello amosou o que é ter un corazón escuro, negro e tebregoso, pois nunha homenaxe celebrada en Mos, para dignificar a memoria de veciños e veciñas de Mos, asasinados por defender a democracia, a liberdade e a lei, preferiron non asistir. Algún día a historia, a máis inexorable de todas as xuízas, porá a Nidia Arévalo no lugar que merece, un sitio dunha cor moi parecida á cor do corazón do dirixente político que non quere asistir a unha homenaxe deste tipo. Imaxinen, queridos amigos e amigas , que nun concello con alcaldesa do BNG, de Podemos ou do PSOE se realizase unha homenaxe a calquera asasinado polo terrorismo de Eta, a Miguel Ángel Blanco, por exemplo, e que a alcaldesa ano tras ano declinase asistir a tal homenaxe. Imaxinen que pasaría?, Imaxinen que dirían desa alcaldesa todas as canles de TV?, Imaxinen que dirían desa alcaldesa todos os xornais?….

Nós, alí estivemos, xunto co Mos digno que se lembra con amor e tenrura do sufrimento dos seus fillos e fillas esmagados baixo a bota podre e miserable do terrorismo do nacional catolicismo español, e foi un acto enormemente emotivo. Os sentimentos máis íntimos as emocións máis profundas, a sensibilidade máis intensa, desbordaban, como unha fervenza tempestuosa desborda o caudal do máis caudaloso dos ríos, os corazóns das persoas que escoitamos as palabras de Ana, a música de Lia ou a poesía de Chus falando de memoria de dignidade e de xustiza. Nestes tempos escuros nos que os fillos ideolóxicos dos asasinos tratan de branquealos, A Nova Peneira, mentres teña voz ,falará sempre dos mortos para que os seus nomes e a súa dignidade nunca se borren da historia.