A UD Atios cítase coa historia

UD Atios A Nova Peneira Concello de Porrillo

Despois de 51 de vida a UD Atios, o equipo desta parroquia porriñesa, acadou o éxito máis importante de toda a súa existencia, o ascenso á 3º división. A ilusión e alegría por poder ver a algún dos máis relevantes conxuntos do fútbol galego competir contra o Atios no campo do Carballo son moi elevadas na veciñanza da parroquia. A Nova Peneira conversou con Jose, o seu presidente para coñecermos as expectativas coas que afrontan unha temporada que quedará marcada na memoria colectiva de todos os afeccionados e afeccionadas do equipo vermello. A conversa con Jose foi moi agradable para min. El é un home que calquera escollería como compañeiro de cañas, pois constrúe con moita facilidade un ambiente de comodidade e calidez. Velaí vai o que deu de si

JOSE CEBREIRO, PRESIDENTE DA UD ATIOS

PARA MIN É UNHA HONRA SER O PRESIDENTE DO EQUIPO DA MIÑA PARROQUIA”

De onde es ti Jose?

Eu son nativo de Vigo, en concreto do barrio de Bouzas

Caramba ,e como chega un vigués á parroquia de Atios?

Nun principio por traballo. Levo traballando no Porriño desde hai 20 anos, e rapidamente me integrei na sociedade local

Aínda que a canción di que “ 20 anos non son nada”, si que é moito tempo, polo tanto creo que xa podemos dicir que es atiense de adopción?

De adopción e tamén de corazón. Traballo no Porriño desde o 2.000,son veciño da parroquia desde o 2.006, e asegúroche Tino, que os vínculos afectivos que teño con Atios son moi intensos, e, vaian por onde vaian os camiños da miña vida, son xa irrompibles.

A UD ATIOS debe de ter unha implantación importante na parroquia, non?

Abofé que é así. Eu creo que é unha das institucións máis valoradas, xa pasamos do medio século de historia e iso non é por casualidade. Para min é unha honra ser o seu presidente

Cando chegaches á presidencia?

Esta é a cuarta tempada

Cóntanos a túa historia co mundo do fútbol?

Eu sempre tiven moita afección por este deporte, cando era rapaz xoguei no celta, entre os 9 e os 18 estiven nas súas categorías inferiores. Logo cando comecei a traballar deixei de practicalo, pero a paixón polo fútbol vai comigo dentro.

E ti, que tipo de celtista es, dos que quere que o Depor baixe a 2º B?, ou dos que quere que compita co Celta en primeira?

Ha , ha ha ha. Imos ver, eu son celtista dos que vive a rivalidade co Depor con moita paixón, pero de maneira absolutamente sa, e si, non deixo de recoñecer que “o noso derbi” en primeira división é moi atractivo

No voso caso, o principal derbi é contra o Porriño Industrial ou contra o Pontellas?

Eu creo que contra o Pontellas. Eles están en 3º, mantiveron a categoría e agardo que este ano poidamos gozar dun apaixonante derbi con eles

Cantos habitantes ten Atios?

Arredor de 2.500

Non debe de ser nada fácil a sustentabilidade económica dun equipo en 3º división?

Ben, xa estando en preferente a verdade é que foi complicado. Eu teño a sorte de ter unha directiva ampla e de enorme capacidade de traballo e grande calidade humana, o que facilita moito as cousas

E como tedes previsto encarar financiamento este ano en 3º?

A verdade é que con moitas incógnitas, porque a situación económica, derivada da crise sanitaria, non ten boa pinta. Oxalá me equivoque e se poida remontar rápido, pero montar o presuposto deste ano non vai ser fácil. Desde logo quixera agradecer a enorme xenerosidade dos nosos patrocinadores como por exemplo a cafetería Hiroshima, mecánica Rocha, talleres Gumerjo, escavacións e construcións Pérez, o Concello, a Deputación, Granitos Maitana. Sen eles non sería posible

Fainos unha cronoloxía deportiva destes catro anos?

Eu cheguei ao club porque tiña ao meu fillo xogando nas súas categorías inferiores. Hai catro anos o anterior presidente decidiu non continuar, e eu dei un paso adiante. O primeiro ano foi de aprendizaxe para min, as cousas non saíron ben e rematamos no posto 13.O segundo ano foi moito mellor, rematamos de terceiros e xogámonos o ascenso contra o Ourense. O ano pasado quedamos no cuarto posto .E no ano actual levamos desde a xornada 1 en postos de ascenso, cando se produciu o parón estabamos de segundos

O ascenso xa está confirmado non?

Si, xa o confirmou a federación galega de fútbol

A alegría debeu de ser inmensa?

Si claro, pero atípica. Teríanos gustado moito máis podelo celebrar no campo. A nosa idea é que cando rematen os 10 días de loito polas vítimas do coronavirus facer algo para que toda a parroquia poida compartir a nosa felicidade

Ti estás ben de ánimos e con ilusión de continuar tempo na presidencia?

Todo na vida ten un principio e un final. Actualmente eu estou moi cómodo, como che dixen é un pracer traballar cos meus compañeiros de directiva, e mentres a afección estea contenta co meu traballo eu vou seguir pelexando pola saúde e os éxitos do meu club e da miña parroquia.

Eu coñezo a varios presidentes de equipos modestos, e todos me din o mesmo, que un presidente de equipo modesto acaba tendo problemas familiares, pois absorbe tanto tempo que as tensións na familia son inevitables. Como o leva a túa familia?

Ha ha ha ha. A miña familia lévao ben, eu tiven moita sorte de ter a familia que teño, e desde logo que lles agradezo a súa compañía, comprensión e afecto. E recoñezo que leva moito tempo a verdade que si, pero tamén teño que dicir que é como unha droga e que engancha en grao superlativo.

Ti pareces un home moi emotivo, es dos que cando perdes te cabreas?

Cando palmamos son un tipo inaguantable

Ha ha ha ha ,ben, entón cando gañades debes de ser un home especialmente agradable?

A verdade é que si, cando gañamos son encantador

Como son as relacións co Concello do Porriño?

Son boas e fluídas

Que cantidade de socios tedes?

Entre os rapaces da base máis os socios en xeral, arredor dos 500

A procedencia dos xogadores?

Temos algún da parroquia e do Porriño,e de varias localidades da zona sur de Pontevedra

De que idade media é a plantilla?

Algún hai de 30, pero en xeral é un equipo novo. A nosa media de idade está arredor dos 23 anos

O equipo é amateur non?

Si.

É unha plantilla competitiva para pelexar en 3º con dignidade?

Eu penso que si. Iso se cadra, xa é unha cuestión para o corpo técnico, pero eu teño unha confianza cega na calidade dos nosos xogadores. Temos un bloque moi compacto que xa vai facer tres anos, e eu estou seguro de que daremos moita guerra nos campos de terceira.

O corpo técnico continúa?

O adestrador Jose Tizón desde logo que si, e a nosa idea é que continúen todos os demais.

Ti pareces un home optimista e ilusionado, Jose. O obxectivo deste ano é a permanencia ou podemos considerar metas maiores?

Moitas grazas, pero tamén son un home realista. E o Atios, nunca en 51 anos de historia estivo en 3º, somos recen ascendidos e o obxectivo non pode ser outro que a permanencia. Aínda que logo é a competición a que pon a cada un no seu sitio claro.

O fútbol modesto sen público, é viable?

Eu creo que non. Nós non queremos xogar a porta pechada, iso sería a ruína do fútbol modesto