Emiliano Lage Alcalde de Fornelos de Montes

Emiliano Lage A Nova Peneira Concello de Fornelos de Montes

É tradición desta casa , achegarnos no mes de Xullo ata o fermoso concello de Fornelos de Montes a interesarnos polas súas festas de agosto. Desta volta a nosa visita foi diferente, pois ao igual que no resto do país galego, as circunstancias sanitarias que estamos a vivir poñen en serio risco todos os eventos festivos deportivos e culturais deste verán. Porén non quixemos deixar de cumprir algo tan agradable para nós como visitar un dos concellos máis bonitos do mundo e conversar co seu alcalde sobre como viviu a súa veciñanza o confinamento e como está sendo a desescalada.

ESTOU ABSOLUTAMENTE ORGULLOSO DA PROFESIONALIDADE, ABNEGACIÓN E VOCACIÓN DE SERVIZO PÚBLICO DE TODAS E TODOS OS TRABALLADORES E FUNCIONARIOS DO CONCELLO DE FORNELOS DE MONTES”

Quero comezar Emiliano, informándoche de que o 6 de febreiro do ano próximo teremos a IV edición da nosa gala de entrega de premios, e, non che quero anticipar nada, só dicirche que desta volta coido que vai ser especial para o Concello de Fornelos de Montes, e agardo que poidamos contar coa túa compañía?

Será un pracer acompañarvos Tino. O voso xornal ten unha importante presencia no noso Concello, e eu estarei con vós na vosa festa absolutamente encantado.

Esta conversa ten que ser enmarcada á forza nas circunstancias sanitarias tan horribles que aínda estamos a vivir. Como foron no voso concello?

En Fornelos, dentro do que cabe viviuse bastante ben. No noso pobo só tivemos dous casos que foron importados doutra comunidade autónoma. Transmisión local non houbo

Son dous casos distintos, ou dunha mesma familia?

Son un matrimonio , que foron visitar ao seu fillo , el vive noutra comunidade autónoma, e volveron coa infección. Cumpriron a corentena con rigor, e ao rematala fixéronlle as probas e deron negativo. Afortunadamente levárono moi ben e non chegaron a padecer un cadro clínico de gravidade.

E só tivestes dous casos en todo o concello?

Hai outro máis que o consideran como que fose do pobo, porque a persoa é nativa de Fornelos, pero vive en Vigo, e a enfermidade colleuna e levouna alí. Desde o Concello procuramos cumprir todos os protocolos profilácticos que determinan as autoridades sanitarias para ,no que a nós respecta, facer todo o que estea na nosa man para protexer a saúde das nosas veciñas e veciños

No que respecta á atención dos segmentos máis vulnerables?

Todo o persoal municipal estamos ao máximo nivel para levarlles comida e calquera produto que precisen ás súas casas

Os usuarios que precisan ese tipo de atención aumentaron, ou son máis ou menos os mesmos que viñan sendo atendidos polos servizos sociais do Concello?

Aumentaron notablemente, por desgraza é a realidade. Nós atendemos a todas as persoas, tanto ás que sabemos que o precisan como á xente maior que vive soa e non podía desprazarse a mercar

Esta situación debeu supor un importante desembolso económico para o Concello?

Moi importante a verdade é que si.

Recibistes axudas doutras administracións?

Só da Deputación.

Como cambiaron os tempos. Lembro a época do PP na DEP cando dicías que esta administración ignoraba ao Concello de Fornelos?

E tanto que si, abofé que mudaron, afortunadamente para ben, pero para todos os concellos ,pois o reparto de fondos desta DEP artéllase en torno a criterios obxectivos medibles empiricamente, e cada administración municipal, sexa da cor que sexa, recibe o que lle corresponde.

Cando repartiades, onde comprabades os produtos repartidos?

En negocios de Fornelos desde logo.

Do traballo dos funcionarios e traballadores do Concello que nos dis?

Só unha cousa; estou profundamente orgulloso de todos e todas .Sen o seu esforzo, sen a súa profesionalidade, abnegación e vocación de servizo non sería posible. Esta situación amosou creo eu, o perniciosos que foron os recortes do PP, tras a crise do 2.008 e o imprescindible que é investir en sanidade.

Como está o centro de saúde de Fornelos?

Pois precisa dunha remodelación urxente, especialmente no seu mobiliario. Nós pedimos un investimento da Xunta, fíxate ti que o Sergas non paga nada, pero nada de nada, polo noso centro de saúde, e contéstanos que tería que ser ao 50%.Non teñen trinta e pico mil € que é o que precisa o noso centro de saúde, e no concello de Pazos, teñen 10 veces máis para un novo centro de saúde. Ollo, que a min paréceme estupendo que se faga un centro de saúde novo en Pazos e en calquera sitio, pero contra o que me revelo é o modus operandi de sempre : a unha administración amiga dáselle todo, e a outra por non ser da súa cor , non se lle dá nada.

E en liñas xerais, sobre a colaboración da xunta?

Máscaras, xeles desinfectantes, batas, luvas e para de contar. De feito agora mesmo non temos luvas. A Xunta está no de sempre; as responsabilidades para o goberno central ou para os Concellos, eles para iso non existen.

Como valoras o nivel de civismo amosado pola sociedade de Fornelos?

Con moi poucas excepcións, valóroo moi positivamente. O comportamento do meu pobo foi exemplar.

Houbo veciños multados?

Eu non teño constancia diso.

Como valoras as medidas sociais postas en marcha polo goberno do estado para tratar de conter a crise económica, que é consecuencia inevitable da crise sanitaria?

Valóroas moi positivamente. É a primeira vez na historia de España que se pon en marcha un escudo social desa dimensión para axudar ás persoas afectadas por unha crise. É a primeira vez na historia que os autónomos cobraron unha prestación. Seguro que se cometeron erros, seguro que se podían ter feito máis cousas, pero a vontade de axudar a quen o precisa, que ten este goberno, é indiscutible. E teño que dicir que estou convencido de que o traballo deste goberno vai producir que a saída da crise non sexa tan longa e tan dura como foi a do 2.008.Esta crise ensinounos que a España fanlle falta reformas estruturais e un investimento moito máis elevado en I+D+I.

Que vai pasar este ano con algo tan importante para Fornelos como son as súas festas de verán?

Quero dicir primeiro que piscina non se vai abrir. É tanto o protocolo necesario para abrila, que fai imposible que poidamos facelo, ao igual ca moitos outros concellos da contorna, non nos vai quedar máis remedio que quedar sen piscina no verán. En canto ás festas, as nosas son o 8 ,9 e 10 de agosto, polo tanto non está decidido aínda o que imos facer. Imos agardar algunha semana máis a ver como evoluciona a situación epidemiolóxica. O que teño clarísimo é que non vou arriscar a saúde de ninguén, e só se van facer se non existe risco de rebrote. Se fose así, eu son o primeiro que quero facelas, pois as festas son boas para todas e todos, pero ten que ser así. A saúde pública é máis importante que calquera outra circunstancia.

Vexo que estamos en obras?

Pois si, estamos executando unha actuación moi importante para Fornelos que é a remodelación da rúa das escolas. Comezamos con ela en maio e conto que estea rematada en agosto. O investimento é significativo, 500.000€ que financia a DEP e o propio Concello.

Rematamos, que vai pasar o 12 de Xullo?

Eu agardo que Galicia viva o cambio que o necesita. E ese cambio só po ser liderado pola experiencia, a solvencia e o rigor do partido socialista con Gonzalo Caballero como próximo presidente da Xunta.