Xohana Torres xa ten un sitio en Redondela

Xohana Torres Concello de Redondela A Nova Peneira

A destacada poeta galega, Xohana Torres, morta no ano 2017, ten dende o domingo 26 de xullo un espazo propio no Concello de Redondela. O Servizo de Normalización Lingüística,  decidiu outorgarlle o seu nome ao parque infantil da Alameda de Castelao. Un panel, con información para persoas adultas e infantís, dará conta do papel pioneiro de Xohana Torres na literatura galega, sendo das primeiras mulleres que escribiron en galego durante a ditadura franquista. 

No acto léronse varios poemas na voz de cinco veciñas de Redondela. A sorpresa tróuxoa o técnico de normalización lingüística, Xurxo Martínez, que ao presentar o acto comezou coa voz da propia Xohana Torres recitando o seu célebre poema “Penélope”, do cal un dos seus versos (“Nós tamén navegar”) converteuse nun dos lemas do movemento feminista galego. Finalmente, a alcaldesa Digna Rivas dirixiu unhas palabras ás persoas reunidas na Praza de Santiago e deulle paso a Antía Muíño, un voz nova e prometedora que puxo un broche excepcional para esta homenaxe tan merecida a Xohana Torres.