Como era previsible, para calquera que tivera ollos par ver e que non estivera fanatizado a priori, a querela que presentou a alcaldesa de Mos contra a comunidade de Montes de Tameiga, por algo que non parecía outra cousa ca uns billetes do monopoly, foi arquivada en primeira instancia. Nós falamos coa voceira do PSOE, Victoria Alonso, e co do BNG Gustavo Barcia para coñecer a súa opinión ao respecto. Ambos amosaron o convencemento de que non se podía esperar outra cousa como resultado dunha acción xurídica carente do máis mínimo rigor que só supuxo dilapidar aínda máis as maltreitas arcas públicas mosenses. Asemade ambos manifestan o seu malestar polo recurso que a alcaldesa anunciou que presentaría pois , ao seu xuízo, só vai supor tirar ao lixo con máis diñeiro publico
VICTORIA ALONSO VOCEIRA DO PSDG DE MOS
“A ALCALDESA DE MOS DEBE DEIXAR DE GASTAR OS CARTOS D VECIÑANZA EN CRUZADAS PERSOAIS”
Cal é a valoración que fai o PSDG de Mos sobre o arquivo, en primeira instancia, da querela sobre o suposto caso das facturas falsas de auga?
A alcaldesa xa anunciou a súa intención de presentar recurso e non insistimos en que deixe de dilapidar dunha vez os cartos da veciñanza nalgo que xa se amosou que non ten o máis mínimo percorrido xudicial. Se quere seguir pelexando contra muíños de vento que o pague ela ou o PP, pero non o conxunto da veciñanza de Mos. Xa no seu día pagáronse as copias e os envíos
Que copias e que envíos, a que te refires?
Ela fixo copias daquelas simulacións de recibos e cargounas ao concello
Si?
Si, foron nos recoñecementos xudiciais do ano seguinte. As fotocopias os repartos e os envíos daquelas notas nas que a alcaldesa daba a súa versión, xusto en campaña electoral, daqueles feitos, pagounas toda a veciñanza de Mos. Tamén fixeron un pleno extraordinario sobre este tema, máis gastos, a agora aínda nos queren facer pagar o recurso
Ben, alén de expresar o teu desacordo co recurso que a alcaldesa anunciou que ía presentar, quería que valoraras o contido da sentencia en primeira instancia?
Pois todo parecía indicar que ía rematar así. Aquilo era máis que evidente que non tiña o menor percorrido. Nin se lle cobrou nada a ninguén, nin había maneira de pagar nada
E a xente que dixo que si foi pagar?
Ben, iso só pode pagar en medios de comunicación que se prestan a ese tipo de cousas. A pagar que?, a pagar a onde?. Aqueles papeis xa advertían de que se trataba dunha suposición do que podería pasar se se privatizase o servizo de augas
O partido socialista ten previsto algún tipo de movemento político sobre este asunto?
Algo faremos si, pero estamos a estudiar distintas alternativas e cando o decidamos xa informaremos puntualmente
Unha cousa breve fora deste asunto: Recentemente o teu compañeiro Alejandro Figueroa foi expulsado do pleno pola alcaldesa sen terlle chamado a orde previamente, non ides facer nada ao respecto?
Poderiamos telo denunciado para declarar o pleno nulo, pero por responsabilidade coa veciñanza, decidimos non facelo. Agora ben manifestamos o noso malestar nas redes sociais e dicimos alto e claro que non imos consentir que tal cousa se volva a repetir
GUSTAVO BARCIA
“O ARQUIVO DESTA QUERELA É A CRÓNICA DUNHA MORTE ANUNCIADA”
Que valoración fai o BNG do arquivo xudicial da querela presentada pola alcaldesa de Mos sobre o asunto das supostas facturas falsas de auga?
Ben, é a crónica dunha morte anunciada. Xa desde o principio a alcaldesa e o grupo de goberno foron advertidos de que esa vía non tiña percorrido, e que se trataba dunha fabulación máis das súas para tentar quitar rédito político. A conclusión deste episodio é que a alcaldesa por unha cuestión puramente persoal contra a comunidade de Montes e as traídas de augas está a gastar os cartos do concello. E xa non é o primeiro revés xudicial que sofre a alcaldesa
A que te refires?
Pois por exemplo ás protestas do multiusos e tamén cando tentou acusar a uns veciños que tiñan unhas faixas nas súas casas
A alcaldesa de MOS utiliza a vía xudicial con obxecto de beneficiar os seus intereses políticos?
Si, evidentemente, si. Fai un uso abusivo e partidista para ir en contra dunhas asociacións que están en contra da aberración urbanística que sería o Centro Comercial en Tameiga.
Non sei cal é a túa opinión pero eu teño a sensación de que a difusión mediática do resultado da querela foi moitísimo menor cá que se lle deu á súa presentación?
Estou de acordo contigo. De feito nalgún medio sacaron a nova do arquivo porque a alcaldesa anunciou o recurso, senón non creo nin que saíra. Só hai que ver o que se gasta o concello en publicidade en certos medios para darse de conta de por que acontecen estas cousas E asemade paréceme moi interesante salientar a evolución das declaracións dalgúns que antes do xuízo afirmaban categoricamente que estabamos ante un delito e diante da xuíz xa non sabían nada e todo eran interrogantes
O BNG vai desenvolver algún tipo de iniciativa política ao respecto deste tema?
Estamos traballando en diversas hipóteses pero si, algo faremos con seguridade. Cando menos, unha petición de desculpas si que lle imos facer