Saúde

Artigo de opinión A Nova Peneira
Fernando Miranda
Fernando Miranda. Libreiro de Bueu

O sábado 17 de abril, ás 13:00 horas e diante do monumento dedicado a Johan Carballeira en Bueu, celebrábase unha pequena mais sentida homenaxe a este periodista e político asasinado no mesmo día do 1937

A actual situación pandémica fai que eventos que noutras ocasións teñen maior duración e máis asistencia queden reducidos a actos máis sinxelos, pero non por elo menos importantes.

O mesmo sábado polo tarde, e grazas á editorial Kalandraka e ao Concello de Bueu, pequen@s e maiores gozaron da música de Paco Nogueiras e da arte de Marc Taeger, quen viñeron presentar o seu libro-disco EXTRA!

O aforo do Centro Social do Mar viuse reducido a 80 persoas, mais é tal a necesidade que temos moit@s de actos culturais que a organización decidiu facer dous pases aumentando o número de afortunad@s a 160. Por suposto que tamén influíu o feito de que a rapazada deste pobo participe no disco e o moi queridos que son Paco e Marc.

A experiencia da celebración do FICBUEU fixo que se puidese imitar o seu protocolo de seguridade e que as 80 butacas utilizables destacasen no medio das preto de 250 de aforo real do CIM. Iso unido a pre inscrición e ao control na entrada do local logrou un evento seguro para tódol@s asistentes.

A mesma fin de semana houbo un evento que encheu o peirao de Bueu así como as rúas e a hostalería do noso pobo. Foi o Campionato Galego de Bateis organizado pola Federación Galega de Remo, o Club do Mar Bueu Teccarsa e o Concello de Bueu.

Pese aos esforzos da organización lembrando por megafonía que hai que seguir respectando a distancia de seguridade, houbo xente que non o quería entender. Así como veciños que se saltaron o peche perimetral dos seus Concellos.

@s deportistas federad@s teñen todo o dereito do mundo a desprazarse para participar na competición. @s seus seguidoras/es debería agardar un pouco e non poñer en perigo a saúde comunitaria. Na nosa actitude está a única esperanza de que isto non empeore antes de alcanzar a inmunidade colectiva grazas á vacinación. Porque como agardemos aos nosos dirixentes…

Hai dous meses solicitei na web do SERGAS unha tarxeta por extravío da miña. Na páxina poñía que estaba en trámite pero non era así. Tiven que ir ao Centro de Saúde a recoller un impreso, pagar as taxas nunha entidade bancaria e volver entregar o comprobante de ter feito o ingreso. Aproveitei para pedir cita médica porque me saen unhas manchas nas mans. Déronme cita… telefónica!

Para un asunto burocrático podo entrar dúas veces no Centro de Saúde pasando polo medio da xente amontoada na porta agardando a súa quenda para que se lle extraia sangue. Para que o médico poda facer ben o seu traballo non podo entrar.

Isto só ten un sentido: cansarnos e que acudamos a un seguro privado. E non deberíamos permitilo!

Temos moi bos sanitarios, só falla o xestor.

INVIRTAMOS EN CULTURA, DEPORTE E SAÚDE!