Gómez Reino: “Dende que entrou en vigor a Lei de Benestar Animal en Galicia, o Goberno de Feijóo non desenvolveu ningunha campaña de promoción para a adopción fronte a compravenda”
Galicia en Común animou este sábado ás asociacións galegas a formular as súas solicitudes ás subvencións de protección animal do Ministerio de Dereitos Sociais.
O deputado Antón Gómez Reino valorou moi positivamente esta liña de axudas que veñen a facilitar o “indispensable labor” destas entidades en Galicia a pesar de todas as súas “dificultades diarias” e a “sobrecarga” de traballo á que ven sometidas. “Agradecemos enormemente o compromiso do Goberno coa defensa dos dereitos e protección dos animais”, sinalou.
Segundo recolle a convocatoria xa publicada na web, estas axudas “destínanse a sufragar os gastos que teñan que afrontar as entidades de protección animal no ano 2022, no exercicio da súa actividade do auxilio e coidado de animais domésticos e de compañía abandonados, independentemente da súa especie, e que estean ou estivesen en custodia da entidade de protección animal ou en colonias felinas controladas.”
O secretario técnico de Benestar Animal de Podemos Galicia, Rubén Sueiras, sinalou que “a convocatoria permitirá apoiar a decenas de protectoras, tamén moitas galegas, co seu labor solidario e co inxente traballo que cada día fan rescatando animais e dándolles coidados, rehabilitación e facilitando a súa adopción con familias que realmente os queren”.
Gómez Reino, quixo lembrar que “Dende que entrou a vigor a Lei de Benestar Animal de Galicia en 2018, o Goberno de Feijóo non desenvolveu ningunha campaña de promoción da adopción fronte a compravenda, nin de control real dos anuncios irregulares que se veñen publicando a través de Internet.”