O Concello amosa a súa satisfacción polo avance dunhas cun investimento total de 14,1 millóns de euros que permitirán solucionar dous grandes problemas históricos de Ponteareas
Ponteareas, 22 de febreiro de 2022
Novos pasos para que a nova depuradora de Ponteareas sexa unha realidade. O consello de administración de ACUAES (Aguas de las Cuencas de España), dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, aprobou este martes os pregos de licitación do contrato para a redacción do proxecto, execución e posta en marcha das obras de mellora e ampliación da estación depuradora da Moscadeira, unha intervención que suporá un investimento total de 14,1 millóns de euros.
O Concello amosa a súa satisfacción polo avance dunhas obras “imprescindíbeis para solucionar dous grandes problemas históricos de Ponteareas, a contaminación do Tea e a falta de saneamento do rural”, como salientou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila. A rexedora sinalou que “será o maior investimento da historia de Ponteareas nun equipamento municipal tras varios anos de conversas e innumerábeis xestións, nos que acadamos o compromiso de Estado e Xunta nun exemplo de colaboración institucional e de entendemento en beneficio da nosa vila”.
Trátase dunha intervención declarada de interese xeral que permitirá a mellora do saneamento e depuración do municipio, poñendo fin ás verteduras que actualmente padece o río por falta de capacidade da rede de colectores. As actuación será financiada ao 50% polo Estado a través de fondos europeos FEDER, ao 30% polo Concello e ao 20% pola Xunta.
Xunto coa ampliación e reforma da EDAR da Moscadeira, as obras contemplan a mellora do saneamento, reducindo as filtracións e separando as augas procedentes da choiva que ata o de agora aumentaban o caudal que recibía a depuradora.
O Goberno municipal do BNG-PSOE salienta que esta obra de mellora e ampliación “suporá un antes e un despois para o sistema de saneamento ponteareá, deseñado para pouco máis de 10.000 habitantes e que na actualidade recibe o equivalente a 16.000, traballando por enriba da súa capacidade”. Coa execución destas obras ampliarase a capacidade de tratamento da depuradora a 20.000 habitantes, o que permitirá rematar coas verteduras e sancións e ampliar a rede de saneamento a máis parroquias.
Por outra banda, o Concello traballa de xeito paralelo no proxecto dunha nova depuradora que permita atender as necesidades de saneamento das parroquias situadas na cunca do río Uma, que tecnicamente non poden empregar a depuradora da Moscadeira.