A Cañiza a exame

Miguel Domínguez ex Alcalde Cañiza

Os camiños da vida leváronnos a mergullarnos polas terras da Cañiza co obxectivo de coñecer, de primeira man, como marcha a súa realidade política e sociolóxica. Nesta primeira xeira da nosa viaxe conversamos con Miguel e con Sandra. El é o ex alcalde, do PP, e ela é a actual presidenta da asociación de comerciantes da Cañiza. Velaí vai o que deron de si as nosas conversas

Miguel Domínguez Ex alcalde da Cañiza do PP

O goberno de Luis Piña é un goberno de pura propaganda”

Ti entraches en política no ano 2.011, xa como candidato á alcaldía, de onde che veu a vocación?

Ben, como dis eu non tiña experiencia política ata ese momento, pero si tiña unha profunda vinculación coa sociedade do meu pobo. De feito fun moitos anos presidente do seu equipo de fútbol

Botas de menos o mundo do fútbol?

Non me apartei, sigo mantendo certa vinculación co equipo. Pero francamente o fútbol modesto non é un mundo nada fácil. Dáche moitos problemas ,e pasas moito tempo resolvendo conflitos.

Gañaches no 11 e no 15, en ambos casos con maioría absoluta, e perdiches no 2.019.Por que?

Perdín a alcaldía non as eleccións, pois o PP gañou as municipais do 2.019 pero , por moi pouquiños votos non nos deu para conservar a maioría absoluta. Houbo un pacto, politicamente inexplicable entre o PSOE e unha persoa, nese momento en CS, que chegara a ser afiliado do PP que, insisto, politicamente non se entende. Só se pode entender desde o prisma da existencia dunha mala relación persoal coa miña persoa.

Pero vós intentastes negociar con el non?

Si claro, de feito aceptabámoslle todo o que nos pedía

Que vos pedía?

Tenencia de alcaldía, unha liberación, despacho propio e persoal adscrito ao seu cargo. Eles venderon de maneira ostentosa o pacto que fixeron co psoe, por certo tivemos que pedir un pleno extraordinario para que nos amosaran ese pacto, e non cumpriron ningunha das condicións políticas do pacto.

Dime algunha desas condicións do pacto que supostamente non cumpriron?

Pois a modo de exemplo unha moi peculiar consistente na construción dun mono raíl, de verán desde o Pedroso ata o centro urbano, cun investimento superior a 1 millón de €. Ou a mellora dos accesos á Franqueira. Nós presentamos unha moción no pleno ao respecto diso e curiosamente, aínda que era unha das condicións do pacto entre PSOE e C,S, rexeitárona

Cando Piña accede a alcaldía acusou ao teu goberno de deixar á Cañiza nunha moi mala situación económica. Eso é así?

Si, si que acusou. Tamén dixo que ía contratou a unha persoa para facer unha auditoría externa. Esa persoa cobrou 8.500€ polo informe. E de momento está agochado. Debe de ser porque o informe non di o que quere Piña que diga. A situación económica da Cañiza era semellante á de moitos concellos. Pode que tiveramos algún problema para liquidar con Fenosa ou Sogama en prazo, pero cos pequenos provedores locais cumprimos escrupulosamente. E el acusar acusou, si, pero non fala das súas deficiencias de xestión económica?

Por exemplo?

A perda da subvención da piscina, unha subvención de 130.000€, a perda das subvencións do canon ambiental por non presentar as contas en prazo, outras subvencións que perdeu por non ter a conta xeral cando a tiña que ter….

Faime unha valoración xeral da xestión do goberno actual?

É un goberno de propaganda. Gasta moitísimo en asistencias técnicas e en estudos pero non concreta nada. Non hai ningún tipo de melloría. O que percibo na rúa, incluso en moitos votantes socialistas, é decepción. O único que fai é atacarme a min

Algúns dos nosos lectores da Cañiza trasladáronnos certo malestar pola nova organización das feiras. Cóntanos a túa versión deste feito?

Os días de feira son no noso pobo, desde tempos inmemoriais, os días 6 e 20 agás que cadrasen en domingo .Se fose así adiantábanse ao 5 ou ao 19.Nada máis chegar á alcaldía, Piña publica un bando no que di que as feiras serían o 6 e o 20 aínda que cadrasen en domingo, co que se vulnera o dereito ao descanso dos comerciantes. Cando se dá de conta de conta que non é legal facelo cun bando inicia unha modificación da ordenanza reguladora.

O malestar foi moi grande , incluso houbo unha protesta nun pleno de persoas afectadas que expresaron o seu grande desacougo porque isto se fixera sen contar cos súa opinión. En outubro do ano 2021 aprobouse definitivamente a modificación e, agora, as feiras son o 6 e o 20 con independencia de que caian en domingo ou non. Ademais hai o proxecto de dúas novas feiras que son o penúltimo e o antepenúltimo domingo de mes, co que podería darse o caso dalgún mes en que haxa feiras todos os domingos.

Se volveses chegar a alcaldía comprométeste a cambialo?

Comprométome a facer o que queiran os comerciantes

Xa vexo que estás animado a volver a presentarche como candidato á alcaldía?

Si, si que estou moi animado. Quero deixar claro que eu non preciso da política para vivir. Eu fago política porque quero defender os intereses do meu pobo.

Ti es deputado provincial. Como valoras esta experiencia?

Valóroa de maneira moi positiva. Estou aprendendo moito

A deputación trata con equidade aos distintos concellos con independencia do signo político do seu goberno?

O goberno da deputación é parecido ao goberno da Cañiza, un goberno de propaganda. Vigo é claramente beneficiada polo goberno da DEP .Vigo é un concello dopado pola DEP

A Xunta trata con equidade aos distintos concellos con independencia do signo político do seu goberno?

Seguro que algún alcalde que non sexa do PP vaiche dicir que non, pero eu o que vexo é que si. O fondo de compensación local da Xunta repártese en función de criterios obxectivos

Por quen apostas para suceder a Feijóo na Xunta?

Iso terá que dicilo o presidente no seu momento. Eu non o sei. Fálase de Rueda e a min gustaríame moito pois téñoo en moita estima política e tamén persoal.