
Entre outros, o goberno comprométese á reparación do burato no muro do Río Maceiras, a elevación e ampliación da súa ponte e a mellorar o espazo deportivo de Chapela
Redondela, 28 de xullo de 2022
A Agrupación de Electores de Redondela, AER, apoiou hoxe no Pleno a proposta económica do remanente do 2022 presentada polo goberno a cambio da execución, neste exercicio, dunha serie de actuacións que considera clave para Redondela. No documento asinado previamente entre ambas formacións, o executivo comprométese a executar neste ano as obras de reparación do burato no muro do Río Maceiras (a altura do Salgueiral), á elevación da súa ponte antiga así como a do muíño vello neste mesmo río e a mellorar o espazo deportivo Chapela Campito.
En relación co espazo deportivo de Chapela, a Agrupación propón varias melloras sobre o proxecto inicial como crear una zona multifunción, con pérgolas, que permita instalar postos da feira e artesanía (ou outros eventos comerciais e culturais que se poidan organizar); revisar e incrementar o número de especies arbóreas que se prevé plantar; crear un espazo de ping-pong urbano debaixo da zona arborada e incluír lámpadas solares para a súa iluminación.
Ademais destes puntos ineludibles para aprobar a proposta, AER inclúe no acordo cinco proxectos que serán redactados e aprobados antes de finais do 2022 como a instalación de mupis dixitais no centro de saúde de Chapela, no paseo da Cardona e no da praia de Cesantes; a reparación de luminarias na Avenida de Redondela; continuar coa construción dun anfiteatro no campo de petanca; a mellora de pluviais e pavimentación do Camiño do Casal en Reboreda e no Camiño da Coutada Grande, en Chapela. Estes dous últimos serán financiados con cargo ao plan Concellos 2023 debido á urxencia da súa execución.
No capítulo de melloras para o persoal do concello, o documento asinado recolle a adquisición dun vehículo de traballo para o persoal de vías e obras e outro de emerxencias para o SEIS de Redondela, ambos sufragados coas baias das obras do Plan Concellos que están en execución ou con fondos propios.
Para medio ambiente e eco-turismo, o goberno comprométese a redactar e executar antes de 2022 o proxecto de sinalización da ruta que sae dende o regato na praia de Cesantes ata as marismas de Soutoxuste. Asimesmo, buscanco axudas noutras administracións para executalo, deberá estar finalizado neste exercicio o proxecto de mellora da protección da zona embrionaria e zona posterior da duna da praia da Punta de Cesantes acompañado dun estudo para retranquear parte da pasarela de madeira existente.
Con este acordo, AER persegue “axudar a desbloquear proxectos prioritarios para Redondela, que inciden na sustentabilidade, na cultura e, en definitiva, na mellora da vida da veciñanza, valores que sempre defende e defenderá a Agrupación”.