A Mesa convoca unha concentración contra a deturpación do nome da Toxa o vindeiro día 29, coincidindo coa cuarta edición do “Foro La Toja”

A Mesa convoca unha concentración contra a deturpación do nome da Toxa o vindeiro día 29, coincidindo coa cuarta edición do "Foro La Toja"

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2022

A Mesa pola Normalización Lingüística convoca unha concentración contra a deturpación do nome da Toxa a próxima quinta feira (xoves) 29 de setembro, na entrada da ponte da illa, coincidindo coa celebración da “IV Edición del Foro La Toja 2022”, que concentrará unha importante representación de entidades públicas e privadas. A entidade de defensa da lingua advirte de que alén da presenza de cargos públicos internacionais, estatais e galegos, este foro conta cunha importante achega de diñeiro público, “o que habería de obrigar a manter un maior nivel de exixencia e respecto pola lingua e cultura do lugar onde se vai desenvolver e garantir o cumprimento escrupuloso da lexislación”.

A Mesa iniciou tamén na rede unha campaña [1] que en menos de 24h superou as 1200 sinaturas na que denuncia “o uso público e reiterado das formas toponímicas deturpadas”, que a entidade considera “demostrativa do interese por eliminar calquera vestixio e mostra da presenza social da lingua propia de Galiza” e “da impunidade coa se actúa para contravir o indicado na lexislación a este respecto”. “Resulta especialmente preocupante que este atentado contra a dignidade do pobo galego e da súa lingua e cultura teña apoio explícito de representantes de organismos e institucións cuxa primeira obriga é garantir o respecto pola lei, mesmo destinando fondos públicos á súa celebración”, abundan.

Neste sentido, as persoas asinantes solicítanlles aos cargos públicos participantes no foro que poñan esta deturpación en coñecemento da organización do evento, instándoos ao modificaren e a empregaren a única forma lexítima e oficial do topónimo, “rexeitando calquera presenza no foro encanto non garantiren o cumprimento da lexislación que ampara o uso da lingua galega”.

A entidade propón unha lectura pública do manifesto nos centros de ensino o mesmo día 29 pola mañá.