O BNG valora como “insultantes” os Orzamentos do Estado para Vigo que aprazan a conexión de alta velocidade con Porto

Xabier P. Igrexas

A fronte nacionalista anuncia emendas ao proxecto de contas do Goberno español polos “insuficientes” investimentos previstos na cidade, como a Biblioteca do Estado ou a variante de Cerdedo, así como pola falla de partidas para a mellora do tramo da AP-9 en Teis, entre outros.

Xabier P. Igrexas: “O BNG vai plantar cara ao Goberno español de PSOE e Unidas Podemos por virarlle as costas a Vigo e fronte á submisión partidista de Abel Caballero”.

VIGO, 7 de outubro 2022.

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo considera “insultante” o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado (OXE) para 2023 presentado polo Goberno español diante das “insuficientes” partidas para a cidade, que postergan e ignoran importantes investimentos pendentes. A fronte nacionalista destaca entre outras carencias a falla de compromisos para a posta en marcha da estratéxica saída sur ferroviaria con Porto.

“Son uns orzamentos do patadón para adiante, de volva vostede mañá, que insisten en aprazar a atención das necesidades da maior cidade de Galiza”, criticou o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que considerou “especialmente grave” a escasa aportación estatal en materia de infraestruturas e mobilidade, polo que anunciou a presentación dunha batería de emendas para aumentar os investimentos.

Así, tachou de “afrenta” a Vigo que a anunciada conexión de alta velocidade con Portugal, cunha partida de menos de 30 mil euros no proxecto, volva quedar fóra das prioridades. “Con estes orzamentos o Goberno español de PSOE e Unidas Podemos di claramente que non quere facer realidade a saída sur”, afeou Igrexas, que contrastou este “ridículo” investimento co firme compromiso amosado polo Goberno portugués para desenvolver esta conexión.

Tamén en materia ferroviaria, o candidato nacionalista valorou como “cosmético” o investimento para a variante de Cerdedo, que representa un 0,02% do custo total desta infraestrutura para a conexión directa de alta velocidade de Vigo coa Meseta. No mesmo sentido, cualificou de “ridícula” a partida prevista para o novo trazado da autovía entre Vigo e O Porriño.

Sobre a Biblioteca do Estado en Vigo, o concelleiro do BNG considerou “unha broma de mal gusto” que só se aprovisionen 100 mil euros, que supoñen postergar esta dotación anunciada de forma reiterada desde 2007. Igrexas lembrou que as contas deste exercicio xa recollían 50 mil euros para esta “biblioteca do conto da leiteira”, dos que non se executou nin un euro.

Nesa liña, desde a fronte nacionalista cren tamén “insuficiente” o esforzo inversor para desenvolver o Campus do Mar na ETEA así como das partidas para a mellora do aeroporto de Peinador.

Importantes necesidades ausentes

O candidato do BNG en Vigo lamentou ademais que un número importante de proxectos e necesidades pendentes na cidade queden fóra das previsións do Goberno español. Entre eles, destacou a ausencia de investimentos demandados historicamente no barrio de Teis, como a mellora dos pasos elevados da AP-9 da Xorxa e da Trapa, a conversión do tramo urbano e a instalación das comprometidas pantallas acústicas no punto de maior contaminación acústica da cidade.

Igrexas lamentou que o proxecto de OXE para 2023 tampouco recolla partidas para promover políticas de reindustrialización e de fortalecemento dos sectores produtivos de Vigo, diante da “desertización industrial” que padece a cidade desde hai anos en sectores fundamentais como o naval e cun impacto moi significativo sobre o emprego. Subliñou tamén a falla de investimentos para soterrar a VG-20 ao seu paso polo barrio de Navia.

“O Goberno español volve virarlle as costas a Vigo”, remachou o edil nacionalista, que anunciou que o BNG está xa a traballar nunha batería de emendas para reclamar un aumento substancial dos investimentos estatais na cidade fronte “á submisión e mansedume” do alcalde de Vigo, Abel Caballero, co goberno liderado polo seu partido.