Victoria Alonso, Voceira do Psoe de Mos
Para os que sentimos paixón pola nosa terra, o día 25 de xullo é moito máis que un día de festa. O 25 é un día de orgullo por todo o que Galicia significa para nos.
Sentir admiración e respecto por Galicia, para os que o sentimos, é admirar a nosa cultura, o noso idioma, as nosas tradicións, tódolos recunchos con espazos que nos fan sentir marabilla, a nosa gastronomía e a retranca galega que tanto botamos en falta cando estamos lonxe da nosa casa. E todas estas cuestións fóronnos transmitidas de xeración en xeración e temos o compromiso de continuar con esta tarefa para facer que Galicia perdure ca súa esencia.
104 anos celebrando Galicia, 104 anos celebrando o noso día de diferentes formas. Hai quen celebra este día dunha forma máis relixiosa, cunha misa que nos seus inicios foi unha ofrenda a Rosalía de Castro por ser un referente da nosa cultura, e que co paso dos anos deu lugar a un acto litúrxico profundamente asentado. Pero tamén hai quen defende a esencia pagana desta festa, e que non podía ser doutra maneira, que na terra das meigas teñamos diferentes formas de festexar un día de orgullo.
Chama bastante a atención que nun estado aconfesional, as festividades sigan tendo no centro a celebración dun acto relixioso, que se constitúe como acto institucional. Temos que respetar e respetamos a ideoloxía relixiosa de cada quen, o igual que temos que respetar o non querer facelo e deixar de mesturar a relixión ca institucionalidade.
O mesmo tempo que non podemos deixar de reivindicar, nunha data tan simbólica, a nosa esencia como pobo. Dita festividade non lle pertence a ninguén máis que as e os galegos, que deben de usar tal data, o igual que o resto do ano, para defender a nosa lingua, a aposta que se debe facer polo noso territorio e a promoción e difusión da nosa cultura e tradicións.
O enfoque que se lle deu, dende o franquismo sobre todo, a dita festa provocou que tivese un marcado matiz relixioso para despois dar paso a un intento usar tal data para reivindicacións políticas. Perdendo desta maneira a oportunidade que ser, unha vez máis, un altofalante para trasladar que Galicia é moito máis do que moita xente pensa. Na terra onde se mestura cristianismo e paganismo, onde se cree en moitas cousas, incluso nas meigas. Onde hai un sentimento de apego a terra, esa morriña da que noutros sitios falan pero que tan so os galegos entendemos. Temos que identificar os bos momento para trasladar a mensaxe clara de que Galicia é moito máis.
Temos que ser quen de trasladar que temos un idioma propio, considerado como tal e que non é un dialecto, que temos unhas tradicións que nos fan ser transmisores de anos de sabedoría, que moramos nunha terra que é única en canto a vexetación, paisaxes, clima e abertos a recibir a tódolos visitantes. Defender o noso carácter, a nosa forma de pensar e de vivir, e protexernos alí onde vamos porque sabemos que en tódalas partes do mundo que visitemos, seguro que haberá un galego. Desfrutade do que somos, da nosa terra e desfrutade do noso día… Que ningún 25 de xullo sexa un 25 máis, Feliz Día de Galicia!
