O deputado Luís Bará critica a inacción do Goberno do PP: “Actúa como un oso preguiceiro ante un dos grandes desafíos que o País ten por diante”
O Bloque reclama todas as competencias en materia de clima, meteoroloxía e xestión dos recursos hídricos, especialmente na conca Miño-Sil
Santiago de Compostela, 01 de setembro 2023.
O BNG proporá neste inicio de curso un gran pacto galego pola auga e a posta en marcha dun plan de medidas urxentes para combater a seca e o cambio climático, dando resposta así a “un dos grandes desafíos que Galiza ten por diante de maneira máis inmediata”. Así o anunciou o deputado Luís Bará, que criticou a inacción da Xunta do PP nesta materia. “ Temos un goberno ausente e desganado na loita contra o cambio climático, que actúa como un oso preguiceiro, un goberno que vai xusto, co depósito na reserva”, censurou Bará.
O deputado do Bloque advertiu que Galiza non pode adiar máis a posta en marcha de medidas, pois a emerxencia climática xa está a ter un “forte impacto” con consecuencias que non se limitan só aos problemas de abastecemento, tal e como sinalan os expertos. Os efectos da seca, as vagas de calor cada vez máis intensas e longas ou a concentración de precipitacións estanse a notar de maneira preocupante no sector primario, tanto no que se refire á produción de alimentos no agro como á actividade pesqueira pola subida de temperatura nas augas, argumentou.
Bará aludiu tamén aos efectos do clima sobre a produción industrial, o sector servizos -especialmente nas zonas con máis turismo- e a biodiversidade -coa aparición de pragas ou máis especies invasoras como mosquito tigre-. Subliñou, así mesmo, os datos “realmente preocupantes” sobre o impacto na saúde das persoas.
“A situación é realmente preocupante, un dos grandes desafíos que temos por diante nos vindeiros anos e fronte ao que non hai resposta do Goberno da Xunta, que neste tema traballa en diferido, coa vista posta en 2050, cando compre actuar xa”, asegurou.
Ante a ausencia dunha estratexia e unha planificación a medio e longo prazo por parte dun Goberno “desnortado e superado”, o BNG vai levar ao Parlamento de maneira urxente as súas propostas nun tema que considera “de País” e que “ten que estar por riba de cuestións partidarias”.
Bará propuxo en primeiro lugar un gran Pacto Galego pola Auga que debería estar concluído e acordado no primeiro trimestre de 2024 para atender a cuestións como a conservación dos recursos hídricos e da biodiversidade, o estudo das reservas de auga superficiais e subterráneas, medidas de planificación e xestión relacionadas coas actividades económicas e co ciclo urbano da auga ou actuacións para a eficiencia ou o aforro.
En segundo lugar, o BNG propón un plan de medidas urxentes 2023-2025, dotado dun fondo anual de 20 millóns de euros, ampliábel, para atender a investimentos na mellora de redes de abastecemento ou construción de novas infraestruturas, melloras no acceso a auga en zonas de produción agrogandeira ou axudas para sectores económicos afectados polo cambio climático, entre outros asuntos.
A terceira proposta do Bloque pasa por demandar todas as competencias en materia de clima, meteoroloxía e xestión dos recursos hídricos, especialmente as relacionadas coa conca Miño-Sil, para que Bará apuntou a unha “coxestión” de maneira transitoria.
Outra das cuestións que o deputado nacionalista levará ao Parlamento é creación dun Observatorio Galego do Clima, entendido como rede especializada de información, seguimento, avaliación e previsión sobre os cambios no clima e os seus efectos.