“…….maldigo a poesía concibida como un luxo
cultural polos neutrais
que, lavándose as mans, se desentenden e
evaden.
Maldigo a poesía de quen non toma partido
ata mancharse……”
Gabriel Celaya

A finais do pasado mes de setembro un participante dun piquete de folga, diante dunha factoría de automóbiles na cidades estadounidense de Detroit, dicía megáfono en man:
“Merecedes o que ganastes , e ganastes moito máis do que vos pagan”
Quen participou naquel piquete e pronunciou esas palabras, e outras de solidariedade cos traballadores e traballadoras, non era ningún líder sindical, foi o presidente dos EEUU, Joe Biden. A visita do presidente norteamericano non se pode descontextualizar do feito de que o próximo ano volve haber eleccións presidenciais nos Estados Unidos e os estados de Michigan( Detroit) , Wisconsin e Pensilvania son chaves pois as maiorías están enormemente axustadas. Nas eleccións do 2016 Trump conseguinos por moi pouco, e nos últimos comicios do 2020 foi Biden o que se fixo con estes estados tamén por moi pouca diferenza. En calquera caso, malia que se trate só dunha acción puramente simbólica aínda que a motivación da visita ao piquete de folga sexa exclusivamente electoral, o simbolismo que desprende ver ao presidente dos EEUU apoiando a un piquete ten unha enorme relevancia. Seica é a primeira vez na historia que acontece tal cousa, pois ata o de agora en todas as folgas importantes anteriores os presidentes norteamericanos ou miraron para outro lado ou simplemente estiveron a carón das patronais. Así por exemplo na década dos 80 do século pasado o presidente Reagan despediu a varios milleiros de controladores aéreos en folga.
No estado español sería impensable algo parecido. Calquera presidente que amosara o seu apoio explícito a un colectivo en folga, visitando a un piquete, sería inmediatamente triturado, absolutamente esnaquizado e cruelmente esmendrellado polo poder mediático ao servizo das oligarquías económicas, practicamente todo. Aqueles que lle dan cobertura de maneira consciente a evidentes trolas , aqueles que din que o galego goza de boa saúde , aqueles que din que Feijoo e un home intelectualmente solvente e un bo xestor, aqueles que din que a violencia do estado de Israel é lexítima defensa pero a do Polisario terrorismo, aqueles que apelan ao transfuguismo dos outros cando non teñen maiorías necesarias para gobernar , aqueles que defenden a especulación e aos especuladores, aqueles que cambian de camisa para obter posición……en definitiva aqueles que viven de facer apoloxía dos poderosos lanzarían terribles treboadas dialécticas e espetarían furiosos anatemas condenando ao herexe a ser queimado vivo na praza pública. Si , aqueles que cando o home máis poderoso do mundo amosou o seu apoio a un piquete curiosamente miraron para outro lado e non dixeron nada.
Ir de piquete cando hai un conflito laboral non é nada agradable, e dígoo con coñecemento de causa pois estiven en varios. A situación pode ser realmente tensa e en numerosas ocasións son os piquetes os que sofren actos de violencia. Ningunha das persoas que se pon na porta dunha factoría para reclamar dereitos , cando hai un problema laboral, está aí por gusto e con certeza todas terían cousas moito máis atractivas que facer. Pero “ Que tempos serán os que vivimos que hai que defender o obvio”, e o obvio é que cando hai un problema que afecta a un colectivo quen se implica e arrisca o seu benestar persoal, o seu posto de traballo ou incluso a súa integridade física, está no lado eticamente correcto . Só así se conseguiron as melloras sociais a longo da historia da humanidade, non hai outra maneira. E o obvio é que quen exerce de esquirol é un problema para o benestar colectivo da humanidade, pois dificulta a posibilidade do ben común ou incluso pode chegar a impedilo. E o obvio é que non se trata de liberdade. Liberdade é decidir entre tomar unha cervexa ou un viño( se podes pagar), entre amar a un home ou a unha muller( se queren ser amados por ti), entre ler un libro ou ver unha película( se a túa situación persoal dáche opción a ter tempo para o lecer)……pero entre o xusto e o inxusto non é posible elixir, non se pode ser neutral. Entre os piquetes e os esquirois sempre, e sempre sen matices: Os piquetes.
