
A Armenia actual é realmente a antiga Armenia Oriental, anexada polo Imperio Ruso no ano 1828, mentres que a parte occidental foi dominio otomano desde o século XVI. A fin da parte Oriental é un dos episodios máis duros da historia, o denominado xenocidio armenio. A debilidade do Imperio Otomano supuxo a chegada o poder no 1908 dos denominados “xóvenes turcos”, aparentemente coa idea de modernizar o vetusto estado e que dexenerou nun ultranacionalismo que resultou na morte de dous millóns de armenios. O obxectivo turco era a homoxeneización do seu territorio para o cal, entre 1915 e 1923, efectuaron unha limpeza étnica así como a eliminación de todo vestixio cultural que danase a uniformidade do seu pretendido novo estado.
A parte oriental baixo dominio ruso non sofreu o ira turca durante os primeiros anos do xenocidio, mais a saída de Rusia da Primeira Guerra Mundial, supuxo a cesión a Turquía das provincias armenias. Esta vitoria daba o goberno de Istambul a posibilidade de continuar co xenocidio comezado na parte occidental. A organización da resistencia armenia así coma a derrota turca, orixinou a República de Armenia, que durou ate 1920 ano no que se incorporou á Unión Soviética sendo esta a orixe do conflito actual.
No ano 1922 de xeito completamente arbitrario o goberno soviético decide ceder o territorio de Artsaj, tamén coñecido como Nagorno-Karabaj a Acerbaixán, unha medida non moi explicable dada a maioría da etnia armenia no territorio e guerra entre ambas nacionalidades. Os soviéticos para resolver o problema da maioría armenia deciden crear alá polo 1923 unha rexión autónoma coñecida Oblast Autónomo de Nagorno-Karabaj que durou ate a caída da Unión Soviética no 1991.
A debilidade do estado soviético e as cada vez maiores tensións entre a maioría armenia do Oblast Autónomo e o goberno de Bakú ocasionaron que aínda baixo dominio soviético comenzase a primeira guerra do Alto Karabaj en Febreiro de 1988, conflito durou ate Maio de 1994. Todo comezou cunha votación do parlamento autónomo que solicitaba a saída do Oblast Autónomo de Acerbaixán e a súa incorporación a aínda República Socialista Soviética de Armenia, decisión corroborada nun plebiscito no que unha ampla maioría apoiou tal decisión e polo propio parlamento da República Socialista Soviética de Armenia o 9 de Xaneiro de 1990. Estes feitos dexeneraron en choques entre as dúas nacionalidades que remataron con operacións de limpeza étnica por ambos bandos, sendo os azeríes expulsados do Alto Karabaj e sufrindo os armenios residentes no Acerbaixán progromos ante a pasividade das autoridades locais tendo que intervir o exército soviético para parar os altercados.
A caída da Unión Soviética supuxo a apropiación de arsenais e o recrudecemento do conflito que finalizou en Maio de 1994. O goberno da autoproclamada República de Artsaj conseguiu unha vitoria na que non so controlaba o Alto Karabaj senón un 9% do territorio Acerí fóra deste enclave. Este feito non fixo máis que aumentar a rivalidade entre ambas nacións e as ansias de vinganza por parte acerbaixana.
A independencia tivo unhas consecuencias económicas moi dispares para ambos países, mentres que Armenia e Artaj teñen unha economía estancada e cunha forte emigración o caso acerí é moi diferente. A economía acerí foi medrando sobre todo debido á exportación de petróleo sempre coa man de ferro da dinastía Aliyev dominando o país, tanto Heydar como Ilham, pai e fillo conseguiron instaurar unha democracia mono partidista na que controlan política e economicamente o país. A construción do oleoducto Bakú-Tifflis-Ceyham(Turquía) e o gasoducto Bakú-tifflis-Erzurum, supuxeron o grande despegue económico acerbaixano así como un aumento da súa posibilidade de influír na política rexional.
Ilham Aliyev unha vez gañado poder e influencia económica decidiu pasar a recuperar o poder territorial perdido. A alianza estratéxica con Turquía no que algúns consideran unha axenda pantúrquica e incluso con Israel o que causa receos no Irán sobre todo pola importancia da enorme porcentaxe de acerbaixanos étnicos que viven no pais persa, o redor do 24% da poboación, deulle o réxime de Bakú o soporte político necesario para comezar o proceso de anexión dos territorios perdidos. No ano 2008 xa avisou que nunca recoñecería a independencia do Artaj e que eses territorios serían recuperados.
No 2016 a guerra dos catro días xa foi un aviso do que pasaría no 2020 onde o exercito acerbaixano deixou o Alto Karabaj cun territorio similar o do antigo Oblast Autónomo e perdendo a conexión terrestre coa República de Armenia. A Guerra de Ucraína e as sancións a Rusia incrementaron se cabe aínda máis a importancia como fornecedor de gas e petróleo de Acerbaixán á Unión Europea danlle o goberno de Bakú unha influencia política como nunca tiveron.
Chegamos así o conflito de Setembro de este ano onde un exército Acerbaixano moderno, con material militar turco e israelí se paseou polo territorio da xa inexistente República de Artaj sen atopar resistencia. A poboación local fuxiu cara o territorio armenio debido á imposibilidade de ofrecer resistencia e o pasotismo da comunidade internacional. Unha Unión Europea que debido a importancia que ten o Acerbaixán como subministrador de gas, unha Rusia que ten en Bakú agora tamén un socio comercial e fornecedor de petróleo e unha Turquía sempre aliada do réxime acerí provocaron o illamento internacional de Armenia.
A consecuencia é o empoderamento do goberno acerbaixano que tras recuperar o territorio do Artaj e realizar unha nova limpeza étnica, total nesta ocasión aspira incluso a incrementar aínda máis seu dominio territorial. A creación de un corredor por territorio Armenio que una Nakinechán co resto de Acerbaixán barállase que pode ser o seguinte obxectivo de Bakú. Esta Guerra é o exemplo de como as relacións económicas ditaminan o futuro das nacións e a dependencia das materias primas crean alianzas ou ben provocan a parálise nas accións da política internacional.
