COUSAS DE SALVATERRA

BASILIO ÁLVAREZ EN SALVATERRA e bisbarra

BASILIO ÁLVAREZ EN SALVATERRA e bisbarra

Antón Lourenzo, veciño da Vila
Antón Lourenzo, veciño da Vila

Salvaterra a 18 de novembro do 2023

O pasado 15 de novembro, presentouse en Tui o libro “Ese vento que vai sobor da terra. A vida desmedida de Basilio Álvarez”, escrito polo historiador Miguel Cabo Villaverde, actividade organizada polo IEAMSO, Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo. Motivou esta actividade o feito de que fai 80 anos que morreu no exilio Basilio Álvarez, en Tampa, Florida EEUU o 15 de novembro de 1943.

Eu, que xa fai ben tempo que persigo a figura de D. Basilio, quero tamén facerlle con esta escolma que sigue, a miña pequena homenaxe a este líder agrario que durante décadas mobilizou os labregos e operarios galegos na loita contra os foros e o caciquismo.

O 09 de decembro de 1921, publicábase en La Zarpa en Ourense, (Basilio era o Director), “LOS AGRARIOS DE SALVATIERRA Y BASILIO ÁLVAREZ”. Dicían…”Nuestro camarada ha recibido la siguiente carta de la sociedad agraria El Progreso”.

“Muy distinguido señor: Tengo el honor de invitar a usted a un gran mitin de propaganda agraria que se celebrará el día 11 del corriente en Fiolledo (Salvatierra).

Hace años estaba usted invitado a un gran mitin que quisimos celebrar, pero que la fuerza del caciquismo que aquí hay no lo concedió de ningún modo.

Sería una gran gloria para este distrito de Salvatierra teniendo a usted entre nosotros ese día, dándonos alientos para la lucha.

Hay tantas ansias aquí de oírle que no es para describirlo. Si fuera posible contar con usted nos mandaría aviso para que esta comisión le esperase en la estación de Salvatierra.
Saludos fraternales de estos agrarios.- Manuel Mariño Méndez”, (quen foi o último alcalde republicano de Salvaterra).

Respóndelle: “El haber sido invitado con anterioridad por la Federación Provincial Agraria de Pontevedra para el mitin antiforal que el domingo ha de celebrarse en dicha población, y tener que acudir además, ese mismo día, a un acto de afirmación agraria que ha de celebrarse en tierras de Paderne, obligó a nuestro camarada a declinar la honrosa invitación con que lo distinguen los agrarios de Salvatierra.
A continuación damos los temas que han de desarrollar en ese acto los oradores señores Garra, Amoedo, Pérez Troncoso, Piñeiro y otros, que versarán sobre lo siguiente:

“Acción del Comité Auxiliar en Buenos Aires”, “Los Hijos de Salvatierra en Buenos Aires”, “Las Sociedades Agrarias y los enemigos de su desenvolvimiento”, “Los Impuestos y los Labradores”, “Foros y su redención forzosa”, “La acción del Agrarismo gallego”.

O 16 de outubro de 1928, pasaron o día na reitoral de Fornelos da Riveira, Salvaterra de Miño, Don Basilio Álvarez e varios amigos de Vigo e Ourense, en visita ó noso Sr. Abade. (Este abade de Fornelos era o mesmo que publicaba o xornal El Eco del Condado, D. Anselmo Vázquez Estévez entre o 15-03-1926 e o 20-12-1931, en Salvaterra de Miño).

Este xornal, El Eco del Condado, publica o 20 de outubro de 1928 un acróstico, creado o 12 do mesmo mes e ano, que di así:

B_andeira de xuros novos
A_rbolou en nosos pobos
S_ervilmente asoballados;
I_ntre os fillos máis sonados
L_eva con garbo a monteira:
I_lustre Galicia enteira
“O_predilecto” hoxe aclama.
A_ntes qu´o clarín da fama
L_oureiros, honras e flores,
V_otara-lle en cól das sens,
A_ndou tamén seu calvario:
R_ompendo noso sudario
E_ntrou no rol dos honores:
¡Z_ampaille mil parabéns!

O autor de tal poema laudatorio foi o abade da parroquia de Leirado, Manuel Pérez Martínez, formou parte dun poemario titulado Margaritas Silvestres, publicado en Ponteareas en 1950, na imprenta de Hijos de S. Montero, Rúa Real. Anos máis tarde foi reeditado por un sobriño, este José María Pérez Alonso, tamén clérigo, na imprenta Guardesa, Concepción Arenal 79, A Garda no 1980.

O 20 de xullo de 1929, publicábase que no pasado día 07 dese mesmo mes, domingo, organizárase unha gran caravana dende Arbo até a veciña As Neves para escoitar ó elocuente orador D. Basilio Álvarez, que tiña encomendado o sermón das festas que se celebraban. O seu verbo cálido entusiasmou os seus oíntes que saíron moi entusiasmados. Finalizados os cultos relixiosos, moitos dos oíntes desprazáronse nos mesmos carros até a veciña parroquia de Meder, Salvaterra, onde se celebraba a festa da Luz.

Gran satisfacción entre os asistentes o ver na casa do párroco ó insigne tribuno D. Basilio Álvarez que marchou encantado coa fermosa paisaxe desta terra.
No mesmo número publícase, que en Alveos, Crecente, vanse celebrar o vindeiro día 02 de agosto as festas do Carme, entre os números do programa de festas, o máis salientable son a actuación da banda a Lira de Ribadavia e o insigne tribuno e deputado a Cortes D. Basilio Álvarez, encomendado de dar o sermón.

O 20 de maio de 1931, nas páxinas de El Eco del Condado, dicía así: O domingo último, celebrouse na praza do Castelo un mitin de propaganda republicano-socialista no que actuaron varios oradores de Vigo e Don Amado Garra. Tamén se esperaba, como estaba anunciado, que falara o Sr. Arbones de Vigo, e outros elementos socialistas de Ponteareas, pero non o fixeron. Descubríronse tres lápidas cos nomes de Praza da República, Praza de Galán y García Hernández e rúa de Francisco Rodríguez “Pancho”. O acto ó que concorreu numeroso público, foi amenizado pola afamada banda de música “La Filarmónica” de Ponteareas. A choiva desluciu o acto, terminando este en medio de completo orde.

Para o vindeiro domingo, dise que se verificará no mesmo lugar, un acto de afirmación agrario-republicana. Nel falaran, entre outros notables oradores, o Presidente da Confederación Agraria de Galiza, o loitador infatigable do agro Don Basilio Álvarez e o destacado político republicano D. Emiliano Iglesias, será amenizado o acto por unha banda de música dende as dúas da tarde até as cinco, hora de comezo do mitin. Nese mitin, que se celebrou finalmente o domingo 07 de xuño de 1931, non consta entre os oradores, segundo as páxinas do El Pueblo Gallego do 09 de xuño seguinte, a presenza de Basilio Álvarez.

Sen dúbida Basilio estaba moi atarefado coas eleccións que se ían celebrar o 28 de xuño de 1931, nas que concorría polas provincias de Ourense e Pontevedra, sendo elixido Deputado pola primeira após recibir 38.420 votos, (M. Cabo, 2023, páx. 236)

Wikipedia