O pasado 2 de decembro do 2023 o goberno en minoría de Pazos de Borbén salía en prensa co seguinte titular “Luciano Otero quere aprobar os orzamentos antes de fin de ano”.
A inicios do mes de decembro o BNG non recibira ningunha comunicación por parte do goberno para tratar o próximo orzamento municipal. A sorpresa no grupo municipal foi importante porque enteráronse das intencións do alcalde pola prensa, pero o grupo municipal non tiña absolutamente ningunha proposta enriba da mesa. Recordan, desde o grupo nacionalista, que para aprobar un orzamento Alternativa Veciñal precisa do indispesable voto a favor do BNG. O voceiro municipal Xurxo P. Besadío salienta que “ parece que o alcalde está máis preocupado de lanzar informacións erróneas a veciñanza e sair en notas de prensa que en aprobar uns orzamentos”
Vinte días máis tarde desta nota de prensa do mes de decembro, o alcalde Luciano Otero pasou o borrador de orzamentos o grupo municipal do BNG pero aínda non concertou ningunha reunión formal para falar de propostas. Dende o BNG continúan agardando a convocatoria dunha reunión para
trasladar as súas propostas ao respecto deste tema.
Se Alternativa Veciñal e Luciano Otero pretenden contar co apoio do BNG para a aprobación dos orzamentos municipais debense sentar a falar e negociar co grupo que lle deu a alcaldía. Dende a organización Nacionalista mostran a súa preocupación xa que actualmente cóntase cuns orzamentos prorrogados do Partido Popular os cales non permitiron facer fronte as subvencións dos colectivos culturais e deportivos e temen que esto se poida voltar a repetir.
Despois de seis meses dun goberno municipal marcado “pola falta absoluta de diálogo, pola imposición e pola prepotencia” o voceiro nacionalista mostra a súa preocupación ante a actitude do alcalde “ que en lugar de traballar e convocar a oposición para avanzar nun orzamentos máis sociais e participativos, dedícase a sacar titulares en prensa sen ter ningunha proposta de orzamentos”
