
“ Queda onde todo, absolutamente todo, sexa recíproco” díxome recentemente un amigo nun debate deses quilométricos que alimentan a alma , como o lene aloumiño dunha man amiga alimenta o corazón nos momentos de treboada ou desacougo. E voulle facer caso, si, pois é o máis san e tamén o máis xusto. Nas relacións persoais e ou sociais que mantemos ao longo do noso camiñar, por moito que doa, temos que saber cando marchar. Sen mancar e sen facer que ninguén se sinta xulgado, pero cando non hai reciprocidade hai que marchar, con elegancia e con respecto, pero por moito que fira cómpre marchar.
No transcorrer da nosa viaxe pola vida cruzámonos con moitas persoas, de todo tipo. Todas elas con contradicións, igual ca nós, e con medos angustias e inseguridades, iguais cás nosas. Pero non todas producen o mesmo efecto. Sexa pola razón que sexa , ás veces é unha pura cuestión química, hainas que emocionan, hainas que enriquecen hainas que pasan inadvertidas e hainas que molestan e ou agriden. Cando somos nós os que molestamos a outras e outros, aínda que non teñamos a máis mínima vontade de facelo, debemos marchar de contado. E cando son outras persoas as que nos molestan debemos de pecharlles as portas das nosas vidas.
Hai dúas cualidades nos demais que a min me seducen, que me resultan arrebatadoras, que me enfeitizan me engaiolan e me arrouban, como me arrouba un cálido solpor de outono na ría de Vigo ou a suave caricia do vento de primavera nas fragas do Eume. Son a bondade e a intelixencia. Chegados a este punto da vida, xa con máis memoria que futuro, só admito persoas boas e xenerosas que alimenten de paz , acougo e amor a alma , como o doce bico duns beizos amigos alimenta o espírito nos intres de desasosego e ou axitación. Chegados a este punto da vida, xa con máis memoria que futuro, ábrolles de par en par as portas metafóricas da miña arquitectura emocional ás persoas intelixentes e sabias que me ensinen e que alimenten a miña curiosidade, como o mundo alimenta a curiosidade da crianza que o observa cos ollos abertos como pratos cando vai na cadeira de bebé.
Á escuridade: aos que agriden, aos que ofenden, aos imbéciles que emiten certezas rotundas sen ter nin idea do que están a falar, aos que se cren con dereito a controlar as vidas dos demais, aos que someten a presión a outros e outras para condicionar as súas decisións, aos que tratan de converter a liberdade dos outros e das outras nun acto moralmente indesexable, e por suposto aos fascistas, a todos e cada un dos fascistas, aos que o din e aos que o agochan, pécholles as portas completa total e absolutamente para sempre xamais.
E este vai ser o meu propósito para o 2024 queridos amigos e amigas de Hermes&Atenea e de A Nova Peneira: que todas e todos nós saibamos marchar con dignidade canto nos toque marchar, e que todas e todos nós teñamos a intelixencia emocional necesaria para admitir nas nosas vidas só a compañía das persoas que pague a pena admitir. Que todas e todos, na medida que o contexto social e político nos permita ter unha vida digna, poidamos ter unha vida feliz sen que sexa necesario pedir permiso a ninguén. Saúde.
