Movemento Salceda, 14 de febreiro de 2024
Dende Movemento Salceda animamos a apoiar o cambio en Galiza o vindeiro domingo, facendo que Ana Pontón se converta na próxima Presidenta da Xunta. Consideramos chave un cambio de protagonistas no goberno da Xunta que impulse as moitas demandas pendentes coa nosa veciñanza.
As necesidades en sanidade, nomeadamente no tocante a pediatría, seguen desatendidas pola Xunta. Nos 15 anos de goberno, o Partido Popular non atendeu proxectos tan necesarios como o saneamento en Soutelo e Entenza, o novo enlace da PO-510 na Lagoela ou a necesaria segunda Galiña Azul.
Por todo isto, chamamos á veciñanza a exercer o seu dereito ó voto pensando en clave de País, pero tamén pensando no futuro da nosa vila. Precisamos un cambio de rumbo, unha nova aposta pola vida no rural e unha administración que, de feito, traballe por uns servizos de calidade nas innumerables vilas de Galicia e, por extensión, en Salceda. Consideramos que a alternativa viable é a que ofrece Ana Pontón, unha muller coa forza e preparación necesaria, que dará un novo pulo ó xeito de facer da política un servizo para a cidadanía.
Unha alta participación será chave o vindeiro domingo. Cada persoa que quede na casa fomentará a continuidade do proxecto totalmente esgotado e clientelar do Partido Popular.