Día da Patria Galega, festa e reivindicación

Néstor Rego
Néstor Rego,deputado do BNG

Sempre o 25 de xullo é un día para celebrar e para reivindicar, para a festa e para a loita. E, na verdade, neste 2024 temos moito que celebrar e moito polo que loitar.

O ano comezaba confirmando a Confederación Intersindical Galega como a primeira central sindical do País. A CIG obtivo no proceso das eleccións sindicais 5131 delegados e delegadas que veñen a ser o referendo dos traballadores e traballadoras galegas a un proxecto de sindicalismo nacionalista, de clase e combativo.

En febreiro, o BNG experimentaba un grande avance nas eleccións galegas, co mellor resultado electoral da súa historia, concitando o apoio de case medio millón de galegos e galegas e incrementando de 19 para 25 o número de deputados e deputadas. Con este resultado, a pesar de non ser aínda posíbel desaloxar o PP do Goberno Galego, o nacionalismo consolídase como a única alternativa real para que, alén da alternancia, se produza una verdadeira mudanza política no noso País, que chegará; con certeza, chegará.

Nas recentes eleccións europeas, o BNG coñeceu un novo incremento do apoio político e electoral, conseguindo, por vez primeira en moitos anos, representación na propia noite das eleccións. Na realidade, estes dous procesos de 2024 dan continuidade a un ciclo de aumento continuado nos meses e anos anteriores do apoio, non só electoral, mais tamén político e organizativo, cun significativo incremento da militancia por todo o País.

Todo isto confirma algo que para nós é unha evidencia: cada vez máis galegos e galegas ven no nacionalismo o grande instrumento de defensa da Galiza e dos intereses colectivos dos galegos e galegas, especialmente das clases populares.

Frente a unhas forzas estatais sempre dependentes nas súas posicións do que lles manden en Madrid, mesmo -e non poucas veces- se iso prexudica o noso País, a coherencia política dun BNG que só obedece aos galegos e galegas é recoñecida e premiada. Existe xa unha opinión maioritaria na sociedade galega -así o reflicten as enquisas- de que o nacionalismo é quen máis e mellor defende a Galiza e o pobo galego e a cada día máis das persoas que pensan así dan o paso para o apoio activo.

Agora, a nosa grande responsabilidade é sermos capaces de consolidar esa onda de confianza crecente, alargando a conciencia nacional, a organización e a loita, até conquistarmos a hexemonía social .

Loita, si, porque este é tamén un ano de grandes conflitos sociais, especialmente contra o espolio do noso País. Un espolio que, non o esquezamos, é consecuencia directa da dependencia política da Galiza, da falta de capacidade para decidirmos por nós en función dos propios intereses.

Enfrentar unha ofensiva eólica baseada nun modelo depredador -na terra e no mar-, ao servizo dos intereses das grandes enerxéticas e destrutiva para a Galiza vén sendo motivo de mobilización constante e é necesario que continúe cada vez con máis forza. O nacionalismo, absolutamente implicado nesta loita, dá ademais alternativas dun modelo de produción enerxética renovábel socialmente xusto e ao servizo do desenvolvemento do País.

Aliás, hoxe a grande aposta do poder contraria aos intereses do noso pobo é Altri, en Palas de Rei, como nos anos 70 foi a central nuclear de Xove. Estamos a falar de industrias de enclave, indiscutibelmente de carácter colonial. Mais hai que lembrar que a organización popular e a loita, ben dirixida polo nacionalismo, conseguiu impedir a construción dunha nuclear no noso País. E temos a certeza de coa mesma determinación política e coa mobilización e a loita imos impedir a construción da macrocelulosa na Ulloa.

Mais as loitas políticas e sindicais en que o nacionalismo galego está implicado e empeñado non fican aí. Infelizmente son moitas as frentes abertas e ningunha pode ser descoidada.

Por iso neste 25 de xullo estaremos de novo en Compostela, festexando os éxitos, celebrando o Día da Patria Galega, mais tamén mantendo en alto as bandeiras da reivindicación e da loita, coa certeza de que, se persistimos, habemos de vencer.