Eppur si muove

Alberto Pazos secretario do PPdeG
Alberto Pazos Secretario de Organización do PPdeG e Deputado Autonómico

Corría o ano 1633 cando Galileo Galilei, enfermo e esgotado, sucumbía á presión dos inquisidores e, baixo acusación de herexía e ameaza de tortura, abxuraba dos seus estudos, nos que acreditaba cientificamente as teorías copernicanas, superando definitivamente o modelo xeocéntrico de Ptolomeo.

O sabio toscano víase na obriga de rectificar a súa afirmación de que a terra xiraba arredor do sol pero, conta a lenda, ao final da súa intervención, nun arrebato de dignidade, pronunciaba sotto voce unha frase que reivindicaba a veracidade dos feitos fronte a ignorancia e o prexuízo: Eppur si muove (e nembargantes, móvese)

Cando o pasado 18 de febreiro os galegos fomos convocados para elixir a persoa chamada a dirixir os destinos da nosa terra nos vindeiros 4 anos, tamén tivemos que elixir entre dúas visións contrapostas. A que defende un país gris e estancado, e a que se recoñece nunha Galicia optimista, vibrante, capaz de superar as dificultades para aproximarse paulatinamente á súa mellor versión.

A rotunda confianza depositada en Alfonso Rueda confirma que a opinión que os galegos teñen do seu país ten pouco que ver con esa visión cinza e inmobilista na que teimudamente insiste unha oposición empeñada en pintar unha Galicia negra. Ante eses mantras recorrentes, cabe facer nosa a exclamación de Galileo.

Galicia móvese, e os galegos son plenamente conscientes dese movemento. Saben da mellora da nosa situación económica, do avance en dereitos e servizos que tivo lugar nas últimas décadas, da mellora das condicións de vida experimentada polo conxunto da nosa sociedade, e actúan en consecuencia…

Hoxe, a nosa terra concita a atención internacional e tense convertido nun destino de referencia para milleiros de visitantes, que chegados dos rincóns mais variopintos do mundo, se acercan a coñecer a nosa historia, a nosa cultura, a nosa paisaxe…

Hoxe, presentámonos ante o mundo orgullosos de ter acadado cotas de autogoberno que resultaban inimaxinables para aqueles primeiros galeguistas que arelaban unha Galicia dona de si mesma

Hoxe, desfrutamos dun estado de benestar sen precedentes, cun sistema sanitario público comparable nas súas virtudes, e tamén nas súas dificultades, a calquera sanidade europea. Un estado de benestar no que a solidariedade social alcanza a amplísimas capas de poboación grazas ao compromiso de todos, e no que as nosas fillas e fillos poden aspirar a realizar os seus soños gracias a un ascensor social chamado educación pública, na que calquera galego pode completar a súa formación, dende a escola infantil ata acadar a súa titulación profesional ou universitaria, de maneira gratuíta e sen máis requisito que o seu esforzo persoal.

Achégase o día do Apóstolo, a data na que os galegos celebramos o que somos, e reivindicamos o que anhelamos ser. Un pobo nunca altivo, mais sempre orgulloso, capaz de conquistar a máis rabiosa modernidade, sen renunciar ao vizoso legado de tradición transmitido de pais a fillos ao longo de séculos de historia compartida.

E, precisamente, ese difícil equilibrio entre tradición e modernidade é o norte que guía á inmensa maioría da Galicia democrática. Porque somos máis os que creemos que conservar a herdanza que recibimos dos nosos maiores debe ser compatible co futuro que desexamos para os nosos fillos.

É tempo de festexar a galeguidade, de felicitarse polo vieiro percorrido, e de conxurarnos para seguir facendo camiño. Neste 25 de xullo, celebremos esa Galicia que non para, e na que o único que se mantén inexorablemente inmutable é a vocación dos galegos por seguir avanzando …

E se alguén quixera amargarlle a festa, pintando de negro a Galicia na que vivimos, simplemente alce a súa copa e repita paseniño… Eppur si muove.