Chapela unha e mil veces bereteira

Berete Rock

Volve o Berete Rock a Chapela.

O vindeiro 3 de agosto teremos no incomparable marco de Area Longa a undécima edición do festival “Berete Rock”, un evento xa consolidado na psique colectiva de todas as persoas que amamos o Rock como imperdible: pola súa grande calidade musical e polo lugar tan fermoso no que se celebra. A música é unha das actividades que fan que as persoas sexamos seres humanos, é a antítese da violencia e os salvaxes, a música fainos mellores persoas e o Rock máis e se é o Berete Rock máis e mellor.

Falamos con Diego e Joaquín, da asociación organizadora do festival

Como se presenta esta undécima edición?

Estamos moi ilusionados en que vai saír todo moi ben. Temos algún grupo que seguro fai as delicias do persoal como por exemplo “ Chocolate Sexy”.

Caramba este ano apostastes por Redondela?

Ben, xa que a xente de Redondela non ven a Chapela a ver se así temos máis sorte.

Como que non ven, eu veño sempre?

E estamos moi agradecidos pola túa compañía e polo interese do teu medio Marcos, pero temos a aspiración de que de Redondela veñan moitas persoas máis. Temos un gran cartel que así o merece

Que máis grupos veñen?

“Saratoga”, “Mártires del Rock and Roll”, “Zona cero” e “ Brétema”

As expectativas de asistencia?

Xa o ano pasado foi moi ben a cousa,e as expectativas que temos este ano son mellores. Isto non sei se se poderá dicir na prensa pero o ano pasado chegou un momento en que esgotamos o alcohol.

A cervexa?

Non, todo tipo de bebidas alcohólicas. A partir dunha hora determinada só se podían consumir refrescos.

Iso quere dicir que en canto a asistencia de xente a cousa foi moi ben?

Pois si, e nós encantados desde logo. Non poderiamos precisar con exactitude o volume de xente que nos acompañou pero calculamos que arredor de 3.000 persoas. É a recompensa a un traballo moi duro. Insisto en que temos a convicción de que este ano a cousa pode ir incluso mellor.

Como se financia a organización do festival?

Temos unha achega do Concello e logo tamén a axuda dos patrocinadores privados. Aproveito as vosas páxinas para darlle as grazas a todos e cada un dos negocios que xenerosamente colaboran con nós. Tamén facemos camisolas e sudadeiras que pomos á venda. Logo xestionamos os recursos de maneira responsable. Cada ano procuramos aforrar algo de cartos para na edición posterior poder apostar por grupos de calidade contratada.

As camisolas cambiádeas cada ano verdade?

Si, facémolo así de maneira voluntaria. Sabemos que hai usuarios e usuarias que teñen interese en coleccionalas, e procuramos facer modelos novos que lles resulten atractivos.

Quen os fai os deseños das camisolas?

Os primeiros anos, creo que os 6 primeiros, fíxoos un rapaz que é dos que colabora co “Marisquiño”, os seguintes anos fíxoos unha empresa de Coruña e este ano fixémolo nós mesmos.

Como son as relacións co Concello de Redondela?

O Concello é organizador xunto coa asociación “ Berete Rock” do festival..As relacións con eles como son?, pois todo é mellorable. Nesta ocasión houbo unha incidencia cun grupo que non nos aceptaron, que consideramos que se podería ter xestionado doutro modo. Por outra parte a asignación económica deste ano ao noso xuízo non é suficiente. E non o entendemos, pois o ano pasado déronos os parabéns de maneira moi intensa , manifestaron con claridade que , xunto co do remo, o noso é o evento que máis xente move en Chapela …pero parece que todo se quedou en boas palabras.

Insisto: estamos moi agradecidos ao Concello de Redondela, somos conscientes de que os cartos son os que son e que hai moitas cousas onde investir, pero todo se pode mellorar.

As entradas son de balde?

Si, absolutamente.

Creo que hai xente de Chapela que se involucra de maneira superlativa?

De maneira emocionante, diría eu. Temos por exemplo o caso dun veciño que fico unha foto e escolleu un tema de cada edición e agasallounos un CD á organización. Imposible non emocionarse.

É posible formularse a hipótese de que o festival dure máis días?

Non, en principio non.

Rematamos animando aos lectores e lectoras a que se acheguen ao Berete

Animámolos con toda a intensidade dos nosos corazóns: O evento é de calidade musical extraordinaria, é completamente gratis, o lugar no que se fai é fermoso, e todo invita a gozar dun día deses que deixan pegada na alma das persoas que teñen sensibilidade cara a música Rock: Vide a acompañarnos lectores e lectoras da Peneira, vide por favor, e estamos seguros de que ides repetir.