Mallando en ferro frío

Despois de deixarse os dentes intentando ser Presidente, Fraga Iribarne retirouse aquí creando a súa soñada “Baviera do sur de Europa”. Vernizou o seu pasado fascista cun galeguismo moderado e folclórico co que conseguiu unificar todas as familias da dereita galaica. E así, cunha rede clientelar caciquil forxada durante décadas e co control absoluto dos medios de comunicación públicos e privados, fundamentou o seu reinado. Converteu o PPdG nun Partido-Administración e nunha maquinaria electoral invencíbel. O seu delfín Feijóo herdouno e o primeiro que fixo foi ir desvestíndoo de calquera mácula galeguista. Rueda, directamente, vén de mobilizarse cos galegófobos de Galicia Bilingüe.
Hai quen di que deste xeito, Rueda sería o típico neto que fulmina por excesos e neglixencias a empresa herdada do avó (Fraga). As enquisas e os resultados electorais din o contrario. Malia a desgaleguización do PPdeG iniciada por Feijóo e continuada por Rueda, a súa hexemonía política electoral non se ve ameazada. Goza de boa saúde. O votante medio da dereita en Galiza vaise desgaleguizando e os máis “galeguistas” seguen fieis e non se ven atraídos pola moderación neoquintanista do BNG e moito menos por un PSdeG que muda de líder a cada pouco. A fascinación con Pontón é de autoconsumo: apenas penetrou na base do PSdeG e non resta nin un só voto ao PPdeG. É limitada á burbulla.
A oposición ou non existe ou malla en ferro frío. É estéril. Non hai futuro coa vía electoral, só existe a vía da organización e a rebelión popular. Pero a (auto)organización popular quedou arrasada e a mobilización está castrada e secuestrada polo nacional-autonomismo e a falsa esquerda. As folgas estudantís, lideradas polos sindicatos do BNG e da esquerda estatal, son un rotundo fracaso. A hexemonía sindical do nacionalismo non se reflicte nas rúas. Os movementos sociais non se están a coordinar e vai cada un polo seu lado. Para vencer á dereita, para derrotar aos caciques, para expulsar á oligarquía…, cómpre organización popular, unidade de clase, un Programa claro, medios propios e mobilización continua.
Corruptia, capital Madrid
Acolá. A política española estase a converter nun carrusel de lixo, restroballo e lidro. Os medios conservadores enchen páxinas a falar da corrupción do PSOE. Os medios progresistas fan o propio a falar da corrupción do PP. Uns fan unha lista innumerábel para destacar as corruptelas dos de Ferraz, outros fan o mesmo coa infinita listaxe dos de Génova. Pelexan por ver quen é máis ladrón. Bótanse merda os uns aos outros. Miramos a Tellado sinalando a corrupción allea e pensamos que se meteu o demo a predicador. Os dous partidos máis ladróns e corruptos de toda Europa occidental fiscalizándose entre si coa colaboración dos medios e dos xuíces. O esperpento valleinclanesco no seu máximo apoxeo.
Ao final, todo este espectáculo lamentábel evidencia un facto: o réxime español é intrinsecamente corrupto. O alicerce fundamental de España, dende que existe, é a corrupción. Os dous partidos que sustentan o réxime, alternándose no poder, son corruptos. O sistema mediático español é manipulador e corrupto. O poder xudicial é ultra, elitista e corrupto. A xefatura do estado, ostentada por unha dinastía abominábel, é parasitaria e completamente corrupta. As grandes empresas e os grandes magnates, as oligarquías, as estirpes de múltiples apelidos… todos, todas, son unha maquinaria tremendamente corrupta. España non se debería chamar España, deberia chamarse Corruptia. E nós non deberiamos pertencer a isto.
