G.Figueiredo e Tino Lago.
Non é posible vivir sen memoria. Cando unha persoa enferma de alzhéimer perde os últimos fíos de unión coa súa realidade deixa de ser para sempre xamais. A memoria é a rede que tece as conexións cos que estiveron antes que nós, e posibilita a construción das realidades futuras. A memoria pode ser individual ou colectiva , ambas son igualmente importantes pois, malia que pareza un tópico é real, un pobo que descoñece os episodios máis terribles da súa historia está condenado a repetilos.
O golpe de estado de 1936 que tivo por obxecto conservar o poder para as elites económicas e para a igrexa, e que empregou os métodos máis terribles para acadar os seus obxectivos, como os asasinatos masivos, supón unha traxedia de magnitudes estratosféricas para a sociedade española. Especialmente para os segmentos máis lúcidos e comprometidos coa igualdade, coa razón e coa xustiza social .
A terrible crueldade dos malditos, e mil veces malditos, asasinos fascistas golpeou con especial violencia a unha das familias da nosa cidade, a familia Moreda, de orgullosa tradición barbeira. Catro dos seus membros foron fusilados no monte do Castro, outro, de tan só 15 anos de idade, asasinado na Porta do Sol e algún máis sufriu prisión en distintos campos de concentración.
Nós quixemos coñecer a súa historia, alén de recoñecer con admiración e respecto o seu compromiso co resto da sociedade, e falamos con Xavier , un coñecido activista vigués pola memoria.
El é natural de Vigo e reivindica con orgullo a súa orixe nun barrio que ten unha importante personalidade propia, o barrio de Teis. Xavier Moreda naceu no ano 1959 e todo comezou cando sendo moi neno xurdiu a pregunta inevitable: Por que non teño eu avó?
Xavier Moreda activista pola memoria histórica.
“ A cruz do Castro, situada no lugar no que asasinaron á miña familia, insúltame. O alcalde de Vigo é un desertor”
.
Cando iniciaches a túa actividade política?
Entrei con 18 anos na Agrupación Comunista de Teis. Organización de grande importancia histórica á que pertencían xente como Waldino Varela, moi coñecido nas loitas sindicais e sociais dos anos 70 do pasado século.
De feito era tan importante no noso país, que nos primeiros anos da restauración borbónica a organización de esquerdas que en Galicia tiña un corpo real de militantes era o PC,verdade?
Si, en efecto así era. O PC era o que tiña a tradición militante e combativa. En Vigo tiña un corpo militante moi importante, entre o que estaban xente de indiscutible traxectoria ou de compromiso político inquebrantable. Persoas que estiveron escondidas no barrio das flores como Cabaleiro, Repolo… os veciños de Teis cando tiñan un problema ían directamente ao PC. A agrupación Comunista de Teis tiña a sede na rúa Bos Aires.
Entón o PC de Vigo tiña un corpo de militantes tan importante, que incluso tiña subsedes nos barrios?
S, a de Teis era moi importante por todo o que organizaba.
En que momento es coñecedor da represión terrible que sufriu a túa familia ?
Aos 11 anos fixen unha pregunta tan sinxela como onde está o meu avó. Eu non tiña nin aldea, nin avó.
Quen empezou a contarme foi sobre todo a miña nai. A familia represaliada foi a familia do meu pai, e foi a miña nai a encargada de ter a moral do meu pai levantada.
De onde eran o teu pai e a túa nai?
O meu pai era de Cabral e a miña nai de Santa Cristina.
Que foi o que che dixeron cando preguntaches por que non tiñas avó?
O avó morreu na guerra. Esta era a maneira de facer que non preguntara máis porque si daquela ías ao colexio contando estas historias espetábanche aquilo de “puto rojo”. Tiveron coidado e fóronme contando cousas aos poucos. Contáronme que o meu avó foi o primeiro barbeiro da familia, foi barbeiro e era gaiteiro recoñecido que aínda se coñece agora no mundo dá música.
O teu avó Constante foi o primeiro perruqueiro da familia. Onde tiña o salón de peiteado?
En Cabral.
O teu pai foi perruqueiro tamén?
Si, e eu seguín coa tradición familiar.
Sígueme contando do teu avó?
O meu avó era o barbeiro e dígoo con orgullo. Cando o detiveron preguntáronlle onde estaba e el dixo que no salón de peiteado.
Como foi o proceso de detención e por que feitos o detiveron?
Detiveron a parte da familia polo asalto ao chalé de Núñez no Calvario, un coñecido empresario da dereita local. Tiñan présa por detelos por algo e este asalto foi a escusa, o meu avó non estaba alí que estaba a cortar árbores e tirando a ponte de Cabral para que non pasasen as tropas franquistas, e o resto da familia non está demostrado que participasen neste asalto.
Onde o chaman a declarar?
Detéñeno e lévano ao cárcere de Príncipe, o que é agora o Museo do Marco. Deteñen ao meu avó, a un cuñado e ao meu bisavó.
Que pasa cando declaran?
Xa non saen do cárcere.
Despois da lectura do bando de sublevación franquista na Porta do Sol o 20 de xullo o meu avó e o seu pai non poden escapar e esconderse, o meu avó tiña ao meu avoa encamada. Alén do asasinato desas 3 persoas temos outro familiar asasinado. El é Lenin Moreda, de tan só 15 anos de idade, un curmán do meu pai que estaba na Porta de Sol escoitando a lectura de sublevación e foi asasinado alí mesmo, ese 20 de xullo de 1936.
Que pasou despois da declaración?
Deciden que todos os que están procesados son asaltantes do chalé e son condenados á morte.
Cantas persoas son?
O 10 de decembro de 1936 son doce fusilados no monte do Castro:
José Moreda Vázquez, Constante Moreda Vázquez, Manuel Acuña Gómez, Urbano Rodríguez Moledo, Manuel Moreda Outeiral, Luís Ferreira Viéitez, Luís Martínez Román, José González Andreu, Antonio Sayar Carrera, Manuel Núnez Álvarez, Fernando Lago Fernández e Fernando Costas Méndez.
Cantos deles son da túa familia?
Catro persoas. O meu avó Constante Moreda, o meu tío avó José Moreda que era uns dos fundadores en Vigo do PC e o pai de Lenin e doutra filla que se chamaba Pasionaria, parece que con estes nomes xa estaban condenados a morte . O meu bisavó Manuel Moreda Outeiral e Luis Martínez, o marido dunha Moreda.
Que barbaridade, catro familiares fusilados e entre eles pai e fillo, e un neto asasinado na Porta do Sol uns meses antes. De todo isto vaste decatando aos poucos, e supoño que a medida de que te vas dando de conta da traxedia que azoutou á túa familia o impacto sería brutal?
Si, claro. Isto sabémolo agora porque fun coa miña irmá Giovana ao arquivo de Ferrol. A miña irmá fotografou máis de 3.000 páxinas relativas a distintas causas.
É fácil acceder ao arquivo militar de Ferrol?
Si, é fácil. O difícil é traballar alí, o arquivo está totalmente descoidado, iso demostra unha vez máis que non hai ningún interese real en que a memoria se coñeza. Os funcionarios compórtanse como deben e facilitan as cousas pero o arquivo é patético.
En que ano acededes ao arquivo militar?
Fai uns tres anos.
Entón ata fai ben pouco non sabias moito da historia?
Sabía que asasinaran aos tres pero non sabía o caso de Luis Martínez. Sempre escoitara falar de moitos asasinados na familia, agora estamos a descubrir de verdade cantos son e porque causas. Sabemos que Alfonso, un irmán do meu avó, foi asasinado en Burgos no ano 37.
Que facía en Burgos, traballaba alí?
Aínda estamos a investigar, cremos que escapou e collérono alí. Temos claro outro caso: outro irmán do meu avó, Eulogio. El foi represaliado pero conseguiu sobrevivir. Sobre el temos a documentación da causa, cólleno e méteno directamente en prisión sen xulgalo, e trasládano por cinco campos de concentración diferentes.
Da comarca?
Empeza na comarca e remata en Marrocos.
Había campos de concentración en Marrocos?
Había máis dos que pensamos. Nos papeis de Eulogio pon que non se atopou nada pero xa se verá máis adiante. Parece incríbel pero si, procesado sen nada e paseado por diferentes campos de concentración.
Que foi de Eulogio?
Eulogio viviu, volve para Vigo esnaquizado, estigmatizado, condenado a non volver traballar xamais por ser “Rojo” e confíscanlle todos os seus bens a partir da lei do 39.
Como valoras o enfoque dos poderes públicos sobre a Memoria histórica?
Eu non lle chamo Memoria histórica, chámolle Memoria antifascista. Incluso os que non eran antifascistas e non estaban metidos en política foron asasinados polos fascistas, masacrábase e cortábase todo aquilo que tivese que ver con avances e melloras para as clases traballadoras e para as mulleres.
Entón, como valoras a situación da Memoria sobre aqueles terribles episodios?
Creo que continúa sendo dilatoria. Se tivesen aplicado xa as convencións internacionais non tiñan que ter inventada ningunha Lei da Memoria. Penso que se o queren facer de verdade teñen que poñer ben os arquivos e facelos públicos, con isto xa non sería necesario convencer a ninguén do sucedido. Eles mesmo, nos seus papeis, contaron todo o que fixeron durante 40 anos, porque se crían que tiñan a razón, masacraron á xente no que foi un auténtico xenocidio..
A Guerra Civil en Galicia non existiu, aquí houbo un golpe de estado e un xenocidio contra os que se opuxeron ao golpe de estado ou contra os que non simpatizaron o suficiente con el. Non facía falta facer nada, se alguén te denunciaba porque lle caias mal, ou estiveras nunha mesa electoral xa estabas no punto de mira.
Que se fale disto coma se fose un partido de fútbol onde había dous bando non é axustarse á realidade. Aquí non había bandos, había unha banda de criminais que créndose coa razón, asasinaban a calquera e logo, estaba a xente normal, os veciños e veciñas que querían avanzar e vivir tranquilos.
O departamento de Memoria histórica da DEPO Pontevedra tiña unha actividade moi salientable, con persoas moi solventes e moi sensibles a este tema como Montse Fajardo. Cando entrou O PP na Deputación cargáronse o departamento. A posición do PP sigue sendo hostil á memoria histórica?
Absolutamente. En Galicia penso que algo menos porque hai xente do PP que sabe o que pasou porque sucedeu na súa propia familia pero, publicamente, por estética, non son belixerantes. A Memoria ten unha utilidade determinada para entender o sucedido, e o que fixo o PP co departamento de memoria histórica da DEPO é lamentable.
Para acabar: queremos saber a túa opinión sobre a posición do alcalde de Vigo en relación á Cruz do Castro?
Para min o alcalde de Vigo é un desertor. Alguén que non ten a valentía de darlle á Memoria a utilidade que ten e, que ademais, pon un Santo na Guía, o Sacro Corazón, que sabe que é unha figura que utilizou o fascismo, ou que non retira a Cruz do Castro nun lugar especialmente preocupante, lugar que me fai dano e insúltame porque é onde foi fusilada a miña familia.
