Javier Bas, Presidente do PP de Redondela

Javier Bas
Marcos Santos e Tino Lago

Redondela é un dos Concellos nos que ANP ten unha penetración máis significativa.Esta localidade está nun momento político de especial tensión e nós imos coñecer desde agora, e nas sucesivas edicións da nosa publicación, as valoracións dos representantes de todos os partidos da corporación.Comezamos falando co popular Javier Bas.

O problema de Digna Rivas non é de vontade, é de incapacidade”

A última vez que falamos, hai uns meses, dixeras que a túa valoración do goberno municipal de Redondela era catastrófica. A día de hoxe como é?

Peor que catastrófica.

Por que?

Hoxe mesmo lemos na prensa como ao concelleiro de facenda se lle retiran ás súas funcións. Se o estivera facendo ben non estariamos nesa situación. Os feitos danme a razón: Naquela entrevista eu díxenche que os pagos do Concello estaban intervidos pola administración do estado. A alcaldesa negouno, nunha entrevista posterior no voso medio, mentindo de maneira descarada.

Naquela entrevista a alcaldesa atribuíu os atrasos nos pagos das facturas a un problema informático. Non existiu ese problema ?

Outra mentira máis. O problema existiu, si. Pero é de agosto do 2023, e os incumprimentos no período de pagos comezan en decembro do 22. Polo tanto resulta evidente que a informática non é a raíz do problema.

Cal é?

A nefasta xestión económica do goberno municipal.

E logo, as facturas pendentes aboáronse en moi pouco tempo?

Contéstoche remitindo á nota de prensa que tiramos en aquel momento: Se a alcaldesa considera que 1.000 días para pagar as facturas é unha boa nova apaga e vámonos. A alcaldesa di que tiña liquidez , pero ese remanente non resulta da xestión económica senón do feito de non ter pagado as facturas pasadas. Tamén manifestou que unha vez que as pagara a débeda sería 0, e de novo volve mentir, pois unha vez pagadas a débeda era de 800.000€ .

Para cubrir esa cantidade tivo que pedir un préstamo que foi o que se aprobou en pleno. Esa cantidade, que non é menor, 800.000€ resultan da caótica xestión económica do goberno

Ese préstamo obriga a que o Concello teña que facer un plan de axuste, alén de que perdemos subvencións que aproveitan outros.

Que implica ese plan de axuste ao teu xuízo?

Temos que xustificar ante o ministerio que imos facer para que a situación non se repita. E o goberno o que fai é rebaixar os custes das horas extras e subir a taxa de lixo, pero a parte de gasto superfluo non a tocan. E iso que significa? Pois que a pésima xestión de Digna Rivas vana pagar os veciños coa estratosférica suba da taxa do lixo.

Vós votastes en contra dese préstamo de 800.000€, por que?.

Nós non podemos avalar que a pésima xestión do goberno a pague a veciñanza. Eu pedinlle a dimisión e a partir de aí colaborariamos nunha fórmula sensata para pagar esas facturas.

Que dimitira ela como alcaldesa?

Si, Digna Rivas non pode seguir dirixindo o Concello.

Valíache calquera outra persoa no seu lugar?

Calquera outra persoa faríao mellor con seguridade. O problema da alcaldesa non é de vontade , o seu problema é a súa incapacidade.

Eses 800.000€ eran necesarios?

Si, eran necesarios para pagar as facturas pero non era a única solución. Había alternativa.

Cal?

Nestes anos Redondela superou o récord de ingresos tributarios por parte do estado, que tamén podiamos dicir que con eses ingresos podería ter xestionado moito mellor do que o fixo. O Goberno tiña a a posibilidade de ter detraído parte dese diñeiro para poder pagar esa débeda.

Cando nós chegamos no 2011 tiñamos unha situación moito peor: 2 millóns de € de facturas no caixón, un endebedamento bancario de 11 millóns e unha crise económica que non deixaba case marxe de manobra. E nós nese contexto non subimos ningún imposto, ao contrario baixamos o Ibi, e os veciños non tiveron que soportar no seu peto a solución da delicada situación económica.

Como se conseguiu entón?

Con xestión.

Xa, pero en concreto con que xestión?

Reducindo gastos.

Que gastos?

Os privilexios que tiñan os partidos políticos, e os salarios dos liberados.

Ti reduciches o teu salario persoal como alcalde?

Eu cando cheguei á alcaldía pasei a cobrar menos do que cobraba na empresa privada. Libre e voluntariamente, que quede claro. Pero así entendo eu o servizo público. Nos meus dous mandatos reducimos aproximadamente 1 millón de € de débeda ao ano

Non entendo eu como se pode reducir esa cantidade de débeda só con contención salarial?

Tamén coa nosa capacidade para negociar coas administracións convenios e actuacións que foron enormemente beneficiosas para Redondela.

Con que administracións?

Con todas.

A Xunta de Galicia trata igual a Redondela agora que cando ti eras alcalde?

Absolutamente si. O problema é que ten que haber unha comunicación fluída coa Xunta e non a hai.

E non a hai só do Concello coa Xunta, ou tampouco a hai da Xunta co Concello?

Cando estaba Xaime Rei a comunicación Xunta Concello era boa. O problema é Digna Rivas porque desenvolve unha política de falta de lealdade institucional evidente.

Que significa “falta de lealdade institucional”?

Pois por exemplo se hai unha reunión e se pactan determinados acordos saír ao momento á prensa a poñer a caldo á persoa coa que acabas de acordar.

E iso cando pasou?

Era un exemplo do que pode ser deslealdade institucional. O que si pasa é que está continuamente disparando contra a Xunta de maneira inxusta.

Dime un exemplo?

Un destes días: Está reivindicando que se pilote o peirao de Cesantes, e na miña época xa había 1 millón de € para esa actuación. Cando hai cambio de goberno e entra a actual alcaldesa di que non o quere facer.

Se hai algo que me gustou de ti é que cando fuches alcalde, sabendo como sabes a liña editorial de ANP e coñecendo como coñeces o meu pensamento político, sempre me sentín tratado de maneira xusta e respectuosa. Pero agora o que me parece entender é que non hai boa relación entre a Xunta e o Concello porque á Xunta non lle gusta Digna Rivas. E a obriga de calquera administración é tratar por igual a todos os administrados con independencia de se lles gustan ou lles desgustan. É así?

Si, claro que é así. E é exactamente así como funciona a Xunta de Galicia.

No asunto da Avenida Mendiño a Xunta está tratando a Redondela con xustiza?

Cando eu era alcalde aceptara un proxecto para actuar nesa avenida. Unha vez cambia o goberno o BNG presenta unha moción no parlamento rexeitando o devandito proxecto. O PSOE vota a favor desa moción e a Xunta decide non desenvolver un proxecto que Redondela non quere.

A Xunta xa ten os cartos para actuar aí. Pero Redondela ten que facer o proxecto e licitar. Se cadra é que prefiren ten a situación parada para poder criticar á Xunta.

Dicíasme que a suba do lixo é “ estratosférica”?

Si, si que o é.

Pero todos os concellos galegos, ou polo menos moitos deles, van subir a taxa do lixo como consecuencia do encarecemento do canon de Sogama

Vamos ver: Primeiro hai que deixar claro que o canon de Sogama non sobe como consecuencia dun incremento da presión fiscal que faga a Xunta, iso é falso, sobe como consecuencia do aumento dos impostos que nesa materia establece o goberno central. Imposto, que non estaba na obriga de subir, pois outros estados da UE non o fixeron.

Aclarada esta importante cuestión, dicir que a suba de Sogama que lle corresponde a Redondela son 400.000€, dos que a Xunta financia, si, a Xunta que quede claro tamén, unha parte moi importante, co que ao Concello só lle correspondería asumir unha suba de 176.000€.

O aumento da taxa de lixo, que eu considero que roza a confiscación , vai supor 1,5 millóns de € adicionais que terá que pagar o pobo de Redondela, case 9 veces máis do que efectivamente lle sobe ao Concello o que abona a Sogama. Polo tanto que a suba do lixo sexa unha consecuencia do canon de Sogama é unha mentira máis deste goberno. A suba do lixo no noso Concello fai pagar ao pobo de Redondela a inepcia do goberno en xeral e da alcaldesa en particular. De aí a nosa petición de dimisión.

Cando formulas esa petición de dimisión tiñas, honestamente, algunha expectativa de que a alcaldesa a levara a cabo?

Non.

Entón para que a fas?

Pois porque a miña obriga é buscar o mellor para Redondela. E o mellor para Redondela é que esta alcaldesa se vaia. Por outra parte alén dunha confiscación esta taxa é irracional.

Por que?

Porque a parte variable non se vai cobrar en función do lixo xerado, senón en función dos metros cadrados do negocio que pague. O único lixo que xera custe é o orgánico, o que vai ao contedor verde. E que custe xera o despacho dun arquitecto, dun avogado…?.Ningún. Por outra parte as diferenzas de prezos son un absoluto disparate .Fíxate: un profesional que teña un local de 249 metros cadrados paga 600€ e se supera os 250, aínda que só sexa nun metro, se o seu local fose de 251 metros pagaría 1.140€.Onde se viu tal disparate?

En definitiva: A taxa é unha confiscación, unha irracionalidade e un disparate.

E o BNG apoiou este atraco á veciñanza, quero que quede claro tamén.

Sobre a remunipalización do servizo cal é a túa opinión?

É papel mollado. Non é viable. Por que non o fai o BNG en Pontevedra, cidade na que levan un feixe de anos gobernando?.Non o fan porque non se pode facer.

Cando fuches alcalde precisaches a abstención de AER na investidura. Eles nunca te pediron a remunipalización dese servizo?

Eu non negociei a miña investidura con AER.

Vale, non cho pediron en ningún momento dos teus oito anos de alcalde?

Faláronme diso nalgunha ocasión, si.

E ti que contestaches?

O mesmo que estou a dicir agora: que non é posible.

Por que fixestes “casus belli” no tema do cambio de nome da rúa Alfonso XII?

Redondela ten unha enorme cantidade de problemas, entre os que quixera destacar o abandono das parroquias, e esta cuestión é unha frivolidade, que xera conflito entre veciños, vai supor problemas administrativos para quen vive alí e que se pretende facer sen o rigor histórico nin a transparencia necesaria.

Pero Alfonso XII chega ao trono despois dun golpe de estado, o pronunciamento de Martínez Campos en Sagunto, que acaba coa 1º República. O feito de que unha das principais rúas de Redondela estea dedicada a un golpista carece de relevancia para o PP de Redondela?

No pleno no que se debateu ese asunto acudiu un historiador que puxo en valor a figura de Alfonso XII. Eu non son historiador e non vou contradicir a ese historiador. Se só nos quedamos cunha parte da historia seguro que teriamos que desbotar moitas circunstancias que na actualidade se poñen en valor.

Que tal te sentes no teu traballo na DEPO?

Enormemente satisfeito. Estou facendo municipalismo que é o que a min me gusta. Ademais creo que se pode dicir obxectivamente que esta DEPO está a facer un traballo magnífico, beneficiando a todos os concellos por igual.

Rematamos: Como valoras os datos que ven de facer públicos o IGE sobre o estado de saúde do idioma galego?

Eu asumo a política lingüística da Xunta de enfocar este asunto de maneira natural e sen imposicións. O galeguismo do PPdeG non o pode discutir ninguén.

Home, cando Alfonso Rueda foi a aquela manifestación dos ultra españolistas de “Galicia bilingüe” agora “Hablemos español”ese suposto galeguismo moi patente non quedou

Repito:O noso galeguismo non é cuestionable, e nós seguiremos traballando para protexer o idioma e a cultura galega, iso si, sen imposicións.