Shehab El-Din, xornalista gazatí

Shehab El-Din, xornalista gazatí
Pé de foto: Manolo Garrido e Shehab El-Din

A finais do pasado decembro, grazas á xentileza do activista Manolo Garrido, tivemos a oportunidade de entrevistar ao xornalista gazatí Shehab El-Din. El é apenas un mozo de 28 anos que, sendo tan novo, xa se viu na obriga de vivir as realidades máis terribles da existencia: a guerra, a pobreza, a fame, a morte de seres queridos e a angustia de non poder ter outra expectativa vital que a de continuar con vida o día de maña.

Cando rematei de conversar con Shehab, mentres camiñaba cara ao aparcadoiro no que estacionara o meu coche, pensaba en como era a miña vida aos 28 anos e nos problemas que podía ter eu naquel momento e non puiden evitar sentir admiración por un rapaz que despois de ter vivido no inferno é capaz de manter o equilibrio e a serenidade, alén dun inmenso sorriso como a media lua coa que se identifican os pobos árabes. Igualmente foi inevitable sentir certa vergonza por formar parte dun mundo que non pode obviar a súa responsabilidade na masacre doutra parte do mundo que está a ser masacrada, pois como pouco mira a outro lado, e unha enorme carraxe ante o imperialismo sionista e calquera outra clase de imperialismo que no presente , no pasado ou no futuro basee o seu benestar na explotación e no abuso de outros.

Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Teño 28 anos e xa vivín 7 guerras, a fame, os traslados forzosos, a destrución de todo o meu contexto e o recente asasinato da miña irmá nun bombardeo israelí”

Onde naciches ti?

Eu nacín en Libia. A miña familia é palestina, e como tantas outras, foi expulsada dos seus fogares polos sionistas.

Son moitas as persoas que no proceso de creación do estado de Israel foron expulsadas das súas casas para que se instalasen colonos xudeus?

Son moitos milleiros. Cada familia expulsada buscouse a vida onde puido, a miña fíxoo en Libia que foi onde eu nacín.

A túa familia de que parte de Palestina procede?

A miña familia procede dunha zona na Palestina ocupada que está cerca da fronteira norte de Gaza, pero que hoxe forma parte do estado de Israel.

Cantos anos tes?

Nacín en 1996, teño 28 anos.

Non quero entrar en detalles, que seguro son terribles e pertencen ao campo da túa estrita intimidade persoal,pero para o novo que es, viviches as partes máis espantosas da vida?

Si, é certo. Teño 28 anos e xa vivín 7 guerras, pasei fame, vin a destrución de todo o meu contexto e o asasinato de familiares directos.

En que cidade de Libia naciches?

Nacín en Bengasi, a segunda cidade máis importante do país.

Como se desenvolveu a túa infancia e mocidade ata chegares a esta este punto, estar en Galicia no momento actual?

Os meus primeiros anos de vida foron en Libia, logo fun a Iemen, á capital, alí estiven vivindo durante 10 anos, posteriormente estiven un tempo en Sudán e máis tarde fun a Exipto. Nese país estiven un mes e 22 días vivindo na fronteira, ata que puidemos pagar a uns exipcios , esas persoas, para que me axudaran a entrar en Gaza.

Que persoas?

Non sei se dicir traficantes, vou deixalo en intermediarios.

En que ano foi?

No ano 2007.

En que cidade de Gaza entraches?

En Jabalia. Estiven arredor de 4 anos estudando nunha escola desa localidade e despois foron trasladándome a zonas diferentes de Gaza. Estivemos sobre 15 anos por diferentes sitios de Gaza ata que conseguimos a nosa propia casa.

Que facía a túa familia para gañarvos a vida?

O meu pai daba clases na universidade, a miña nai cando estivemos en Iemen deu clase tamén nun colexio dese país, en Gaza traballaba na casa.

Como era a vida en Gaza naquel tempo?

Depende da época e das circunstancias: ás veces era mellor, ás veces era peor. Como antes mencionei eu xa vivín sete guerras. Aproximadamente entre unha guerra e outra había dous anos de calma.

Só imaxinalo produce pavor. Como é posible, vivindo 7 guerras en 14 anos, manter un mínimo de equilibrio emocional?

O que vou dicir é terrible: pero acábaste afacendo. Nós, como calquera pobo do mundo, só queremos vivir libres e en paz na nosa terra.

Que estudaches en Gaza?

Un mestrado en relacións públicas. Dei clases na universidade e traballei pola miña conta facendo xornalismo e fotografía para algunhas publicacións.

Gustábache?

Moito, especialmente a fotografía porque ao meu xuízo ten maior potencial para expresar.

Ata cando estiveches en Gaza?

Ata setembro deste ano.

Entón viviches en primeira persoa as consecuencias da actual invasión israelí?

Si.

Cóntanos a modo de síntese como foi a vida desde outubro do 23 ata setembro do 24 que saíches de Gaza?

Terriblemente difícil: Morte, destrución, fame, miseria e traslados forzosos constantes. A miña familia puido saír a Exipto e en Gaza só quedamos a miña irmá e máis eu. A miña irmá morreu.

Morreu, ou foi asasinada?

Foi asasinada por un mísil israelí que bateu directamente na súa casa.

Cantos anos tiña?

32 anos. Morreron ela e un fillo e quedou con vida a outra filla, unha cativa sen pai e sen nai, a miña sobriña.

Onde e con quen vive a meniña?

Está en Gaza, vivindo cuns amigos.

Como se chamaba a túa irmá?, quero reflectir o seu nome, para amosarlle todos os meus respectos

Moitas grazas. Chamábase Lamís

Como puideches saír de Gaza no estado de guerra no que estaba cando saíches en setembro?

Conseguín unha oportunidade para poder saír. Logreino como acompañante dun enfermo. Tiven que pagar moitos cartos. Fun a Exipto, logo a Emiratos, pero alí prohibiron a entrada aos palestinos e vinme na obriga de ir a Omán.

Canto tiveches que pagar para poder saír, e a quen ?

Paguei 6.000 dólares,pois a unha especie de mafia. Estamos falando dunha zona de guerra e esta situación está por encima de calquera outra cuestión, crea monstros por todas as esquinas, tamén no tráfico de persoas. En Exipto hai unha oficina que se dedicaba a recadar fondos de todos os cidadáns de Gaza que intentaban saír.

Non puideches sacar á túa sobriña?

Cando ía saír con ela non permitiron que me acompañase. Tratei de volver para non deixala soa pero non me deixaron.

Como chegaches ao estado español?

Conseguín un visado dun mes na embaixada española en Omán.

Cando che caduca?

O 17 de xaneiro

Onde vives agora?

Estou na Coruña cunha amiga que foi a que me axudou para poder vir a Galicia

Que vas facer cando che caduque o visado?

Non o sei, a verdade estou un pouco perdido. Encantaríame poder traer á miña sobriña e conseguir un traballo aquí que me permitira estabilizarme. Gústame Galicia, o clima é igual que en Gaza.

Terminamos: cal é,ao teu xuízo, a solución política máis adecuada para que a violencia remate dunha vez?

O estado de Israel debe de ser expulsado das terras de Palestina. Algo que Israel non vai facer, máis ben parece que queren facer o contrario, controlar cada vez máis zonas, así o vemos nas súas intervencións en Siria e no Líbano. De feito hai soldados israelís que levan cosido nos seus uniformes un mapa no que aparecen estes países como parte do seu ideal “gran Israel”.