Siria

Artigo de opinión A Nova Peneira

Facer leña da arbore caída.

Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Sergas

A falsa esquerda celebra a caída de Siria nas mans dos xihadistas rebandadores de pescozos como se chegara unha liberación a ese país. Son os mesmos que critican á Venezuela Chavista ou á Nicaragua Sandinista, os que aplaudiron á Otan cando bombardeaba Iugoslavia ou Libia, os que defenden o réxime nazi da Ucraína.

Siria desfíxose e desapareceu, o que hai hoxe non se pode chamar así e probabelmente nunca voltará ser o que era, un país multicultural e multiconfesional onde os seus habitantes convivían e se respectaban. O seu pecado, non axeonllarse ante as exixencias do imperio para recoñecer o estado colonial de Israel e ser un dos maiores apoios á loita do pobo palestino.

Foron catorce anos de agresión.

Primeiro foron sancións e os bloqueos económicos, despois veu a violencia de grupos fanáticos xihadistas importados de múltiples países e por último a invasión de parte do territorio por USA e Turquía para roubar o petróleo e os cereais. Todo isto acompañado dunha campaña mediática de criminalización da vítima e de agochamento do sufrimento do pobo sirio.

Foron anos en que, como ao can de Castelao, se lle ofreceu ao presidente Bashar Al Assad que se domesticara para ter unha vida máis regalada. Porén, Siria resistiu durante este tempo e Israel non puido impedir o apoio ás forzas da resistencia palestina e libanesa, nin invadir o seu territorio.

Pese a todo, catorce anos de bloqueo e guerra conseguiron o seu propósito e Siria caeu en mans dos depredadores. As causas concretas, quen se vendeu e traizoou, os detalles desta rápida desfeita, saberémolas co tempo.

O imperio repite a xogada.

O que estamos vendo na Siria é un novo remake do acontecido no Iraq, en Afganistán e Libia. A destrución dun estado e a súa posterior balcanización, para levalo á idade media da man duns fanáticos ao servizo do imperio, facendo que loiten entre si mentres son saqueados os seus recursos naturais. E coa complicidade do novo goberno os sionistas levan os seus tanques até as portas de Damasco e bombardean toda a infraestrutura miliar do país.

Hoxe xa son evidentes as condicións de vida do pobo sirio. Aínda que os medios de desinformación traten de vendernos o paraíso na terra na nova Siria, o Edén destes asasinos reconvertidos en “rebeldes moderados”, apoiados económica e militarmente polo occidente colectivo, consiste en linchamentos e execucións públicas de alauitas ou cristiáns, en mulleres cubertas de arriba a baixo como nunca se vira nese país, na queima de árbores de nadal e vandalización de mesquitas e igrexas.

Todo isto non o vemos nos telexornais, nin nolo contan nos informativos das radios, nin publicado nos xornais. Vivimos nunha “realidade” irreal onde todos os medios difunden as mesmas mentiras prefabricadas.

Coa caída de Siria perdemos todos, desaparece unha peza na loita mundial contra o imperialismo, e sobor de todo perden o pobo palestino e a resistencia libanesa un dos seus maiores e mellores aliados na súa loita contra a entidade criminal sionista. Siria era un obstáculo para o control desta zona estratéxica por parte dos USA, e para o expansionismo do seu monicreque Israel. Nos próximos anos Siria converterase nun inferno para os seus habitantes, especialmente as mulleres, grazas os grandes defensores da “democracia” e de un mundo baseado en “regras” (as súas).

Lamentábel a complicidade e os parabéns da civilizada “esquerda” europea ante esta desfeita.

Marín, 30 de decembro de 2024.

Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago.